InicioPolíticaO BNG levará ao pleno de Vigo a petición de medidas urxentes...

O BNG levará ao pleno de Vigo a petición de medidas urxentes para salvar a actividade de Vulcano e Barreras

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno central e a Xunta de Galicia a buscar mecanismos para abordar a crise do sector naval de Vigo.

PUBLICADO O

O BNG de Vigo levará unha moción, para o seu debate no pleno municipal deste mércores, na que reclama á Xunta e ao Goberno central que adopten “medidas urxentes” para asegurar a continuidade da actividade nos estaleiros Vulcano e Hijos de J. Barreras, así como no conxunto do sector naval.

A moción foi presentada o luns en rolda de prensa polo concelleiro Xabier Pérez Igrexas, quen lembrou que o naval é un sector “estratéxico” para a cidade e a comarca, e alertou de que “non se están tomando as medidas necesarias” para salvagardalo.

Na súa iniciativa, o edil nacionalista reclama a “intervención pública” da Xunta en Barreras e Vulcano, para garantir a continuidade da actividade e o emprego. Así mesmo, demanda a creación do Centro de Reparacións Navais na ría de Vigo, a convocatoria urxente da mesa de contratación do naval e que se aplique a lei 4/10 de Fomento do sector Naval de Galicia, que o PP converteu “en papel mollado”.

Pérez Igrexas tamén solicitou, con respecto a Vulcano, un compromiso por parte da Autoridade Portuaria de Vigo e de Portos do Estado para que se manteña a actividade naval nesas instalacións, e rexéitense outros usos na parcela de dominio público.

O concelleiro nacionalista pediu ao presidente do Porto de Vigo o “cesamento no seu claro boicot a Vulcano” e que “se marche, que dimita ou que a Xunta propoña o seu cesamento”.

Finalmente, o BNG insistiu na necesidade dunha tarifa eléctrica galega, a constitución dun Instituto Galego de Crédito e Financiamento e dunha Corporación Industrial Pública Galega.

NÉSTOR REGO

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno central e a Xunta de Galicia a buscar mecanismos para abordar a crise do sector naval de Vigo.

Rego rexistrou un escrito na Cámara baixa no que pide ao Executivo estatal que declare a construción naval en Galicia como un sector económico e produtivo estratéxico. E é que para o BNG, a “desertización industrial que atravesa a comarca de Vigo representa un grave problema, non só para esta área senón por extensión para o conxunto de Galicia”.

“Reverter esta situación esixe que as administracións publicas competentes adopten medidas efectivas, con compromisos firmes que vaian máis aló da propaganda e os anuncios electoralistas”, asegura.

O deputado nacionalista considera que se trata dun sector “eminentemente estratéxico para esta comarca pero tamén para o conxunto de Galicia”. Con todo, apunta que na actualidade o naval representa na zona de Vigo “menos de 2.000 postos de traballo cando chegou a superar os 10.000”.

ÚLTIMAS

Buscan un home que convivía cunha muller nunha pensión da rúa Fragoso pola súa posible relación co crime da maleta

A Policía Nacional busca a un home que conviviu cunha muller nun piso de aluguer por...

BNG de Vigo denuncia que o goberno loca tramita “ás agachadas” o reequilibrio da concesión de bus

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo denunciou este mércores que o...

Descargan en Vigo os 200 quilos de coca do veleiro ‘Asshashio’ abordado no Atlántico

Funcionarios de Vixilancia Aduaneira, Garda Civil e Policía Nacional procederon este mércores á descarga dos 8 fardos,...

O CSIC inicia en Vigo unha investigación sobre o estado dos cabaliños de mar no litoral español

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas...