A Xunta de Galicia remitiu ao Concello de Vigo para a súa firma a segunda addenda ao convenio de colaboración entre ambas as administracións para financiar os traballos de redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal da cidade.
Así llo trasladou este mércores a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, á delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, durante unha reunión telemática.
Segundo explicaron a delegada e a propia consellería, esta addenda ten por finalidade “adecuar o pago das axudas ao ritmo dos traballos de redacción” do documento de plan urbanístico, xa que se “incumpriron os prazos” por parte do goberno vigués.
Esta addenda, no entanto, non atrasa as anualidades, e mantense o prazo de 2021 como último ano no que a Xunta pagará unha porcentaxe do importe financiado, que ascende a algo máis dun millón de euros.
A Xunta convidou ao Concello olívico a “avanzar na tramitación” da PXOM para lograr este ano a aprobación inicial e provisional do documento. Unha vez superado ese fito, a Xunta pagará un 70 por cento da axuda habilitada.
TRAMITACIÓN AMBIENTAL
Conselleira e delegada defenderon que a tramitación desta segunda addenda ao convenio é “unha nova mostra de colaboración da Xunta co Concello“, e do “compromiso” do goberno galego para que Vigo dispoña canto antes da novo PXOM, tras a anulación do Plan de 2008 polo Tribunal Supremo (sentenza de finais de 2015).
Anxos Vázquez apuntou que, na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non ten pendente ningún trámite nin informe sobre o borrador da PXOM vigués, unha vez que xa foi formulado o Documento de Alcance do Estudo Ambiental Estratéxico do Plan.
Agora é o Concello de Vigo o que debe remitir á Consellería o expediente de avaliación ambiental estratéxica completo para que se formule a Declaración Ambiental Estratéxica, coa que finaliza o trámite ambiental por parte da Xunta.