InicioPolíticaAbel Caballero di que se equivocou con Pedro Sánchez: "É un político...

Abel Caballero di que se equivocou con Pedro Sánchez: “É un político de extraordinario nivel, un líder en Europa”

O alcalde de Vigo afirma que "Rueda non é o mesmo que Feijóo", ve necesario cambiar a dinámica do PSdeG nas eleccións autonómicas e avisa da súa intención de gobernar a cidade "20 anos máis".

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve as eleccións autonómicas como un “reto” para o seu partido en Galicia, e tamén para o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, despois de tres “situacións febles” cos últimos candidatos do PSdeG á presidencia da Xunta, e tendo en conta que “Rueda non é o mesmo que Feijóo”.

Así o manifestou nunha entrevista a Europa Press, na que insistiu en que lle gusta “pouco” falar do partido porque, como volveu repetir, o seu papel político limítase a ser “alcalde de Vigo”. “O meu proxecto implica que estou máis aló do partido, e a miña presenza no ámbito do partido xa existe, chámase Executiva de España. Ese nivel gústame”, matizou.

Con todo, reflexionou, as próximas municipais, que se celebrarán en 2023, “pintan ben” para as candidaturas socialistas e “dá a impresión de que hai unha especie de situación estable” en Galicia. “Hai unha presenza importante do PSOE nos concellos que me agrada, é moi boa para Galicia”, subliñou.

Así mesmo, vaticinou que os resultados socialistas en Galicia tamén serán bos nas eleccións xerais que, se non hai cambios, serán tamén en 2023, e mostrouse “seguro” de que o PSOE “vai volver a ser a forza política máis votada en Galicia” xerais.

“CAMBIAR A DINÁMICA” DO PSDEG EN AUTONÓMICAS

“O reto de Valentín é conseguir que iso teña continuidade nas eleccións autonómicas (…) conseguir que esa boa situación política en España e nas municipais se traslade ás autonómicas”, remarcou, e lembrou que o PSdeG pasou por “tres situacións febles con Pachi (Vázquez), Leiceaga e Gonzalo (Caballero, o seu sobriño)”, e agora debe “cambiar esa dinámica”.

Ante ese escenario, Abel Caballero fixo unha reflexión: “É certo que non é o mesmo en Galicia Feijóo que Rueda”. Segundo engadiu, el mesmo púidoo constatar nun acto esta semana, no que estivo presente co presidente da Xunta.

“Cando eu saín a falar o pavillón veu abaixo cos aplausos, cando falou o presidente da Xunta… moi mornos”, apuntou, antes de reiterar que “non é o mesmo Rueda que Feijóo, e isto é compartido por todos os cidadáns de Galicia”.

Con todo, o rexedor eludiu pronunciarse sobre se o propio González Formoso debe ser candidato á presidencia do Goberno galego, porque o partido ten o seu procedemento para elixir os candidatos e hai que ser “respectuosos”. “Ten que ser a xente quen o diga, eu decidirei sobre a marcha, e farei público o meu voto”, engadiu.

Do mesmo xeito, tamén rexeitou manifestarse sobre a estratexia que debe seguir o PSdeG de cara a eses comicios, ou se debe haber un achegamento ao BNG, porque esa decisión compete “aos que levan o partido”.

SÁNCHEZ, “LÍDER EN EUROPA” E “POLÍTICO DE EXTRAORDINARIO NIVEL”

Con respecto á política estatal, Abel Caballero non escatimou en eloxios a Pedro Sánchez, a quen cualificou como “político de extraordinario nivel”. “Este país ‘colga’, en termos de estabilidade política, de Pedro Sánchez. É a única garantía que hai no país, e o país sábeo”, proclamou, e engadiu que o presidente do Goberno é “un líder en Europa”.

Cuestionado acerca do seu cambio de opinión acerca de Sánchez, tendo en conta que apoiou a Susana Díaz na primarias de 2017, Abel Caballero recoñeceu a súa “equivocación”. “Foi unha equivocación, equivoqueime, con todo o agarimo a Susana, que é unha gran política. Pero demostrouse na moción de censura que a persoa crave era Pedro Sánchez”, afirmou.

O alcalde de Vigo subliñou que a súa relación co presidente do Executivo e co seu equipo é “marabillosa”, e que, nas cuestións en que hai discrepancias (como a descentralización do IEO, ou a liña de Alta Tensión para Balaídos), el reclama o que corresponde á cidade como facía co Goberno do PP.

Ademais, animou a Sánchez a continuar “como o está facendo: xerando emprego, cuns fondos europeos que empezan a fluír por milleiros, elevando o salario mínimo, facendo un Ingreso Mínimo Vital…, unha inmensa colección de logros”. Todos eses “logros”, así como os “datos de emprego superlativos” ou a “reforma laboral”, Abel Caballero atribuíunos a “decisións de Goberno”.

“Hai que pensar en termos de país, isto é un Goberno, dá igual quen sexan os ministros (…) E quen dirixe o goberno? Pedro Sánchez”, sinalou, ante a observación de que os exemplos enumerados corresponden a áreas de Goberno de Unidas Podemos.

ADIANTOS ELECTORAIS “INASUMIBLES”

Abel Caballero asegurou que Sánchez “vai esgotar a lexislatura” e expresou que “os mandatos se teñen que esgotar”. Ao seu xuízo, “os mandatos deben durar catro anos” e os adiantos electorais “por interese partidario” son “inasumibles na cultura política actual”.

Respecto diso, lembrou que os electores “castigaron” o PP tras o adianto electoral en Castela e León e, aínda que recoñeceu que “a Ayuso lle saíu ben”, quizá “se non adiantase, sacaría mellores resultados”.

“ASPIRO A MÁIS, NON DESCARTO MÁIS DE 20 CONCELLEIROS”

Con respecto ás súas propias expectativas de cara ás próximas eleccións municipais, Abel Caballero non se pon límites. “Eu aspiro a máis (…), a seguir tendo un inmenso apoio, e non descarto máis de 20 concelleiros. Nunca se deu, pero tampouco antes un partido en Vigo tivo 20 de 27 concelleiros”, afirmou, e lembrou que o seu proxecto político “segue igual de vivo que hai 5 ou 7 anos”.

Caballero insistiu en que a súa intención é permanecer na Alcaldía polo menos “20 anos máis”, o que suporía chegar como rexedor aos 94 anos. “Moita xente dime ‘preséntate á Xunta, que ganas’, e seguramente gañaría se me presento, pero non está no meu panorama”, aseverou o alcalde, que foi candidato do PSdeG á presidencia da Xunta en 1997, co peor resultado do seu partido (en número de escanos) en eleccións galegas ata ese momento.

“O meu panorama político é Vigo, e eu de aquí ireime á miña casa, ou a outro sitio que todos sabemos cal é…, a idade está aí. Aquí será o final da miña vida política, e se cadra da miña vida persoal tamén, non hai que descartalo nunca”, proclamou.

O alcalde subliñou que o seu obxectivo é manter o “entusiasmo” en Vigo e, ata o momento, as súas decisións teñen amplo apoio popular. Nin sequera afectou á súa valoración o caso do funcionario condenado por ‘enchufar’ nunha concesionaria municipal á cuñada de Carmela Silva.

De feito, cuestionado acerca de por que o Concello non se presentou na causa como prexudicado, a pesar de que se malversaron máis de 100.000 euros de diñeiro público, Caballero limitouse a sinalar: “Non teño nin idea (…) eu sigo sempre o que din os xuristas do Concello, e os xuristas decidírono así”.

“MALOS TRATOS” DA XUNTA A VIGO

Con respecto á súa relación co Goberno galego, Abel Caballero reiterou que, se a chegada de Rueda supón un cambio de actitude cara á cidade, el será o primeiro en aplaudilo, pero as primeiras decisións denotan que a Xunta “retoma posicións anteriores”.

O alcalde reiterou que a Xunta ten unha “débeda histórica de 2.258 millóns” con Vigo e “a cidade é consciente do que pasa”. “Todo o mundo sabe na cidade que nos maltratan”, sentenciou, e sinalou que, por iso, os vigueses “castigan electoralmente” ao PPdeG.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...