InicioPolíticaCaballero critica que a Xunta pida medidas pola seca cando "non fixo...

Caballero critica que a Xunta pida medidas pola seca cando “non fixo nada” polo abastecemento de Vigo

"A Xunta descarga a responsabilidade en Vigo, e o alcalde convértese de novo en presidente da Xunta", ironiza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este luns que a Xunta de Galicia reclame aos concellos medidas de aforro de auga, ante a situación de prealerta por seca, cando “non fixo nada” para garantir o abastecemento da cidade e dos concellos da contorna.

O rexedor explicou que o Concello recibiu unha carta do goberno galego pedindo medidas para reducir o consumo de auga, e subliñou que todo o que reclama a administración galega “xa está en marcha” na cidade.

Así, incidiu en que o goberno local leva máis dunha década reformando rúas e renovando os sistemas de saneamento e abastecemento, tomando medidas para reducir as ‘fugas’ (que xa están “por baixo do 10 %”), e outras melloras nas que se investiron “centos de millóns de euros”.

Ademais, engadiu que está en marcha a obra para construír unha nova potabilizadora por 23 millóns de euros, coas “mellores tecnoloxías” e para dar servizo a Vigo e outros concellos. “Todo pagado por Vigo”, proclamou, antes de matizar que a obra da nova potabilizadora será sufragada pola concesionaria Aqualia con cargo ao seu plan de investimentos, pero “deixará de facer outras cousas” por asumir ese gasto.

Caballero tamén volveu criticar que a Xunta cuestiona a solución técnica recollida no estudo encargado para garantir o abastecemento á área viguesa, e que contempla a construción dunha pequena presa no Oitavén e unha captación na confluencia co río Verdugo, todo iso, segundo o alcalde, con “efecto ambiental cero”.

Fronte a estas actuacións, o rexedor censurou que a Xunta “non fixo nada” ante o “problema severo” da auga en Vigo e a súa área, e que rexeitou a súa proposta, feita en 2013 e en 2017, de facer un transvasamento de emerxencia. “Para que queremos a Xunta?”, preguntou o alcalde, que volveu a repetir que é el quen actúa asumindo as competencias do goberno galego en Vigo.

A Xunta descarga a responsabilidade en Vigo, e o alcalde convértese de novo en presidente da Xunta. Está Feijoo, que xa se marchou; Rueda, que acaba de chegar; e o alcalde de Vigo. Estas son as presidencias de Galicia”, ironizou.

Finalmente, sobre a situación actual do abastecemento, Abel Caballero explicou que a presa de Eiras está ao 100 % pero o outono pode ser “difícil”, e empezarase a actuar cando se reduza o volume de auga embalsada. É previsible que este nivel de enchido se manteña polo menos un mes máis, pero advertiu de que este ano “por agora vén difícil, porque non choveu moito”.

ÚLTIMAS

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

‘Gargallada Científica’, científicos da UVigo con alma de divulgadores e corazón de contacontos

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a...

Pontón esixe á Xunta mercar Povisa: “Na sanidade privada non ven pacientes, ven clientes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu unha vez máis a compra do...