InicioPolíticaUn xulgado anula o pleno da Cañiza no que se aprobou a...

Un xulgado anula o pleno da Cañiza no que se aprobou a conta xeral de 2018

Considera que non se axustou ao regulamento por convocarse por parte do alcalde, o socialista Luís Piña, con "só tres horas" de antelación.

PUBLICADO O

O Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra anulou o pleno extraordinario e urxente celebrado o 27 de febreiro de 2020 no Concello da Cañiza, no que se aprobou a conta xeral correspondente a 2018 por convocarse por parte do alcalde, o socialista Luís Piña, con “só tres horas” de antelación.

Nunha sentenza con data do 12 febreiro, o xulgado estima un recurso interposto polo portavoz do Partido Popular da Cañiza Miguel Domínguez. Unha decisión contra a que cabe recurso de apelación no prazo de 15 días.

En concreto, segundo recolle o fallo, o día 10 de xullo de 2020 o portavoz popular recorreu os acordos adoptados polo pleno do Concello o 27 de febreiro 2020 sobre a conta xeral do exercicio 2018 ao considerar que a “precipitación” na súa convocatoria impediu aos concelleiros do seu grupo analizar cun mínimo de detemento os documentos que levarían a esa reunión.

Ademais, sinalaba que varios dos edís nin sequera recibiran a convocatoria antes da celebración, polo que algún non se puido organizar para asistir. Tamén alegou que non concorrían razóns suficientes para a “urxencia” da convocatoria e que na práctica, con ese mecanismo nun asunto relevante, cernábase o dereito fundamental de participación política dos concelleiros da oposición.

Pola súa banda, o Concello da Cañiza argumentou na súa contestación que o propio portavoz do PP foi o alcalde do municipio ata as eleccións de maio de 2019, administración que “abandonou sen tramitar a conta xeral de 2018”. “Iso provocou o consecuente atraso do novo equipo de goberno no seu enchemento, sendo requirido polo Consello de Constas para a súa pronta remisión”, sinalou.

O fallo sinala que o alcalde convocou de urxencia este pleno, ao que acudiron nove dos 13 edís da corporación, ao argumentar que era “moi urxente remitir a conta xeral ao Consello de Contas, para evitar a posible imposición de sancións ou multas coercitivas ao Concello e pola posible perda de subvencións”. Ademais, acusaba o PP de “mala fe” e “obstrucionismo”.

Con todo, o fallo conclúe que non se motivou nin xustificou debidamente a “necesidade imperiosa de celebrar esa sesión plenaria con tal urxencia”. “Non consta que se iniciou xa un procedemento sancionador ou de multas coercitivas contra o Concello pola demora no envío da Conta Xeral ao Consello de Contas de Galicia”, indica a sentenza, que sinala que “tampouco consta que se fose a perder algunha subvención polo incremento do atraso en tan só dous días, os necesarios para convocar o pleno extraordinario en condicións”.

Por todo iso, estima o recurso do portavoz popular, anula os acordos e empraza a abordalos nun pleno ordinario ou un extraordinario convocado con, “polo menos”, dous días de antelación. Ademais, impón as cousas á Administración demandada.

REACCIÓN DO PP

O portavoz popular Miguel Domínguez asegura que se demostra que “Piña pretende impor a súa vontade de forma autoritaria desde que chegou ao goberno” e sostén que este é “tan só un dos múltiples exemplos que, ademais, lle van custar diñeiro aos veciños da Cañiza”.

O popular afirma que “Piña sabía que era imposible que varios dos concelleiros da oposición puidesen asistir ao pleno ao convocarse con tres horas de antelación” e que, a pesar diso, “decidiu continuar coa convocatoria”.

“O que conseguiu foi que, a día de hoxe, a conta xeral de 2018 non estea aprobada e que as subvencións que dependían desa xestión xa se atopen comprometidas”, incide Domínguez, que estima nuns 600.000 euros a cantidade “perdida” polo alcalde por non presentar esta conta en prazo.

“Esta sentenza confirma a parálise de Piña e o total descoñecemento das xestións ordinarias dun concello”, apunta.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...