InicioSociedadePrisión provisional para o suposto autor do crime machista de Moaña

Prisión provisional para o suposto autor do crime machista de Moaña

No que vai de ano xa son tres os casos de mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Xulgado de Instrución número 3 de Cangas, en funcións de garda, decretou prisión provisional comunicada e sen fianza para A.C.T., de 47 anos de idade, como presunto autor do crime machista de Moaña. A maxistrada ordenou o ingreso en prisión do detido, investigado por un delito de homicidio. Todo iso tras preto de tres horas de declaración. En concreto, o home entrou minutos despois das 14.00 horas deste luns aos Xulgados de Cangas, directo desde o hospital, onde estaba internado. Non saíu ata case as 20.00 horas.

Este veciño de Moaña foi detido o sábado cando se atopaba ingresado no hospital Povisa de Vigo, horas despois de que se precipitou co seu coche ao mar, en compañía da súa parella, Fadoua A., de 41 anos. O corpo da muller foi localizado cando se procedía á retirada do vehículo afundido no mar, e presentaba polo menos un golpe preto da boca. Mentres, o condutor, foi rescatado con vida e trasladado ao hospital Povisa con signos de hipotermia e perda de consciencia. A última hora da tarde comunicóuselle a súa condición de detido tras as primeiras evidencias do que agora se confirmou como un crime machista.

Os feitos ocorreron sobre as 05.00 horas do sábado, cando os servizos de Emerxencias recibiron varios avisos de que un turismo se caeu ao mar na zona do paseo marítimo de Domaio. Algunhas testemuñas advertiron de que o condutor fixera manobras estrañas e que, nun momento determinado, acelerara con intensidade para invadir unha zona peonil e precipitarse logo ao mar. O detido ten antecedentes por violencia de xénero e, de feito, foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por uns feitos violentos ocorridos en 2012. Con todo, a muller falecida este sábado non estaba rexistrada no sistema VIOGEN, polo que non había ningunha medida de protección con respecto dela.

CRIME MACHISTA

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, trasladou este luns que o Executivo xa confirmou a morte de Fadoua A. como un crime machista, de maneira que se elevan a 37 as mulleres asasinadas en España, no que vai de ano, polas súas parellas ou exparellas, tres delas en Galicia. “Non podemos consentir nin unha morte máis por unha violencia que unha parte da sociedade segue minimizando. Hai que insistir na unidade de todos ante esta secuela”, incidiu o delegado, antes de trasladar “todo o afecto e o agarimo” do Goberno aos familiares e achegados desta vítima.

Na mesma liña, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, tamén fixo un chamamento á “concienciación e colaboración” de toda a sociedade ante estes feitos “dramáticos e desgraciados”. Tras volver pedir “prudencia” mentres avanza a investigación, Losada referiuse a eses sectores de poboación “que aínda pon en dúbida a existencia destes asasinatos machistas”. “Canta maior cohesión social haxa ante estes feitos, será a mellor maneira de loitar contra eles”, sentenciou.

OITO MESES DE RELACIÓN

Ás portas do xulgado, dúas sobriñas da vítima, Chaima e Dina, atenderon aos medios de comunicación. Elas aseguraron que o agora detido “aproveitouse e burlouse” da falecida, coa que estaba a saír desde facía “uns oito meses”. As sobriñas dixeron que el lle asegurou que fora Garda Civil e que agora era camioneiro. Tamén engadiron que a muller non sabía nadar nin falar español e que veu a España a “buscar unha vida mellor” para o seu fillo. A pesar de non ter os papeis en regra, traballaba a media xornada de limpadora ou trataba de buscar algún emprego en Marrocos para aforrar e poder manterse en España, onde vivía co seu fillo menor de idade.

CONCENTRACIÓN FRONTE AO CONCELLO

En repulsa por este crime, un grupo de veciños e veciñas de Moaña concentrouse este luns fronte ao Concello. Tamén para esixir a fin do “terrorismo machista”, nun clamor que, ao longo da xornada, se repite en concentracións convocadas en diversas localidades galegas pola Marcha Mundial das Mulleres e outras organizacións. No caso deste municipio, foi a alcaldesa, Leticia Santos, a que deu lectura ao manifesto de repulsa por este novo crime de violencia de xénero, que eleva a 37 as mulleres que foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano, tres delas en Galicia.

Segundo ese manifesto, desde 2010 ata hoxe, o número de vítimas mortais da violencia machista en Galicia supera as 70. “Estas son as cifras da vergoña, que se verán incrementadas cando se esclarezan os casos pendentes (…) A violencia non cesa, os feminicidios son só a mostra máis brutal e cruel das violencias que vivimos día a día as mulleres, os feminicidios son o cume dun sistema que existe para oprimirnos”, denuncia a Marcha Mundial das Mulleres.

Tras censurar que estes asasinatos teñen como resposta “cada vez máis indiferenza”, advertiron de que o feminismo non vai avalar “ningunha medida estética que non vaia ao fondo do problema”. Respecto diso, arremeteron contra a Xunta pola supresión da Secretaría Xeral de Igualdade ou a privatización dos centros de atención 24 horas a vítimas de violencia sexual. “O que lle pedimos ás institucións é que se deixen de lazos lilas e de políticas estéticas e aborden a cuestión da violencia machista como unha prioridade para a acción política”, subliñaron.

Finalmente, tras facer un chamamento á “mobilización feminista”, esixiron que a lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia machista “sexa efectiva”, con recursos, e un “compromiso real, de toda a sociedade galega, para acabar co terrorismo machista”. “Somos e seremos o berro das que non teñen voz. Por Fadoua e por todas”, concluíu a lectura do manifesto.

Na concentración de Moaña, o acto finalizou cun aplauso, pero non houbo minuto de silencio porque, como explicou a alcaldesa, “as vítimas non queren máis minutos de silencio nin actos simbólicos”, senón acción política e compromiso real. Tras a concentración, Leticia Santos, que lamentou que “non salten os resortes que deberían” cando se produce un crime machista, trasladou o seu “orgullo” pola resposta dos veciños a esta convocatoria e tamén á concentración de repulsa que tivo lugar este domingo no Concello.

Ademais deste acto de repulsa en Moaña, a Marcha Mundial das Mulleres convocou concentracións en máis dunha ducia de localidades de toda Galicia, entre as 19.00 e as 20.30 horas. Ademais, a Delegación do Goberno tamén convocou un acto de condena que terá lugar este martes ás 9.30 horas diante da súa sede, na Coruña; igualmente, outras institucións, como a Deputación de Pontevedra, convocaron concentracións de condena.

ÚLTIMAS

Vigo inviste máis da metade en luces de Nadal que todo o resto de cidades galegas

As sete cidades galegas destinarán máis de 4,4 millóns de euros ao gasto en...

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...