O grupo municipal do BNG en Vigo presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo pola negativa do alcalde, Abel Caballero, a comparecer no pleno extraordinario convocado para este venres polo chamado caso Saltamontes, despois de que o Concello desestimase o recurso de reposición presentado polos edís nacionalistas. O pleno extraordinario foi convocado polo propio Caballero tras a solicitude dos sete concelleiros da oposición, PP e BNG.
Na súa petición, populares e nacionalistas reclamaban, como primeiro punto da orde do día, a comparecencia do rexedor, mentres que no segundo propoñían varios acordos: pedir o cesamento da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, investigada por un posible homicidio imprudente por ese accidente mortal; crear unha comisión de investigación; e trasladar as condolencias á familia do mozo falecido na atracción.
Porén, na convocatoria, o rexedor retirou o primeiro punto para non ter que comparecer. O goberno local xustificou esta decisión alegando que, segundo o regulamento do pleno, as comparecencias do alcalde e dos membros do goberno deben someterse á votación do propio pleno. O BNG presentou un recurso de reposición e agora, unha vez rexeitada esta reclamación, decidiu levar o caso ante a Valedora do Pobo. No seu escrito, o portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lembra que a exclusión da comparecencia de Caballero foi unha decisión “unilateral” do alcalde e que “contravén” o previsto no regulamento.
Así mesmo, o BNG sinala que, con esta medida, se restrinxen as facultades de control político da oposición e se vulnera o dereito fundamental á participación política, ao limitar o exercicio das funcións dos concelleiros. Igualmente, advirte de que a resolución do alcalde suscita “dúbidas relevantes”, ao non estar debidamente motivada nin argumentada. “A actuación denunciada afecta o exercicio de dereitos fundamentais por parte de membros electos dunha corporación local galega e refírese á actuación dunha administración pública sometida á supervisión da Valedora do Pobo”, xustifica o BNG.
A OPOSICIÓN PIDE O CESAMENTO DA CONCELLEIRA INVESTIGADA
Doutra banda, os grupos da oposición de Vigo tamén se pronunciaron sobre a decisión do xulgado de instrución de manter a imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, ao desestimar o seu recurso de reforma. O PP sinalou que esa ratificación da imputación penal “non deixa lugar a dúbidas” e que o propio xuíz expón que o accidente se tería evitado se a concelleira de Seguridade tomase medidas. “Unha concelleira que está quedando sen saída a pesar dos seus intentos por eludir as súas responsabilidades ou por trasladárllelas a outros”, afirmou a portavoz do grupo, Luisa Sánchez.
A voceira popular reiterou que Rodríguez “non pode seguir no seu posto nin un minuto máis” e criticou o “mutismo” do alcalde, ao que acusa de manter a concelleira no seu cargo e de seguir “protexéndoa”. Mentres, o BNG sinalou que, tras esa resolución xudicial, a comparecencia en pleno de Abel Caballero “resulta aínda máis necesaria”, e preguntou “por que se agocha” o alcalde se confía na xestión da concelleira. Así mesmo, tras censurar o “intento” de Patricia Rodríguez de pretender responsabilizar do ocorrido a Policía Local, os nacionalistas criticaron o “silencio” do rexedor, que interpretan como “un acto de deliberada complicidade e encubrimento en favor dunha concelleira que debía ser cesada”.
