InicioSociedadeSuspendido durante 10 minutos o pleno de Vigo polas protestas de traballadores...

Suspendido durante 10 minutos o pleno de Vigo polas protestas de traballadores de Vitrasa

O BNG critica que non se deixe falar aos traballadores e o PSdeG lembra que o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Fernández Lores, tamén fai o mesmo nas protestas dos traballadores de Ence.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O pleno de Vigo deste luns suspendeuse durante 10 minutos debido ás protestas de traballadores de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano. Unha vez máis, os empregados da compañía acudiron ao pleno a reivindicar ao goberno local que actúe e que poña fin a unha folga que dura xa máis de dous meses.

Foi despois de que a concelleira socialista Patricia Iglesias López tomase posesión e prometese a Constitución e durante o debate dun punto da orde do día cando os traballadores de Vitrasa aproveitaron para esixir ao goberno local que actúe para mellorar a súa situación laboral.

Eles lembraron que hai meses o alcalde de Vigo, Abel Caballero, prometeu un reequilibrio econónico para a empresa de forma inminente, que aínda non chegou. “Dá vergoña que vostedes sexan o partido dos obreiros”, criticaron. “De violentos nada, 35 manifestacións e nin un só conflito. Estamos a reivindicar os nosos dereitos, que se nos actualice o soldo como se lle actualizou a Vitrasa o prezo do billete un 16% desde 2020 e nin un duro aos traballadores”, lamentaron, lembrando que levan tres anos cos salarios conxelados.

Por iso, a tenente de alcalde Carmela Silva, que unha vez máis estaba a presidir o pleno pola ausencia de Caballero, decidiu suspender a sesión durante 10 minutos para cesar a disputa, pedindo á Policía Local que interviñese.

INTERCAMBIO DE REPROCHES

Pasado ese lapso de tempo, a sesión renovouse, xa sen a presenza dos traballadores de Vitrasa, pero a tensión trasladouse entón ao debate político, xa que nese momento era a quenda do portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que iniciou a súa intervención afeando o comportamento de Silva e do goberno local, que “non é capaz de escoitar nin por uns minutos” aos traballadores da concesionaria” e “insisten en ser parte do problema”.

A presidenta do pleno interrompeu a Pérez Igrexas para pedirlle que se centrase no punto da orde do día e para apuntar que tamén hai “problemas” nas sesións plenarias en Pontevedra (onde goberna o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores). “A solución non pasa por desaloxar aos traballadores“, insistiu Pérez Igrexas, mentres Silva chamábao á orde en varias ocasións e advertía de que lle retiraría a palabra. “Por que non queren que falemos de Vitrasa?”, insistiu o portavoz do BNG.

Carmela Silva xustificou entón que fixera “o mesmo” que fai o alcalde de Pontevedra, en alusión aos numeroros enfrontamentos que ten cos traballadores de Ence en Pontevedra, e pediu a Pérez Igrexas que estivese “tranquilo”. “Falemos do que toca, xa sei que a vostedes lles gusta o ruído, montar rifa”, subliñou.

En resposta, Xabier Pérez Igrexas lamentou o “talante da presidencia accidental (do pleno), que nada ten que envexar o talante autoritario do presidente ausente, que debe estar por aí de tertuliano”, en alusión á ausencia de Abel Caballero.

ÚLTIMAS

Caballero crítico co borrador da lei de administración local: “Home, o primeiro é o alcalde de Vigo’

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afeou á Xunta que non se lle solicitase...

Investigados catro menores por golpear e vexar a outro de 12 en Nigrán e difundir vídeos

A Garda Civil investiga a catro menores, tres homes e unha muller de entre...

Os empresarios de Mos alertan dun “golpe irreparable” á economía polo trazado da nova A-52

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) trasladou este martes a súa "máxima preocupación"...

Un ferido ao caer unha árbore sobre unha furgoneta na A-55, no Porriño,

Unha persoa resultou ferida na mañá deste mércores na A-55, ao seu paso por...