InicioSociedadeO grupo municipal do PP denuncia que o festival Terraceo veuse celebrando...

O grupo municipal do PP denuncia que o festival Terraceo veuse celebrando baixo “unha autorización irregular”

O goberno local confirma que o permiso para usar a terraza outorgouse o 13 de xuño, un mes despois de iniciado o festival.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este luns que o festival Terraceo, que se celebra desde 2020 na terraza sobre a cuberta do Auditorio Mar de Vigo e estes días está na súa quinta edición, non dispón de licenza para o uso dese espazo, e non a tivo tampouco nas edicións anteriores. Nunha rolda de prensa, o portavoz do grupo, Miguel Martín, explicou que o Terraceo atopouse este ano cunha circunstancia que non se produciu ata agora (salvo mala previsións meteorolóxicas): os concertos están a celebrarse no interior do Auditorio, ao non dispor de licenza a promotora para usar a terraza.

Segundo explicou o concelleiro ‘popular’, o motivo polo que as actuacións non se puideron facer na terraza non é outro que a falta dese permiso. Así, sinalou que a promotora do festival, que é a mesma empresa que xestiona a programación cultural do Auditorio, solicitou a licenza o pasado 7 de marzo e foille denegada pola necesidade de achegar documentación e, explicou o edil, o seu grupo está á espera de que o goberno lle informe sobre como está a tramitación desa solicitude.

Pero o PP foi máis aló e advertiu de que esa licenza non foi outorgada nas edicións anteriores, senón que o Concello outorgou unha simple autorización en base a unha premisa errónea: a administración municipal daba por feito que podía autorizar o uso da terraza porque a promotora do festival é a concesionaria do Auditorio. Miguel Martín sinalou que a concesión á empresa non é sobre todo o Auditorio, senón só dalgúns espazos e, precisamente, a terraza non está incluída, como tampouco o está a cafetaría da sétima planta, á beira desa terraza.

Esta circunstacia xa existía cando se iniciou o festival, en 2020, e naquel momento, a Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA) dirixiuse ao Concello para preguntar pola licenza e a titularidade dese espazo. O Concello respondeu alegando que a concesionaria era titular e que tiña as “autorizacións municipais oportunas”. Isto quere dicir, incidiu o portavoz do PP, que estes anos o Terraceo celebrouse cunha “autorización irregular” e a alarma saltou por mor dunha intervención da Policía Local o pasado mes de decembro, cando se estaba celebrando unha cea de empresa na cafetaría anexa á terraza, e descubriuse que a concesionaria non podía dispor dese espazo.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Tras a denuncia feita polo PP en rolda de prensa, o portavoz do goberno municipal de Vigo, Carlos López Font, remitiu unhas declaracións aos medios nas que tacha a Miguel Martín de “completo ignorante” porque “non estuda o máis mínimo” as cuestións que expón, e acúsalle de “mentir reiteradamente”. Así, asegurou que o Terraceo ten autorización para usar a terraza do Auditorio Mar de Vigo “desde o pasado 13 de xuño”, é dicir, máis dun mes despois de que comezase a actual edición do festival, e unha vez que o “xestor privado” do evento achegou a documentación que lle foi requirida.

Con todo, nas súas declaracións, López Font non aclarou se o festival tiña a licenza para usar a terraza nas primeiras catro edicións. Na actual, a quinta, estaban programados ata o día de hoxe seis concertos, dos que 4 tivéronse que celebrar no interior do recinto, outro foi aprazado (Rebeliom do Inframundo) e outro cancelado (Los Secretos e Pancho Varona).

O concelleiro do PP, Miguel Martín, constatou que, “sen querelo”, o goberno vigués deulles a razón ao admitir, ao seu xuízo, que os concertos deste ano non se fixeron ata agora na terraza por falta de licenza. E tras criticar que non dese explicacións sobre anteriores edicións, lamentou que “o único argumento” que queda a Font é a “descualificación persoal”: “triste consolo para quen non sabe que dicir”.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...