Co obxectivo de pór en valor o papel das científicas e de fomentar as vocacións STEM entre as nenas, a Universidade de Vigo conmemora ao longo de todo o mes de febreiro o 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, cun amplo programa de actividades nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Xunto cos obradoiros ElasFanCienTec en Vigo e a feira eXXperimenta en Feminino en Ourense, a UVigo impulsará obradoiros, feiras, charlas, proxeccións, concursos e encontros coa comunidade educativa e coa cidadanía co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e a tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos.
O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as escolas e as facultades dos tres campus, co apoio da Unidade de Igualdade e da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
CHARLAS
A programación arrinca o mércores, 4 de febreiro, no campus de Pontevedra, onde a Facultade de Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal abrirán as súas portas ao alumnado de 4º da ESO do IES Xunqueira I, que participará en obradoiros prácticos nos que se porá en valor o papel das investigadoras e docentes, contribuíndo a reverter a segregación por estereotipos de xénero nos estudos universitarios. O 6 de febreiro será a quenda da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, que recibirá o alumnado de 4º da ESO do IES 12 de Outubro para desenvolver actividades sobre tecnoloxía educativa e igualdade, creación dun pódcast sobre representación feminina na ficción audiovisual e experimentación no laboratorio de didáctica das ciencias naturais.
A programación complétase cun amplo ciclo de charlas que sesenta investigadoras da UVigo impartirán ao longo do mes, centradas tanto no seu labor investigador coma no papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas actividades desenvolveranse en centros educativos, residencias de persoas maiores, aulas hospitalarias, bibliotecas e outros espazos sociais.
ElasFanCienTec, EN VIGO
O 11 de febreiro terá lugar a 10ª edición de ElasFanCienTec, cunha importante novidade: por primeira vez visitará o alumnado masculino as facultades máis feminizadas, ao tempo que as rapazas continúan achegándose a ámbitos tradicionalmente masculinizados. Esta apertura busca combater a segregación horizontal na elección de estudos e cuestionar o desigual valor social das profesións feminizadas. Máis de 200 rapazas e rapaces de catro centros educativos da provincia de Pontevedra (IES Coruxo, IES Politécnico de Vigo, IES do Castro e IES Álvaro Cunqueiro) visitarán laboratorios e escolas do campus de Vigo para participar en obradoiros científicos organizados polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e as facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Na mesma xornada, o alumnado asistirá a un obradoiro organizado pola Unidade de Igualdade; poderá coñecer a exposición Mulleres investigadoras Cintecx e participará nunha actividade vinculada ao desenvolvemento do xogo de escapada científico Alerta Verde, que se está a desenvolver coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Precisamente, durante todo o mes poderá visitarse a exposición Mulleres investigadoras Cintecx, unha mostra accesible en liña, que presenta doce científicas do centro como referentes para as novas xeracións e promove unha ciencia libre de estereotipos.
IA, XÉNERO, CINEMA E PREMIOS MARIE THARP
A perspectiva de xénero nas tecnoloxías emerxentes será protagonista doutras actividades do 11F, como a mesa redonda que organizará o centro Ecobas sobre intelixencia artificial e igualdade na Facultade de Ciencias Económicas o día 11 de febreiro ás 12.00 h e que poderá seguirse na canle de YouTube de Ecobas. O mesmo día, entre as 16.00 e as 21.00 h, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX) organizará a proxección da película Justicia artificial na facultade de Ciencias Xurídicas do campus de Vigo e na de Dereito do campus de Ourense, dentro do ciclo Cine e Xustiza 2026.
Esta liña de análise terá continuidade o 12 de febreiro no campus de Vigo coa metacharla Innovación en igualdade, impulsada pola UCC+i, na sala 1 do Edificio Miralles ás 11.00 h. O relatorio, que poderá seguirse de forma presencial ou online a través de UVigo TV, será moderado pola técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández Cendón, e nel participarán as investigadoras da UVigo Soledad Torres, Katia Rolán e Laura Sampedro. O encontro contará tamén coa introdución da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e coa participación en liña da divulgadora Marta Macho.
Tamén o 11 de febreiro, ás 12.00 h, o Centro de Investigación Mariña (CIM) celebrará a entrega dos premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp, dirixido ás súas investigadoras predoutorais e posdoutorais. O acto incluirá unha mesa redonda moderada pola xornalista de Faro de Vigo Sandra Penelas sobre os retos e oportunidades das mulleres na ciencia mariña e a proxección das pezas audiovisuais premiadas.
OURENSE CON eXXperimenta en Feminino
Pola súa banda, a gran feira divulgativa eXXperimenta en Feminino desenvolverase o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 h no edificio Politécnico do campus de Ourense. Aberta ao alumnado non universitario da provincia na quenda de mañá e ao público xeral na de tarde, a xornada ofrecerá múltiples postos experimentais sobre química, biotecnoloxía, programación, aeronáutica ou saúde, co obxectivo de achegar as disciplinas STEM á sociedade. Ademais, a divulgadora científica Deborah García Bello impartirá unha charla titulada Barbies e Robots, de acceso libre ata completar aforo.
Tamén, no campus de Ourense, tivo lugar unha nova edición do Concurso escolar de creación artística polo 11F, dirixido a alumnado de primaria e secundaria obrigatoria da provincia. O prazo de presentación de traballos pechouse o pasado 25 de xaneiro e a entrega de premios terá lugar nun acto especial ao longo deste mes de febreiro, en data aínda por determinar.
