InicioSociedadeVídeo | O grupo Dédalo da Armada causa furor en Vigo

Vídeo | O grupo Dédalo da Armada causa furor en Vigo

Máis de 7.000 visitas nas primeiras horas de escala dos seus buques. Este venres realizará unha exhibición de desembarco anfibio na praia de Samil, tamén con participación de efectivos aéreos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Grupo de Combate Expedicionario Dédalo visita estes días Vigo, con presenza no Porto do portaavións ‘Juan Carlos I’, a fragata ‘Blas de Lezo’ e o buque anfibio ‘Galicia’, que foron visitados, nas primeiras horas da súa escala, por máis de 7.000 persoas. As naves da Armada atracaron no Peirao de Transatlánticos este mércores e as xornadas de portas abertas estenderanse ata este venres pola mañá. Ademais, este venres ás 16.00 horas, realizarase unha exhibición das accións habituais que se realizan nun desembarco anfibio.

Na exhibición, que terá lugar na praia de Samil, participarán infantes de Mariña, vehículos, embarcacións, helicópteros e avións Harrier. O contraalmirante Gonzalo Villar valorou a “boa acollida” dos cidadáns en Vigo, unha urbe que “sempre tivo unha relación moi estreita coa Armada” e sinalou que el mesmo realizou a súa especialidade de Comunicacións na antiga ETEA.

VARIOS MESES DE ACTIVIDADE, DESDE ISTAMBUL A HELSINQUI

O contraalmirante Gonzalo Villar explicou que, a raíz do conflito en Ucraína, o Goberno de España decidiu despregar o Grupo de Combate Expedicionario Dédalo 24 durante 4 meses ao ano. Así, o ano pasado o Grupo estivo despregado no Mediterráneo e, en febreiro, participou en labores humanitarios en Turquía con motivo do terremoto que causou decenas de miles de falecidos nese país e en Siria.

“Este ano ampliamos o noso nivel de ambición, e fomos ao Mediterráneo e ao Báltico”, explicou, e indicou que, tras saír de Rota o pasado 3 de abril, o grupo estivo en diversas zonas tanto do Mediterráneo como da fachada atlántica, Canle da Mancha e o Báltico, chegando a Helsinqui, “colaborando cos países aliados da OTAN e da UE”.

Así, estes efectivos levaron a cabo labores de exhibición para mostrar “a capacidade e compromiso de España coa disuasión, a defensa e seguridade da rexión atlántica”. Nestes meses, ademais, participaron en exercicios da OTAN, entre eles o BALTOP 2024, coa participación de 19 países aliados, máis de 50 barcos, máis de 85 aeronaves e uns 9.000 efectivos. O persoal das dotacións do Grupo Dédalo está formado por unhas 1.500 persoas, das que 405 son infantes de Mariña e máis de 200 mulleres.

O buque anfibio portaavións ‘Juan Carlos I’, o barco de guerra máis grande construído ata agora en España con 230 metros de eslora e 27 metros de puntal (altura), transporta nestes momentos un batallón reforzado de desembarco de Infantaría de Mariña, catro avións Harrier, e 3 helicópteros Augusta Bell-212. Así mesmo, abordo leva tamén 69 vehículos (pesados e lixeiros). Mentres, o buque ‘Galicia’ conta con dous helicópteros H-35, e a fragata ‘Blas de Lezo’ conta cun helicóptero SH-60B. As dotacións do Grupo Dédalo chegaron a Vigo tras unha breve escala en Bilbao e, unha vez finalizadas as xornadas de portas abertas e a exhibición de Samil, porán rumbo ás súas bases.

ÚLTIMAS

Vigo apaga “o mellor Nadal da historia do mundo”

Vigo apagou este domingo "o mellor Nadal da historia do mundo", tras preto de 60...

Piden máis de cinco anos de cárcere para tres acusados de estafar a inquilinos a través de contratos de aluguer de pisos

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o...

Prisión para os 9 detidos vinculados cos 1.000 quilos de cocaína intervidos nun colector no porto de Vigo

O xulgado de instrución 4 de Vigo decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza...

Abel Caballero sobre a AP-9:  “Se a xestionase Galicia non podería pagar a indemnización, España si”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a reclamar este venres a gratuidade da autoestrada...