O Consello da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo someterá a votación o vindeiro martes o proxecto de ordenanza municipal reguladora da implantación, intensidade e funcionamento das vivendas de uso turístico (VUT). Así o avanzou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios.
Segundo explicou a responsable municipal, a ordenanza terá que superar aínda varios trámites antes da súa entrada en vigor, xa que deberá pasar polo pleno para a aprobación inicial e, posteriormente, someterse a un período de exposición pública, previo á aprobación definitiva. O obxectivo principal do texto, indicou, é “proporcionar seguridade xurídica a titulares e veciños, evitar conflitos coas comunidades de propietarios e priorizar o dereito á vivenda e o uso residencial”.
CONDICIÓNS LIGADAS AO PLAN XERAL
A normativa fixa as condicións de implantación das VUT en función do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Só se permitirán vivendas de uso turístico nas zonas onde este uso sexa compatible co planeamento urbanístico vixente. Ademais, deberán localizarse en edificios completos ou en plantas baixas ou altas con independencia funcional, é dicir, con acceso independente e sen usos residenciais nas plantas inmediatamente inferiores.
Caride precisou que a ordenanza establece limitacións expresas para determinados inmobles. Así, “en ningún caso” poderán destinarse a uso turístico vivendas que fosen reformadas ou rehabilitadas con subvencións públicas destinadas á mellora do parque residencial, nin tampouco aquelas que conten con algún tipo de protección oficial.
O texto tamén abre a porta a que o Concello poida declarar barrios, rúas ou zonas concretas como áreas saturadas ou de intensidade limitada para este tipo de actividade. Esta declaración, segundo se recolle no proxecto, deberá realizarse previo estudo técnico e tramitación administrativa, co obxectivo de evitar unha concentración excesiva de VUT en determinados puntos da cidade.
No relativo ao procedemento administrativo, a concelleira detallou que as vivendas de uso turístico quedarán suxeitas a comunicación previa para a súa implantación, unha vez inscritas no rexistro de empresas e actividades turísticas de Galicia. “O Concello de Vigo outorga esta actividade e, a partir de agora, todas as vivendas de uso turístico terán que ser compatibles con esta tramitación administrativa, contando coa comunicación previa de actividade no Concello”, concluíu Caride.
