O propietario do Saltamontes no que se produciu o accidente mortal o verán pasado en Vigo acolleuse ao seu dereito a non declarar tras ser citado como investigado polo Xulgado de Instrución número 3 da cidade olívica, que na actualidade trata de dilucidar o caso. A pesar de acudir na mañá deste xoves ante o xuíz, o home acolleuse ao seu dereito de non declarar. Tanto este home, como o presidente e a propia comisión de festas foron citados como investigados polos feitos por un presunto delito de lesións. Precisamente Cristian González acudirá ante xuíz a finais do mes de maio.
Pola súa banda, o avogado da muller que estaba co falecido no momento dos feitos, Francisco Méndez, indicou aos medios de comunicación que aínda está pendente que o xulgado resolva un recurso presentado despois de que se desestimase citar como investigados a algúns representantes municipais. En concreto, referiuse á concelleira de Festas, Patricia Rodríguez, e á responsable da área de Seguridade e outros dous técnicos locais que emitiron informes relacionados co estado da atracción accidentada.
FEITOS
Foi na madrugada do venres para o sábado, 3 de agosto, cando un mozo de 36 anos faleceu nas festas de Matamá, en Vigo, tras romper un brazo dunha atracción de feira e quedar encaixado na estrutura. O home, veciño da cidade olívica e natural de Viana do Bolo, estaba acompañado dunha muller, que saíu ilesa do accidente. A partir de aí, comezou unha investigación xudicial para esclarecer o ocorrido, imputándose agora ao presidente da comisión de festas, á entidade e ao propietario do Saltamontes.