A Asociación de Directoras e Directores de Colexios Públicos de Vigo (Adicopuvi) e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e comarca (Foanpas) manifestaranse o vindeiro mércores, día 16 de outubro, pola “falta de apoios” a nenos con necesidades especiais tras a redución da xornada lectiva dos profesionais. En rolda de prensa, ambas as entidades lamentaron a situación “insustentable” que viven os centros educativos da cidade e de toda Galicia, solicitando unha actualización do catálogo de postos de traballo dos colexios e institutos ao rexistrarse nos últimos anos un aumento “notable” de alumnos con dificultades na aprendizaxe.
Así, o presidente de Adicopuvi, José Carlos Abalde, explicou que neste inicio de curso, a situación vivida nos colexios galegos é difícil, debido a que entrou en vigor o acordo alcanzado entre a Xunta e sindicatos. Isto supón, entre outras medidas, unha redución de dúas horas lectivas por profesor. “O cal, leva a que haxa por cada centro un ou dous profesores menos. Non en número de profesionais, senón que se reducen as horas de cada mestre que antes se utilizaban para apoiar aos nenos que teñen necesidades especiais”, indicou Abalde, solicitando que esta redución de horas implique a contratación de máis profesores para manter os niveis previos.
Ademais, lamentou que certos programas de apoio que se lanzan cada ano aínda non chegaron, o cal complica máis a situación. “Os especialistas en pedagoxía terapéutica (pt) ou audición e linguaxe (al) non dan abasto”, subliñou, engadindo que non poden atender con menos horas a máis alumnos. Isto implica, ao seu xuízo, que nenos teñen que quedar sen atender, “con todo o que pode supor para o día de mañá a esa criatura”. Na mesma liña falou a presidenta de Foanpas, Iria Salvande, quen trasladou tamén a importancia de que os apoios non só queden na educación primaria, xa que nos institutos os rapaces tamén necesitan un reforzo para poder alcanzar unha boa educación.
Ela ve imprescindible unha actualización do catálogo de profesorado por centro, debido ao aumento de nenos con necesidades especiais. “Úsase de escusa por parte da Consellería, que sempre din que se cumpre o catálogo. Pero é que non está actualizado. Úsano de xustificante, pero é un documento que leva moitísimos anos sen actualizar”, reivindicou. Ambas as asociacións insistiron na importancia de non ver a educación como un “gasto”, senón como un “investimento de futuro”, solicitando ao Goberno galego que reforce todos os centros con máis medios. Por todo iso, o vindeiro mércores, día 16, convocaron unha manifestación, que partirá desde Vía Norte ata o Farol de Urzaiz ás 19.00 horas, animando a toda a cidadanía a asistir para loitar por unha educación pública de calidade.
CIG ENSINO PIDE UNIRSE DE “FORMA MASIVA” Á MANIFESTACIÓN
A CIG-Ensino fixo un chamamento para participar “de forma masiva” na manifestación convocada en Vigo pola Asociación de Directoras e Directores de Colexios Públicos de Vigo (Adicopuvi) e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e comarca (Foanpas) ante a “falta de recursos” en centros educativos.
Nun comunicado, a organización sindical pediu á cidadanía que acuda á manifestación para acabar cos “recortes” no ensino público.
“A gravidade do que está a pasar obríganos á comunidade educativa a expornos publicamente e a mobilizarnos para mostrar o deixamento das administracións que fan desta unha situación insustentable”, lamenta a CIG.
Así, consideran necesario concienciar á cidadanía da situación que viven os nenos con necesidades especiais e tamén o resto de alumnos nos centros galegos.
“Queremos un ensino na que os nosos fillos poidan ser, estar, pertencer e progresar, e iso só conseguirase en condicións óptimas, cos recursos necesarios e investindo na educación como o motor que é da sociedade”, sentencian.