InicioSociedadeO goberno vigués prorroga a vixencia da ordenación provisional para que non...

O goberno vigués prorroga a vixencia da ordenación provisional para que non decaia antes da aprobación da PXOM

O goberno municipal de Vigo ampliará a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), que expiraba o 5 de outubro, por tres meses máis, de maneira que estará en vigor ata o 5 de xaneiro, e non decaerá antes da aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) prevista para dentro de dous meses.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo ampliará a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), que expiraba o 5 de outubro, por tres meses máis, de maneira que estará en vigor ata o 5 de xaneiro, e non decaerá antes da aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) prevista para dentro de dous meses.

Así o manifestou o alcalde, Abel Caballero, nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, nas que sinalou que, con esta medida, resólvese o problema de caducidade da ordenación provisional antes da aprobación do novo plan. “Temos resolto o problema, é así de fácil”, proclamou, aínda que non concretou que formula usará a administración local para modificar o prazo de vixencia dese instrumento, que está regulado por unha lei autonómica.

Abel Caballero presumiu de que o goberno local está “en resolver problemas da cidade”, mentres que os grupos da oposición, PP e BNG, manteñen unha “actitude negativa” e “van xuntiños, vergoñosamente para o BNG, que parece un apéndice do PP, sempre á contra”.

O alcalde volveu a insistir en que o goberno municipal traballou “desde o principio con intensidade” para aprobar canto antes o novo Plan (o PXOM anterior, aprobado en 2008, foi anulado polo Tribunal Supremo), pero “sucederon cousas: houbo unha pandemia e a Xunta atrasou 13 meses algúns dos informes preceptivos”. “En condicións normais xa estaría aprobado de forma definitiva”, proclamou.

Respecto diso, afeou ao PP de Vigo que “non reprenda” á Xunta por eses supostos atrasos, e concluíu que os ‘populares’ vigueses “están ás ordes de Rueda”. “E empezamos a crer que o BNG tamén”, engadiu. Finalmente, o alcalde insistiu en que o problema da caducidade do IOP “está resolto”, co “visto e prace do secretario do pleno” e nunha “decisión perfectamente legal”. “Que falan o PP e o BNG? (…) Están en posición de facer ruído, non soportan que a cidade non os quere”, proclamou. Segundo Abel Caballero, os líderes de PP e BNG terían que dimitir “tras as eleccións municipais, pola súa “derrota estrepitosa”, e acusounos de dedicarse a “dicir mentiras e falsidades”.

O BNG PIDE “DEIXAR DE XOGAR COA TRAMITACIÓN DO PLAN XERAL”

Pola súa banda, o BNG de Vigo cuestionou o anuncio do alcalde e esixiu a Abel Caballero “que deixe de xogar coa tramitación do Plan Xeral”. Nun comunicado, o grupo municipal nacionalista esixiu o “fin das chapuzas e as improvisacións” e que o goberno actúe “con responsabilidade e respecto escrupuloso á lei na tramitación do novo Plan”.

O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas criticou que o goberno municipal opte por “anunciar ocorrencias en declaracións gravadas, sen posibilidade de preguntas por parte dos medios”, e confirmou que interpelará á concelleira de Urbanismo na próxima reunión do Consello da Xerencia, porque “é nos organismos municipais onde o goberno ten que explicar que pretende facer co novo PXOM, ao que está vinculada a vixencia do IOP”. Segundo lembrou a vixencia dese IOP está regulada por unha lei autonómica, que fixa uns “prazos taxativos” e fases polos que debe pasar o novo plan. “Está claro que, normativamente, o Concello non pode prorrogar o IOP, como anunciou de maneira frívola Caballero”, advertiu.

Tras apuntar que o BNG non ten constancia oficial do informe do secretario que esgrimiu o alcalde para avalar a legalidade desa decisión, Pérez Igrexas trasladou as súas sospeitas de que o goberno vigués quere tomar “un atallo” e “forzar as costuras do procedemento a través dunha suspensión ou ampliación de prazos para resolver o documento para a aprobación provisional”. Todo iso, sinalou, nunha “lectura moi arriscada da Lei de Procedemento Administrativo Común”.

Por iso, alertou do precedente do Plan de 2008, anulado polo Tribunal Supremo por unha deficiencia na tramitación pero non por ningunha ilegalidade urbanística. Con respecto ao PP, Pérez Igrexas desmarcouse do “incomprensible” apuro dos ‘populares’ por levar o documento a aprobación provisional sen que se coñeza aínda “que se vai a facer coas 4.000 alegacións veciñais” presentadas á PXOM.

DEMORA “IRRESPONSABLE” E “NON XUSTIFICADA”

Mentres, a portavoz do PP, Marta Fernández-Tapias, cuestionou “sobre que base legal anuncia o alcalde que o IOP pode ampliar a súa vixencia tres meses”. “Os socialistas vigueses non se poden inventar unha suspensión (de prazos) en cadea indefinida”, apuntou, e advertiu de que “se algún día tócalles botar as contas ante un xuíz, a ver como xustifican todas estas suspensións”.

Por iso, insistiu en que o goberno local debe levar a aprobación provisional a novo PXOM antes do 5 de outubro, prazo de vixencia do IOP e sinalou que a demora nesa aprobación por parte do alcalde “é unha irresponsabilidade e non está xustificada”.

ÚLTIMAS

Vigo inviste máis da metade en luces de Nadal que todo o resto de cidades galegas

As sete cidades galegas destinarán máis de 4,4 millóns de euros ao gasto en...

OPINIÓN.- Crecemento diferente

Unha das dependencias básicas do ser humano é a ecodependencia, que non é outra...

Netflix escolle Vigo para a promoción do ‘Xogo da Lura’

Vigo, a cidade das luces, volve ser protagonista este Nadal, pero desta vez non...

Caballero repite que a cidade está fóra do Mundial por Louzán: “É antiVigo desde que o botamos da Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este venres contra Rafael Louzán, presidente...