O BNG de Vigo levará unha moción, para o seu debate no pleno municipal deste mércores, na que reclama á Xunta e ao Goberno central que adopten “medidas urxentes” para asegurar a continuidade da actividade nos estaleiros Vulcano e Hijos de J. Barreras, así como no conxunto do sector naval.
A moción foi presentada o luns en rolda de prensa polo concelleiro Xabier Pérez Igrexas, quen lembrou que o naval é un sector “estratéxico” para a cidade e a comarca, e alertou de que “non se están tomando as medidas necesarias” para salvagardalo.
Na súa iniciativa, o edil nacionalista reclama a “intervención pública” da Xunta en Barreras e Vulcano, para garantir a continuidade da actividade e o emprego. Así mesmo, demanda a creación do Centro de Reparacións Navais na ría de Vigo, a convocatoria urxente da mesa de contratación do naval e que se aplique a lei 4/10 de Fomento do sector Naval de Galicia, que o PP converteu “en papel mollado”.
Pérez Igrexas tamén solicitou, con respecto a Vulcano, un compromiso por parte da Autoridade Portuaria de Vigo e de Portos do Estado para que se manteña a actividade naval nesas instalacións, e rexéitense outros usos na parcela de dominio público.
O concelleiro nacionalista pediu ao presidente do Porto de Vigo o “cesamento no seu claro boicot a Vulcano” e que “se marche, que dimita ou que a Xunta propoña o seu cesamento”.
Finalmente, o BNG insistiu na necesidade dunha tarifa eléctrica galega, a constitución dun Instituto Galego de Crédito e Financiamento e dunha Corporación Industrial Pública Galega.
NÉSTOR REGO
Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno central e a Xunta de Galicia a buscar mecanismos para abordar a crise do sector naval de Vigo.
Rego rexistrou un escrito na Cámara baixa no que pide ao Executivo estatal que declare a construción naval en Galicia como un sector económico e produtivo estratéxico. E é que para o BNG, a “desertización industrial que atravesa a comarca de Vigo representa un grave problema, non só para esta área senón por extensión para o conxunto de Galicia”.
“Reverter esta situación esixe que as administracións publicas competentes adopten medidas efectivas, con compromisos firmes que vaian máis aló da propaganda e os anuncios electoralistas”, asegura.
O deputado nacionalista considera que se trata dun sector “eminentemente estratéxico para esta comarca pero tamén para o conxunto de Galicia”. Con todo, apunta que na actualidade o naval representa na zona de Vigo “menos de 2.000 postos de traballo cando chegou a superar os 10.000”.