InicioPolíticaCaballero impulsa accións legais pola exclusión de Vigo como sede do Mundial...

Caballero impulsa accións legais pola exclusión de Vigo como sede do Mundial 2030

O Concello contrata un equipo xurídico para estudar posibles reclamacións ante a decisión da Federación Española de Fútbol

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo iniciou os trámites para estudar unha posible reclamación xurídica fronte á decisión da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de excluír a cidade da listaxe de sedes do Mundial de fútbol de 2030. O alcalde, Abel Caballero, confirmou este venres a contratación dun equipo legal especializado para analizar a legalidade do proceso que derivou na exclusión.

Segundo explicou o rexedor nunha comparecencia remitida aos medios, o Concello contratou os servizos dos despachos Montero Aramburu e Gómez-Villares Atencia, liderados polo catedrático Eduardo Gamero, co obxectivo de elaborar un ditame técnico-xurídico sobre o procedemento da candidatura e a súa avaliación.

“Queremos coñecer en detalle se os pasos dados pola Federación no seguimento e rexeitamento da candidatura de Vigo se axustaron ao dereito”, declarou Caballero, quen anunciou que, en función das conclusións dese informe, decidirán “cal é a vía adecuada para acudir aos tribunais”.

O alcalde insistiu en que se trata dunha “exclusión absolutamente indebida” e cualificou a situación de “escándalo institucional”, ao tempo que acusou directamente o presidente da RFEF, Rafael Louzán, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de manter unha posición conxunta contraria a Vigo. “O tres institucións están en contra de que Vigo sexa sede”, denunciou Caballero, facendo referencia tamén ao conselleiro de Deportes, Diego Calvo.

O rexedor asegurou que advertiu á Federación da posibilidade de acudir á xustiza se se confirmaba a exclusión. “Pois arrincamos o proceso de defensa de Vigo pola vía xurídica e aí vémonos, señor Louzán”, declarou.

Ademais da vía legal, Caballero afirmou que manterán “toda a presión política” para reivindicar a inclusión de Vigo no Mundial e insistiu en que a cidade cumpre cos requisitos técnicos e deportivos para albergar partidos da competición. O alcalde vigués cualificou a situación de “inexplicable” e reiterou que Vigo non vai renunciar a ser “unha cidade mundialista”.

ÚLTIMAS

Cinco feridos nun accidente en Mos

Cinco persoas resultaron feridas na mañá deste sábado ao chocar frontalmente dous vehículos no...

Vigo rexeita o recurso de Ryanair e mantén a sanción por reducir voos

O Concello de Vigo confirmou o rexeitamento do recurso de reposición presentado pola aeroliña Ryanair contra a sanción imposta pola...

195 millóns: o custe do novo contrato entre SERGAS e Povisa

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Hospital Ribera Povisa de Vigo finalmente...