Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), declarando “contrario a dereito” o cobro dun IBI máis elevado por unhas leiras en chan rural de Salceda (no chamado ‘catastrazo’ que incrementou ese imposto a uns 5.000 veciños) abre a porta á devolución, por parte do Concello deste municipio pontevedrés, duns 1,2 millóns de euros cobrados indebidamente aos afectados.
A sentenza prodúcese en resposta a un recurso contencioso administrativo presentado por un veciño de Salceda, que reclamou polo aumento do Imposto de Bens Inmobles dunhas leiras situadas nun núcleo rural. Ese incremento viña derivado dunha modificación do plan urbanístico, que pasaba a contemplar miles de terreos como chan urbanizable, o que encarecía o pago do catastro.
Na súa sentenza, o alto tribunal galego expón que aínda que a lei do chan de Galicia de 2016 establece que as zonas de expansión dos núcleos rurais deben cualificarse como urbanas e non rústicas, debe terse en conta se as propiedades “poden ser desenvolvidas urbanisticamente de modo directo (con licenza) ou se necesitan da aprobación dun instrumento previo”.
O TSXG sinala que este chan queda suxeito ás determinacións do plan vixente e “dado que estamos ante un chan non urbanizable”, o réxime aplicable, a efectos catastrais, é idéntico ao que se cita en varias sentenzas anteriores (que exclúen a consideración de chan urbano para o chan urbanizable pendente de desenvolvemento particularizado). “En consecuencia, debemos consideralos como rústicos, sen que sexa posible a edificación directa neses terreos”, expoñen os maxistrados na súa resolución.
Isto supón a estimación do recurso presentado por este veciño, que está integrado na Plataforma Veciñal contra ou Catastrazo (uns 120 veciños agrupados que presentaron demanda contra a medida), representada polos despachos BGI-LAW e Calixto Escariz Avogados.
Os avogados sinalaron que esta sentenza abre o camiño aos veciños afectados polo ‘catastrazo’ para recuperar o diñeiro que lles foi cobrado indebidamente, ao obrigarlles a pagar o IBI das súas propiedades coma se fosen leiras urbanas, en lugar de chan rústico.
Segundo sinalaron nun comunicado, con respecto ás liquidacións xa practicadas, o ORAL (a oficina de recadación da Deputación que xestiona os cobros) e o Concello de Salceda de Caselas deberán devolver cantidades que roldan un total de 1,3 millóns de euros, cobradas nos últimos 4 anos.
O letrado Antonio Herdeiro animou aos máis de 5.000 afectados a unirse á reclamación da Plataforma porque “poden recorrer, porque teñen dereito a que se lles devolva todo o diñeiro que se lles cobrou de máis”. Na mesma liña, o avogado José María Mantilla recalcou que “o resto dos veciños teñen o camiño aberto” para demandar e recuperar o seu diñeiro.
O CONCELLO APELA Á “PRUDENCIA”: “A SENTEZA AFECTA A UN CASO CONCRETO”
Mentres, o goberno municipal do Concello de Salceda de Caselas apelou á “prudencia” e matizou que a resolución afecta a un recorrente concreto, polo que non se pode estender a todas as leiras esta anulación. A través dun comunicado, o goberno (de Movemento Salceda) apuntou que aínda non ten comunicación oficial por parte do TSXG da sentenza, na que a parte demandada é o Ministerio de Facenda (por unha resolución do Tribunal Económico Administrativo Rexional, TEAR/Catastro).
En todo caso, explicou que, chegado o momento, haberá que revisar leira por leira en todas as reclamacións porque cada unha ten unha situación particular. Segundo lembrou, a revisión catastral recolle as parcelas definidas como ‘non urbanizables de núcleo rural’ nas normas subsidiarias de 1997, aprobadas no seu momento polo PP, e Movemento Salceda “tentou solucionar este problema coa elaboración dunha PXOM en 2016”, un novo plan que “foi tombado por PP e PSOE” antes da súa aprobación inicial.
Por outra banda, advertiu de que as afirmacións da Plataforma Veciñal Contra o Catastrazo e os seus letrados, animando a miles de veciños a demandar a devolución do IBI, “poderían en risco as 115 licenzas de obra concedidas desde a entrada en vigor da Lei do Solo e as 44 pendentes de concesión”, que non serían posibles se se aplica a sentenza á totalidade das parcelas.
Neste escenario, o goberno local apelou á “prudencia” e a evitar “afirmacións falsas” porque a sentenza do TSXG “afecta a un caso concreto” e “non anula a revisión catastral”. “Cada parcela ten unha casuística diferente e non se pode afirmar que todas elas están afectadas”, sinalaron fontes municipais, e engadiron que pode haber veciños a quenes non lles interese que as súas parcelas sexan declaradas como rústicas. Finalmente, tras insistir en que “non é certo que calquera persoa poida solicitar a devolución dos seus pagos do IBI”, o goberno local afirmou que respecta as decisións da Xustiza e actuará en consecuencia cando teña que facelo, sen tomar “decisións precipitadas”.