O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxe ao Goberno central a intervención pública en Barreras, tras manter unha reunión coa CIG Naval para pór en común as iniciativas rexistradas no Congreso.
Ante a situación “de grave crise do sector”, Rego pide intervir para manter a actividade e os postos de traballo, ademais de propor o impulso dun holding público-privado entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal.
Así mesmo, o Bloque expón a creación dunha mesa do naval para a ría de Vigo, xa que a construción e a reparación naval constitúen “unha actividade estratéxica” para a industria desta comarca.
Na reunión participaron o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas; o responsable local Serafín Otero e a deputada no Parlamento Carme González.