InicioPolíticaA "confrontación" entre Caballero e Xunta sobre a área Metropolitana serviu "para...

A “confrontación” entre Caballero e Xunta sobre a área Metropolitana serviu “para perder 4 anos”

"A Xunta tiña razón, e estábase incumprindo, por parte de Abel Caballero, unha lei do Parlamento de Galicia, que di que a área Metropolitana ten que funcionar integrando o transporte de Vigo", subliñou Alfonso Rueda.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia celebrou que o Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo deulle “a razón” na sentenza feita pública este mércores, na que se anula a posta en marcha da área Metropolitana de Vigo, e constatou que a “política de confrontación” do alcalde, Abel Caballero, acerca deste ente supramunicipal, “non valeu máis que para perder 4 anos”.

Así o trasladou o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, quen sinalou, en alusión á resolución xudicial, que “a Xustiza acaba de falar ben claro”. “A Xunta tiña razón, e estábase incumprindo, por parte de Abel Caballero, unha lei do Parlamento de Galicia, que di que a área Metropolitana ten que funcionar integrando o transporte de Vigo”, subliñou.

Rueda lembrou que o goberno galego “xa o avisou” no seu día, e que a actuación de Abel Caballero, que foi elixido presidente da área e convocou posteriormente diversas Xuntas de Goberno do ente, “obrigou” á Xunta a presentar un recurso contencioso administrativo.

Segundo o vicepresidente do goberno autonómico, a sentenza “resolve a cuestión”, aínda que “o malo é que se perderon 4 anos de funcionamento da área Metropolitana” e de funcionamento dun modelo de transporte que permitise “descontos e moitas vantaxes” aos cidadáns vigueses.

Alfonso Rueda indicou que “a polémica debía acabar” e a sentenza pon de manifesto que a “política de confrontación” do rexedor olívico “non valeu máis que para perder 4 anos”. “A xustiza pon as cousas no seu sitio, e espero que agora si poida funcionar a área, co transporte metropolitano incluíndo o de Vigo, que é o que di a sentenza e o que Abel Caballero non quería facer”, afirmou.

REXEITAMENTO AO TRANSPORTE METROPOLITANO

Cuestionado acerca desta sentenza, o alcalde da cidade olívica, eludiu pronunciarse, argumentando descoñecer o contido da resolución. No entanto, Abel Caballero si fixo alusión á polémica do transporte metropolitano, tras a reunión mantida nas últimas horas pola comisión de seguimento do devandito transporte, celebrada en Vigo e presidida pola conselleira Ethel Vázquez.

O alcalde volveu a defender a ausencia de Vigo nese modelo de transporte metropolitano “porque a pretensión da Xunta é que os de fóra de Vigo teñan o bus gratis, e que pague Vigo”. “Nesas condicións nunca quixemos estar, e non o imos a aceptar nunca”, proclamou Caballero.

Segundo insistiu, ese modelo de transporte “é da Xunta, non é o transporte de Vigo” e, por tanto, ha de ser o goberno galego o que sufrague as viaxes dos usuarios non vigueses no bus urbano da cidade.

Ademais, Abel Caballero volveu a denunciar que, “como vinganza” pola negativa de Vigo de entrar nese sistema, o presidente Feijóo impulsou unha lei “de matonismo político” en 2017 para que os usuarios do bus que non estean censados na cidade poidan beneficiarse tamén dos descontos nas viaxes que se aplican co cartón PassVigo. “É unha lei que só se aplica en Vigo, contra a xente de Vigo, e que nos custa centos de miles de euros”, denunciou.

VALORACIÓN DOS GRUPOS POLÍTICOS

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, sinalou que a sentenza do Contencioso Administrativo non é máis que o “epílogo” aos constantes desencontros entre PP e PSOE sobre a área Metropolitana, enfrontamentos “cunha lectura exclusivamente electoral”.

En todo caso, reclamou que estes partidos, e todos o que están representantados no ente se poñan “a traballar” para tratar de sacar adiante a área, facendo “unha terceira remodelación da lei se é necesario”.

Mentres, o edil do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, constatou que “a vía xudicial non é o camiño que vai permitir a posta en marcha da área”, un ente “errado” pola “falta de vontade política” de Caballero e de Feijóo. “Que deixen de usar a área Metropolitana como unha arma”, reclamou.

Pérez Igrexas lembrou que o BNG sempre avogou por pór en marcha o ente, resolvendo a través do diálogo as cuestións “que xeraban problemas”, como a integración de Vigo no transporte metropolitano. “O veciños non queren un novo parlamento no que PP e PSOE continúen o seu permanente leo partidista, senón un ámbito administrativo que atenda as súas necesidades desde a cooperación e as sinerxías”, advertiu.

ÚLTIMAS

Disney+ desembarca no Nadal de Vigo cunha experiencia inmersiva gratuíta e “única”: así será a nova atracción do centro da cidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que Disney+ instalará na rúa Policarpo Sanz...

Acepta 10 meses de prisión por insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo por dicir que “ía nunha patera”

Un home acusado dun delito contra os dereitos fundamentais e contra a integridade moral...

Empregados de Vitrasa denuncian a “imposibilidade” de cumprir os “obsoletos” horarios que xeran “atrasos” en buses, especialmente durante o Nadal

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou...

Abel Caballero di que Vigo “arrastrará” a Xunta e deputación para que a cidade “sexa mundialista”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que Vigo será mundialista porque...