Continúan as mobilizacións en Galicia contra a implantación de parques eólicos a pesar da moratoria anunciada pola Xunta de Galicia. O derradeiro berro de oposición a esta ‘avalancha’ vén do Concello de Covelo, onde a asemblea xeral do Monte Veciñal de Santiago de Covelo acordou por unanimidade rexeitar a instalación na súa propiedade do parque eólico da Telleira, promovido polo grupo empresarial Adelanta.
Para a asociación, trátase dun “intento de espolio ambiental, paisaxístico, económico e cultural” que, segundo explican, non se limitaría só ao monte do que son propietarios, senón que abrangue toda Galicia. “O monte veciñal de Covelo non se opón ao desenvolvemento da enerxía eólica no noso país, necesario para a descarbonización e a electrificación da enerxía consumida, mais entende que a actual planificación dual da Xunta de Galiza e do Estado posúe 3 trazos que a fan indesexábel”, explica.
Entre estes tres trazos sinalan, para comezar, que é “socialmente inxusta” porque prexudica principalmente á xente do rural, que é a máis afectada pola construción de novas vías de acceso aos parques, as liñas de alta tensión e os ruídos dos muíños. Todo mentres que os beneficios “son para uns poucos debido á centralización e ao oligopolio eléctrico”.
Por iso tamén sinalan que se trata dun “roubo” a nivel económico, xa que “apenas o 1%” da facturación anual do parques eólicos recae nos propietarios dos montes, apuntan con cifras que atribúen ao Observatorio Eólico de Galicia. E, á parte, rematan, resulta “ambientalmente insustentable” porque, como xa denunciou semanas atrás o CCG, o actual Plan Sectorial Eólico carece de avaliación ambiental estratéxica e os espazos protexidos na Galiza son moi reducidos. Apuntan neste aspecto á ampliación da rede Natura 2000 paralizada “de xeito premeditado” polo actual goberno galego.
“CONNIVENCIA” DO CONCELLO
Porén, en Covelo xa apuntan que dispoñen de ferramentas para defender os seus terreos da ameaza eólica, cristalizada nuns procesos de expropiación que corren ao cargo da Xunta de Galicia. “O Monte Veciñal de Santiago de Covelo forma parte dende 2018 do rexistro ICCA, elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. É a primeira área da península Ibérica (xunto á CMVMC de Froxán) e a terceira de Europa en acadar este recoñecemento”, explican a respecto dunha listaxe que recoñece “os mellores exemplos da xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes”.
A problemática en Covelo, porén, partiría –segundo a propia asociación– do Concello da localidade, que segundo explican estaría a “atacar” a autonomía da plataforma. “A empresa, en conivencia co goberno local do PP, tentou por todos os medios boicotear e influír nos órganos de goberno do monte veciñal. Así dende o concello de Covelo foron facilitados números de teléfono de determinados veciños á empresa Adelanta co obxectivo de encirrar e dividir, chegando a ofrecerlles servizos xurídicos gratuítos para se opor ás decisións dos órganos de goberno do monte”, explican. Con todo, esta suposta manobra non chegou a bo porto, e a veciñanza permanece “consciente” de que “non vai permitir que ningunha forza allea expropie a súa propiedade nin se entremeta na súa xestión”.