InicioSociedadeA UVigo participa nun proxecto para integrar drons autónomos en plantas de...

A UVigo participa nun proxecto para integrar drons autónomos en plantas de produción de coches no 2026

Encargaríanse das inspeccións interiores dos vehículos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Universidade de Vigo participa, xunto con empresas e clústeres industriais, nun proxecto denominado AFID (Autonomous Flying Inspection Device), para integrar drons autónomos nas plantas de produción de automóbiles. Trátase dunha iniciativa que foi seleccionada na convocatoria de Axudas ao I+D+i da Axencia Estatal de Investigación, e mobiliza un investimento total de 1,75 millóns de euros con fondos europeos. No proxecto, liderado pola empresa Europrecis, participan os grupos CIMA e Enerxía Eléctrica da UVigo, xunto con CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e Enxenia, e o apoio de Asime e Visual Publinet.

Este consorcio busca desenvolver un sistema baseado en drons que poidan comprobar a conformidade interior dun vehículo nunha liña de produción, todo de forma automática e mediante monitorización remota. Deste xeito, integraríanse por primeira vez os drons nas fábricas de automoción para facer control de calidade das compoñentes internas de cada vehículo.

O investigador e coordinador do grupo CIMA, Anxo Fernández Vilán, destacou que este proxecto vai supor “un avance tecnolóxico sen precedentes”, e lembrou que a maioría de empresas do sector aeronáutico ofrecen servizos de inspección con drons unicamente no exterior, e con drons pilotados por operarios, pero non en interiores e en lugares de dimensións reducidas, como o interior dun coche. Estes drons incorporan tecnoloxía de visión artificial e os últimos avances en materia aeronáutica, HPC ou intelixencia artificial.

LIXEIROS, DE RECARGA RÁPIDA E APRENDIZAXE AUTÓNOMA

Os investigadores están a desenvolver un modelo o suficientemente lixeiro como para poder entrar de forma segura nun vehículo, e tamén traballan para que poidan cargarse de forma ultrarrápida, mediante supercondensadores. Deste xeito, poden recargarse nos 10 segundos de parada que hai entre cada vehículo que pasa pola liña de produción.

Ademais, a tecnoloxía de visión artificial permite captar múltiples imaxes do interior do coche, que son procesadas a través de ordenadores HPC de altas capacidades e, coa intelixencia artificial, permiten levar a cabo unha aprendizaxe autónoma, en tempo real e sen apoio dunha persoa, para detectar se hai defectos.

SEN PILOTO

Con todo, o principal reto para os investigadores será conseguir que o dron móvase de forma autónoma dentro do vehículo, sen unha persoa que o pilote, e para o que hai deseñar traxectorias programadas, que teñan en conta unha contorna tan esixente como unha fábrica de automoción.

O proxecto arrincou en 2023 e estenderase ata decembro de 2025. Na súa primeira fase, xa se realizaron probas con drons comerciais para así determinar os requisitos que deberán cumprir os drons AFID no que respecta aos seus hélices, peso, autonomía da batería ou estabilidade.

Tras estudar eses modelos, deseñáronse dous prototipos de dron de software libre, con baterías baseadas en supercondensadores e cunha autonomía de voo dun minuto (o tempo estimado por inspección de cada vehículo). Paralelamente, o CITMAga estivo traballando na estabilización dos drons, mediante algoritmos matemáticos que corrixen a súa traxectoria.

Mentres, o resto de socios do consorcio avanzan na integración real destes drons nas liñas de produción das factorías e en como procesar estes datos: a empresa Europrecis prepara o armario eléctrico onde se integrará a central que controla o voo e analiza as imaxes, e estuda tamén a iluminación dentro dos coches; Enxenia e Visual Publinet avanzan, pola súa banda, na adquisición e tratamento de datos.

A previsión é que este sistema poida integrarse nunha liña de produción real no ano 2026 e, aínda que os clientes potenciais son os fabricantes de vehículos, pode ser de interese para calquera outra industria que requira no seu proceso de produción de inspeccións en espazos reducidos.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...