Desde mediados do mes de xaneiro e ata o 3 de febreiro, o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, participa na experiencia 21 Días co Galego e + como representante da provincia de Pontevedra.
Trátase dun programa educativo que ten dous obxectivos ambiciosos a nivel lingüístico. Dunha banda, procura o aumento de uso do galego como lingua de comunicación habitual, tanto en cantidade de tempo como de ámbitos de uso. Por outra, é unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.
Durante estas tres semanas, 447 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato deste centro, xunto co alumnado do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e mais do IES Otero Pedrayo de Ourense, desenvolverán actividades colectivas en relación coa lingua (recreacións audiovisuais de obras literarias galegas, traballos de campo sobre o uso do galego nas empresas da contorna, retransmisións deportivas…).
De feito, o IES Antón Alonso Ríos elaborou pequenas pezas audiovisuais para divulgar o labor cultural do grupo San Roquiño de Goián, as características dialectais máis salientables do lingua galega na zona ou a contribución do Serán da Debullada de Estás para manter vivos estes encontros ao redor da música tradicional.
Este é un deses interesantes vídeos que a rapazada de Tomiño fixo para dignificar as particularidades que tomiñeses e outros habitantes da zona do Baixo Miño usan ao falar en galego.