InicioSociedadeAnulan unha factura de case un millón que a Xunta reclamaba ao...

Anulan unha factura de case un millón que a Xunta reclamaba ao Concello de Vigo ao non estar declarada

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou o cobro desta factura por obras no Cunqueiro.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou o cobro dunha débeda de 884.455 euros que a Xunta de Galicia reclamaba ao Concello de Vigo por outras no Hospital Álvaro Cunqueiro ao non estar declarada previamente, o que non permitiu ao goberno local discutir a mesma.

En concreto, o tribunal anulou as resolucións do Executivo autonómico destinadas a detraer ao Concello esta cantidade polos gastos da acometida da instalación eléctrica do centro hospitalario que, segundo o convenio asinado en 2006 e anulado en 2013, eran obras que tiña que facer a administración local, pero que finalmente sufragou en 2015 a Xunta.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo conclúe que non existe, antes do requirimento de pago en período voluntario (12 de abril de 2016), un acto administrativo que fixase a cantidade debida por danos e perdas.

“Reclámase unha débeda que non se declarou previamente e que o Concello non puido discutir”, indica a sentenza. “Non pode haber un requirimento válido de pago se antes non se determinou a débeda“, engaden os maxistrados.

Na sentenza, o TSXG recalca que a falta dese acto de cuantificación da débeda implica que “non hai débeda declarada que reclamar, é dicir, non hai título executivo”, algo “transcendental” xa que implica que o Concello non tivo “oportunidade de discutir a existencia da débeda ou as súas características”.

Así, os xuíces indican que é “inconcibible” que un montante de 884.455 euros “non puidese ser combatido xuridicamente pola administración local nin, de ser o caso, tutelado jurisdiccionalmente polos tribunais de xustiza”. Por todo iso, os maxistrados aseguran que a Administración autonómica prescindiu “total e absolutamente do procedemento establecido para a determinación das débedas tributarias”.

PARA A XUNTA “É UN PROBLEMA FORMAL”

A Xunta de Galicia remitiu un comunicado aos medios acerca da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e matiza que a anulación dese cobro débese a “un problema formal, non de fondo”.

A resolución do alto tribunal galego sinala que a débeda que a Xunta pretendía cobrar ao Concello olívico non estaba declarada previamente, é dicir, non había un acto administrativo previo no que se cuantificase esa débeda para que o Concello de Vigo puidese “discutir”.

A ese respecto, a Xunta sinalou que o TSXG “o único que fai é pronunciarse sobre un erro na tramitación do expediente, ao entender que debeu ditarse un acto administrativo previo ao cobro, que debía cuantificar a débeda en cuestión”. “É dicir, non entra a dirimir a existencia dun incumprimento inxustificado por parte do Concello no convenio para a construción do hospital”, apuntou o goberno galego.

Máis aló da sentenza, a Xunta insistiu en que o convenio asinado co Concello en 2006 (e anulado en 2013) “era claro”, e contemplaba que a administración municipal faríase cargo das acometidas eléctricas. Como non o fixo, as obras foron levadas a cabo pola propia Xunta, que logo pretendeu detraer ese custo ao Concello, tendo en conta que este non pagou o traballos a pesar de que se lle solicitou “repetidamente”.

CONCELLO ERA “PERFECTAMENTE COÑECEDOR”

Así mesmo, defendeu que o procedemento non se tramitou “de costas” ao Concello, que era “perfectamente coñecedor” da posición da Xunta e da débeda, a pesar do cal, incorreu en “incumprimentos reiterados”.

Tras a sentenza do TSXG, a Xunta estudará a presentación dun recurso de casación. “Adoptaremos todas as medidas que sexan necesarias para esixir que o Concello se faga cargo do custo das obras que debe”, sinalou o goberno galego.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...

Condenado a 2 anos de cárcere e perda do carné por 4 anos o condutor novel que embestiu a unha motorista en Coruxo no...

O xulgado do Penal 2 de Vigo condenou á pena de 2 anos de cárcere ao...

O BNG anuncia unha batería de iniciativas contra a “inxusta exclusión” de Vigo como porto nodal

O BNG anunciou este venres unha batería de iniciativas contra a "inxusta e inxustificada"...