InicioSen categorizar20 anos de guerra contra a acacia, a outra gran ameaza invasora...

20 anos de guerra contra a acacia, a outra gran ameaza invasora dos montes de Vigo

Vigo tamén loita contra as especies invasores. A Comunidade de Montes de Teis e a agrupación Arlequín organizaron hai uns días unha actividade contra a poboación descontrolada da acacia negra. Os comuneiros levan máis de vinte anos loitando contra esta especie invasora sen apenas axuda por parte da Administración. Ademais, desta volta, investigadores da UVigo realizaron un experimento sobre os diferentes métodos para evitar o rebrote da acacia. Vídeo no interior.

PUBLICADO O

BRAIS NOGUEIRA. A acacia é unha especie de planta invasora introducida en Galicia no período final do franquismo, entre os anos 50 e 60, que comezou a reproducirse dun xeito destacable durante os anos 70 por mor dos lumes nos montes galegos. E en Vigo, a máis estendida é a Acacia melanoxylon ou acacia negra.

Esta especie invasora comeza a ser xa un grave problema para os montes galegos, tan ou máis grave que o eucalpito, polo seu rápido e descontrolado crecemento e, especialmente, pola súa virulencia en caso de lumes. Algo que xa puideron comprobar moitos vigueses e habitantes de concellos veciños na fatídica vaga de lumes de outubro de 2017.

Ao igual que a de eucalipto, a súa madeira é de moi baixa calidade polo que non é adecuada para facer mobles. A súa proliferación nos bosques substitúe ao bosque autóctono galego conformado, entre outros, por carballos, amieiros ou bidueiros e transfórmaos en lugares cun alto risco en caso de lumes polo fácil que arden.

Por iso, e para tentar erradicar un perigo en potencia, o pasado venres, no monte da Madroa, tivo lugar unha acción contra a poboación descontrolada de acacias. Esta xornada foi organizada pola Comunidade de Montes de Teis e pola agrupación Arlequín. Contou coa presenza de investigadores da UVigo e unha quincena de voluntarios que levaron a cabo un proxecto experimental. A actividade entra no marco dunha serie de sesións relacionadas coa deseucaliptización organizadas a nivel galego e que rematarán no monte da Guía o día 15 de xuño.

Unha loita de fondo

Manuel López, membro da Comunidade de Montes de Teis, explica que a loita contra a acacia é de fondo: “Nós levamos 21 anos traballando neste asunto e soamente podo cualificalo como unha guerra. Dende que comezamos unha zona ata que logramos repoboala por completo poden pasar oito anos”. O maior problema que se atopan coas acacias é a facilidade coa que rebrotan. “Se non se teñen os medios suficientes para facer o traballo ben, é mellor non comezalo porque se cortas unha acacia, ao día seguinte medran outras tres”.

Algúns dos voluntarios durante os traballos para evitar o rebrote da acacia na Madroa / Miguel Núñez

O clima galego é moi favorecedor para a reprodución da acacia porque o que necesita para desenvolverse é auga e luz. López sinala que unha das claves para loitar contra ela é arrebatarlle algún destes factores. “A chave é que teña sombra suficiente -tecnicamente canopía- a través da sobreplantación de especies vexetais autóctonas creando así unha cobertura vexetal densa”.

O coordinador da actividade, Xulián Martínez, explica as dúas formas de evitar os rebrotes son “sacalas de raíz ou descortizando os tocos para que sequen”. Para lograr sacalos enteiros foi necesario pór a imaxinación a funcionar e os propios comuneiros idearon unha pinza que se pode conectar a un tractor e que lles permite sacar toda a árbore nunha soa peza. Neste caso é relevante porque as raíces das acacias son extremadamente profundas, “cousa que non sucede con outras especies invasoras como o eucalipto”, explica López.

EXPERIMENTO

Jonathan Rodríguez, da facultade de Bioloxía da UVigo, é o responsable do experimento que se realizou na Madroa xunto ao profesor Luís González e que pretende estudar dun xeito comparativo a eficacia de distintos tratamentos. Para iso, dividiuse a zona en parcelas cun toco de acacia dentro de cada unha. Algunhas árbores descortizáronse, noutras aplicáronse herbicidas dentro do toco e ao derradeiro grupo foilles administrada “unha solución salina saturada que, de funcionar, sería unha solución non contaminante -polo menos para os humanos- e que calquera persoa pode ter acceso na súa finca”.

Unha das zonas delimitadas para facer o experimento / Miguel Núñez

Explica que este último elemento é importante porque “non existen estudios previos nos que se utilice este tipo de tratamento”. Ademais, “é humanamente imposible eliminar todas as sementes da terra, polo que obxectivo que nos queda é controlar o rebrote”. O proxecto aínda non conta con financiación de ningún tipo pero Rodríguez agarda atopala a partir desta proba “e repetir a experiencia noutras comunidades de montes próximas”.

“Á HORA DA VERDADE NINGUÉN NOS AXUDA”

Segundo López, o papel da administración é moi deficiente: “Fai falta moita vontade política e investimento continuado para apoiar activamente a repoboación dos bosques. Vemos unha certa propaganda no seu xeito de expresarse nos medios de comunicación pero á hora de verdade aquí ninguén nos axuda. Pola súa banda, Martínez quéixase de que si que existen axudas para as zonas queimadas, “pero non para quen facemos por evitar que non haxa incendios”.

O comuneiro con máis de vinte anos de experiencia ás súas costas é moi claro: “Por suposto que existen incendiarios, pero o responsable último dos incendios é a Administración por permitir que os montes estean nestas condicións. Fálase moito de limpeza nos bosques para evitar incendios, pero non escoito facelo noutros lugares como Francia porque un bosque autóctono non o necesita”.

Tamén considera que a lei anti incendios actual “establece parámetros que non se poden cumprir” e que este é un asunto complexo porque “hai moitos intereses económicos no sector para que os cartos non muden de lugar”. Ademais, critica que nos últimos anos estase a poboar o bosque, sen facer un estudo ambiental previo, con paulonia, outra especie foránea “de crecemento incluso máis rápido que a acacia” utilizada para biomasa. “Nuns anos podemos estar a falar dunha situación similar a que estamos a vivir con outras especies”, destaca.

Acacias adultas na Madroa / Miguel Núñez

O COLECTIVO COMO MOTOR

Entre as persoas que levaron a cabo o traballo había membros de Arlequín, unha agrupación de mozos de menos de trinta anos que viven na contorna do monte da Guía. Decidiron unirse para colaborar en prol dun monte saneado. Unha das súas integrantes, Iris Docampo, considera que foi “fundamental” tomar a decisión de unirse porque “se fixeron máis cousas nos poucos meses que levamos traballando xuntos que nos cinco anos que levo tentando facer cousas pola miña conta”.

Ao contrario da Madroa, na Guía “hai pouca acacia grande porque é máis nova”, polo que poden loitar contra ela sen necesidade de utilizar unha maquinaria pesada “á que non teñen acceso”. En teoría, o Concello é o encargado da limpeza do monte pero na práctica non é así. “Soamente limpan as zonas visibles dos paseos e os parques pero as zonas de monte de verdade están totalmente descoidadas”, quéixase. Docampo advirte do perigo que tería agora mesmo un incendio na Guía: “Quedaría a carballeira e pouco máis”.

 

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...