InicioSociedadeFACUA denuncia a Air Nostrum por deixar en terra a pasaxeiros do...

FACUA denuncia a Air Nostrum por deixar en terra a pasaxeiros do voo Vigo-Madrid para ceder o avión ao Sevilla FC

Abel Caballero trasladou a súa "indignación" por este "feito lamentable" e ofrece apoio dos servizos municipais aos afectados.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A organización FACUA-Consumidores en Acción anunciou este luns a interposición dunha denuncia contra a compañía aérea Air Nostrum por deixar “en terra” a decenas de pasaxeiros do voo Vigo-Madrid das 21.40 horas do pasado sábado, para ceder o avión ao Sevilla FC, cuxo equipo xogara horas antes en Balaídos contra o RC Celta. Segundo lembrou FACUA, a aerolínea cancelou o voo á capital para destinar ese avión ao traslado do equipo andaluz a Sevilla, xa que a aeronave que ía levar aos xogadores sufriu unha avaría.

A organización presentou denuncia ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e ante o Ministerio de Consumo, e advirte de que “o incumprimento contractual no que incorreu a aerolínea supón unha infracción á normativa de protección dos consumidores, polo que debe ser obxecto de sanción por parte das autoridades de consumo”.

Os afectados atopábanse no aeroporto de Peinador á espera de coller un avión con destino a Madrid cando a aerolínea lles informou de que cancelaban o seu voo, que xa acumulaba atraso por malas condicións meteorolóxicas. Así, FACUA explicou que uns 80 pasaxeiros, que se atopaban xa na zona de embarque, viron como a aerolínea deixáballes sen poder subir ao avión para permitir o embarque dos membros do club sevillano.

A única opción que deu a compañía aos afectados foi volver á mañá seguinte ao aeroporto para coller un autobús con destino a Madrid ou esperar a poder tomar un novo voo o luns. Air Nostrum emitiu un comunicado pedindo desculpas polos “prexuízos” causados “por un lamentable erro achacable unicamente á compañía”. Ademais, avanzou que contactaría con todos os pasaxeiros para “compensarlles polas molestias causadas”.

FALTA DE INFORMACIÓN

FACUA fíxose eco dalgunhas das queixas dos afectados, que aseguraron que a compañía “non lles facilitou en ningún momento información acerca dos dereitos que lles asistían debido á cancelación do seu voo”. “Só nos deron unha folla de reclamacións para que enchésemos, pero sen dicirnos nada máis”, explicou á asociación uno dos pasaxeiros. Segundo sinalou, Air Nostrum non facilitou transporte ata Vigo ou aloxamento, e iso a pesar de que o Regulamento Europeo 261/2004 recolle a obrigación da aerolínea de dar “aloxamento nun hotel” e “transporte entre o aeroporto e o lugar de aloxamento”.

Por este motivo, ademais de interpor as denuncias ante as autoridades de Consumo, FACUA tamén se dirixiu á Axencia de Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para instarlle a investigar e vixiar que Air Nostrum cumpre coas súas obrigacións, entregando non só as compensacións ás que teñen dereito os usuarios de voos cancelados senón reembolsando todos os gastos de transporte, aloxamento e comida que tivesen que soportar os afectados.

Para o caso de voos de ata de 1.500 quilómetros a compensación que as aerolíneas deben entregar aos pasaxeiros é de 250 euros. Igualmente, tamén debería compensar calquera outro tipo de danos e prexuízos, xa sexan económicos ou morais, que puidesen sufrir como consecuencia desta situación.

APOIO MUNICIPAL ANTE UN “FEITO LAMENTABLE”

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tachou de “feito lamentable” o ocorrido o sábado pola noite en Peinador, cando Air Nostrum “deixou tirados” a decenas de pasaxeiros para “levar a un equipo de fútbol” a Sevilla “porque o seu avión se estragou”. “A nosa indignación polo ocorrido e apoio aos afectados”, proclamou.

Tras cualificar de “lamentable” a decisión da aerolínea, o rexedor olívico anunciou que o Concello de Vigo pon a disposición dos afectados os seus servizos de consumo para asesorarlles e informarlles na tramitación das súas reclamacións ante a compañía, ante organismos autonómicos e ante AENA.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...