InicioSociedadeO vigués Román Rodríguez de Vicente: enxeñeiro, socialista e o mellor orador...

O vigués Román Rodríguez de Vicente: enxeñeiro, socialista e o mellor orador do seu tempo

Á súa morte, este impulsor do socialismo recibiu sentidas homenaxes.

PUBLICADO O

Román Rodríguez de Vicente naceu na cidade de Vigo o 17 de abril de 1887. O seu pai, tamén Román Rodríguez, era administrador do Pazo de Gondomar en Baiona, e destacábase daquela polo seu viguismo militante, e a súa nai era unha dama destacada de Baiona.

A posición folgada da familia permitiu educar aos seus fillos nos mellores colexios da época. Román estudiou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e ao concluír o mesmo foi enviado a Alemaña, onde cursou a carreira de enxeñeiro industrial na Universidad de Desdre, na que se graduou o 20 de marzo de 1906. Logo especializouse en electricidade no Instituto Técnico de Henrichen (Saxonia) obtendo o diploma de enxeñeiro electricista o 7 de maio de 1907. Durante a súa estadía en Alemaña publicou dúas obras de carácter científico. Na primeira, “die Antropie”, estudiaba as consecuencias filosóficas e as aplicacións técnicas do principio de clausius, sendo honrada pola Academia das Ciencias. Na segunda, “Anwendungen der Wattlosser-Strown”, trataba de resolver algunhas das dificultades que ofrecía o transporte de enerxía eléctrica a longa distancias.

Mentres estudiaba comezouse a interesar pola organización política e sindical da clase traballadora. Durante a súa permanencia en Saxonia tomou parte activa nas campañas electorais de 1905-1906.

Os seus estudios en Alemaña e o seu fondo amor por este país marcárono para sempre. Despois de concluír a súa carreira emigrou á Arxentina, chegando a Bos Aires en novembro de 1907. Alí esperábao un país convulsionado, as ideas anarquistas e socialistas apoderáranse dos traballadores. O mozo Román traía as súas ideas de Alemaña simpatizando co pensamento do Partido Socialdemócrata de Rosa Luxemburgo que tiña un grande prestixio naquel país.

En 1909 trasladouse a vivir ao interior da provincia de Bos Aires, instalándose no Municipio de 25 de maio. Neste municipio traballou como profesor de física e química da Escola Normal. En 1912 Román Rodríguez de Vicente afiliouse ao Partido Socialista Arxentino, exercendo anos máis tarde o cargo de secretario da Xunta Executiva da Federación Socialista da provincia de Bos Aires. En 1914 elixírono deputado pola provincia de Bos Aires, mandato este que exerceu ata 1916. En 1915 viaxou a Galiza para visitar a súa familia e o semanario “El Pueblo” de Baiona do 25 de setembro de 1915 adianta a nova comentando que:

“…Axiña teremos ocasión todos de entusiasmarnos oíndoo falar e oxalá que a súa palabra, lumeante como unha fogueira e cortante coma unha daga, esperte os durmidos sentimentos dalgunhas xentes que sen máis horizontes que os limitados pola cobiza do cacique non recibiron nunca na frente o bico amoroso do sol que vén da liberdade…”.

O 21 de outubro Román de Vicente deu un mitin no Teatro Tamberlik de Vigo. Centos de persoas acudiron a escoitar ao mozo deputado socialista; durante o acto foi presentado por Henrique Heraclio Botana, destacado dirixente socialista vigués.

Rodríguez de Vicente

“El Faro de Vigo” do día seguinte informaría nos seguintes termos: “Sen afeccións, con grande naturalidade e con exposición clara… comeza dicindo que sente gran emoción por ser a primeira vez que fala na cidade que tanto quere e onde naceu, e que para el é unha satisfacción grandísima a que experimenta ao dirixir a palabra ao público vigués. Ten un parágrafo brillante para as lembranzas da nenez, as rúas onde xogaba cos seus amigos da infancia que o escoitan, as escolas nas que aprendeu as primeiras nocións do saber e os lugares onde pasou a vida feliz da inocencia”.

“Educado – dixo- nun ambiente de burguesía, as miñas inclinacións e o desexo de estudiar leváronme ao estranxeiro, e aínda que as miñas tendencias parecían inclinarse ao mesmo ambiente en que vivira axiña puiden comprender que a razón e a xustiza estaban no campo do socialismo e neste ingresei coa bagaxe dos meus entusiasmos”. Transmitiu un saúdo da clase obreira arxentina para os obreiros de Vigo e tras entrar en materia referiuse ao ideal socialista rebatendo, por incompleta, a definición dada de que é “unha aspiración ao melloramento posible”, “pois o ideal ten que ser constructivo, constituír unha afirmación”.

“El Faro de Vigo” continuaba dicindo que canta en “parágrafos brillantísimos” a civilización, o dominio do home sobre a natureza e as liberdades dos pobos; combateu a guerra “que sobrevén do egoísmo e do odio”, e proclamou o amor e a fraternidade “que poden resolver o problema da loita de clases, e evitarían as sanguentas contendas dos pobos”. Outras diversas consideracións sobre o tema desenvoltas con grande dominio da palabra galvanizaron ao público que ovacionou ao disertante ao proclamar “como salvador dos pobos o ideal socialista por ser ideal de equidade, xustiza e fraternidade”.

“El Faro de Vigo” asegurou que “causou impresión gratísima a notable conferencia do ilustrado vigués”. En Baiona estaba a súa nai e o seu irmán José, quen foi anos máis tarde, no 1918, fundador das “Irmandades da Fala “. O seu irmán José en varias oportunidades estivo na emigración e durante a dictadura de Primo de Rivera foi o alcalde desa cidade e tempo despois dedicouse a contar contos logrando unha grande reputación artística, dándose a coñecer co pseudónimo de Joselín”.

Román Rodríguez rapidamente destacou en Bos Aires pola súa oratoria sendo considerado o mellor orador do seu tempo. O seu labor parlamentario e xornalístico achegouno aos grandes políticos socialistas da época compartindo amizade e tribunas con homes como Juan B. Justo (o Pablo Iglesias arxentino), Joaquín Víctor Gonzalo, Alejandro Korn, Mario Bravo, Enrique Dickman, Alfredo Palacios, Nicolás Repetto, Carlos Sánchez Viamonte, entre outros.

Nos seus dous anos de parlamentario fóronlle aprobados os seguintes proxectos: Ampliación gratuíta do ciclo escolar; Nova escala do imposto ás herdanzas; Aumento dos recursos do Consello Xeral de Educación; Regularización da situación do maxisterio; Administración polo estado do ferrocarril provincial da Plata a Meridiano V e Plano financeiro da explotación ferroviaria. Entre os proxectos pendentes quedaron os seguintes: Proxecto de desaugadoiro das zonas asolagables; Impostos progresivos sobre a renda do solo e ao maior valor social; Canalización e réxime impositivo no Delta do Paraná; Ponte de Necochea; Estabilidade do maxisterio; Reforma do orzamento e Reforma da Lei Orgánica Municipal, entre outras.

O seu labor como deputado socialista non lle impediu colaborar coa colectividade galega desempeñando tarefas na Casa de Galiza de Bos Aires. En 1920 tivo unha destacada participación nos Xogos Florais organizados por esta institución, que por aqueles anos tiña un carácter galeguista e republicano. En 1921 foi o orador central nun acto da colectividade ao primeiro Presidente Arxentino e fillo de galegos Bernardino Ribadavia. Cando en Galiza se estaba perfilando a organización do nacionalismo, Román Rodríguez de Vicente fixo chegar a súa adhesión á III Asemblea Nacionalista Galega que se realizou na cidade de Vigo baixo a presidencia de Antón Vilar Ponte, Vicente Risco e Manuel Banet Fontenla.

En xornalismo Rodríguez de Vicente destacou polos seus comentarios sobre a situación política española no xornal “La Acción”. Dirixiu o xornal “La Unión” desde o cal comezou a defender a posición de Alemaña na primeira guerra mundial, actitude esta que lle creou grandes dificultades cos seus compañeiros de partido. Román Rodríguez abrazou naqueles anos a causa xermanófila. Os seus anos estudiantís naquel país marcaríano de por vida. A súa defensa a ultranza daquela Alemaña desenvolta que coñecera remataría coa súa carreira política.

O 21 de xaneiro de 1928 unha rápida enfermidade acabou coa súa vida. Román Rodríguez de Vicente faleceu aos 41 anos sendo soterrado no Cemiterio do Oeste no Panteón do Círculo da Prensa. En febreiro de 1935 as súas cinzas foron trasladadas a Vigo no vapor “Monte Olivia” cumprindo deste xeito o seu desexo de repousar na súa cidade natal.

Ao falecer Rodríguez de Vicente o xornal arxentino “La Razón”, no cal Román tantas veces escribira, destacaba: “O que ninguén porá en tea de xuízo é que Rodríguez de Vicente posuía méritos sobrados para sinalar o seu paso pola vida como un triunfador”.

A colectividade galega da Arxentina sumouse á dor deste singular emigrante vigués. A Revista “Céltiga” de Bos Aires a través dos seus codirectores (Blanco Amor, Suárez Picallo), participou dos distintos actos fúnebres. Na semblanza que realiza esta revista galeguista sinálase:

“A nosa solidariedade racial -Román era un purísimo celta- e a nosa cordial amizade con el á parte da nosa admiración polo seu grande talento, levounos ata un apartado barrio da gran urbe para dar o derradeiro adeus á súa figura inanimada e deborcar unha bágoa tremente ante aquela vida que xa non é. Nun ambiente de sinxeleza case que humilde con olor de fogar -¡de fogar querido Román, dese templo ante o que te inclinabas reverente, porque sempre nos inclinamos ante as cousas irreais!- envolto nuns monllos de flores durmía o soño eterno, gozaba do supremo descanso aquel pelegrín de todos os camiños.

¡Que o Deus de misericordia sen o libro de entradas e saídas dos carcereiros, o bo Deus-Avó indulxente e comprensivo acolla a súa alma! E que esta terra de América sobre a que voou a súa palabra xenial lle brinde a paz eterna xa que non pode facelo a súa boa Terra Galega que á maneira de boa nai acolle por igual a santos e pecadores e que o acollerá a el que a soubo honrar e enaltecer co hálito divino do seu verbo e o seu xenio.

Nós tremendo de cordialidade e de emoción cubrimos a súa tumba coas flores máis puras do noso xardín interior regando coa nosa tenrura de galegos, coa nosa cordialidade de amigos e coa nosa devoción polo seu saber”.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...