O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, volveu cargar contra os “mantras ideolóxicos” da Plataforma SOS Sanidade Pública, impulsora da manifestación celebrada en Vigo na tarde do xoves con decenas de miles de persoas. “En primeiro lugar, eu non estiven, o que quere dicir que non compartía os mantras ideolóxicos da asociación convocante”, respondeu, ao ser preguntado polos medios este venres en Santiago sobre unha mobilización que reclamaba “reconstruír” a área sanitaria de Vigo e protestar contra o modelo concesional do Hospital Álvaro Cunqueiro.
O conselleiro reiterou o seu “máximo respecto” por aquelas persoas que “con boa vontade” acudisen a esta manifestación porque “todo é mellorable”, tal e como recoñeceu posteriormente, aínda que recalcou que o compromiso da Xunta e do seu departamento nesta comarca é “innegable”. En contraposición, o titular de Sanidade denunciou que “non hai tanto respecto” por parte de “todos eses políticos que utilizan a sanidade como unha ferramenta de loita” porque “non recoñecen ningunha bondade” por parte do sistema público. “Xente que sempre está no ‘non’, xente que non achega posibles solucións, que cre que esa é a maneira para crecer politicamente”, engadiu Gómez Caamaño.
Para pechar este asunto, o conselleiro cualificou como “incontestable” o “compromiso” da Xunta coa sanidade en Vigo, á que dedica “mil millóns de euros” este ano. “Hai un frontispicio nunha universidade norteamericana que pon ‘Aquí só cremos en Deus, todos os demais teñen que traer datos’. Os datos son incontestables”, recalcou. Así, Gómez Caamaño referiuse ao novo centro de saúde Olimpia Valencia da cidade olívica, ao novo de Moaña e á ambulancia habilitada para O Morrazo.
UN HOSPITAL “MODÉLICO”
Sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro, reivindicou que é “modélico en toda Europa” e destacou que realiza ao ano “4.000 inervencións” máis ao ano con respecto ao anterior Hospital Xeral. “Un hospital (o Álvaro Cunqueiro) que é público, que é flexible, moderno, que se adapta segundo as necesidades e, por tanto, que se fixo nun momento moi complicado e que a única maneira viable de facelo é como se fixo”, detallou.
O BNG PIDE AO CONSELLEIRO “ESCOITAR MÁIS” E “ATACAR MENOS”
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, pide ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, escoitar “máis” a “masiva e multitudinaria” manifestación de miles de persoas do pasado xoves en Vigo en defensa da sanidade pública e “atacar menos”. “Que non insulte á intelixencia colectiva nin da cidadanía de Vigo nin do conxunto da sociedade galega”, afirma.
Rodil opinou que Caamaño “debería facer máis por escoitar o que lle está dicindo a sociedade de Vigo” ao conselleiro e “atacar algo menos ao pobo galego”. A deputada nacionalista pon en valor a “defensa colectiva dun dereito fundamental” fronte aos “recortes” do PP en materia sanitaria que “fan cada vez máis difícil” poder ir ao médico debido ás listas de espera e achácaos ao “obxectivo fundamental” de “minar a sanidade pública” para “servir en bandexa ese dereito fundamental á sanidade privada”.
O PPDEG ACUSA AO BNG DE “MODIFICAR A REALIDADE”
Pola súa bada, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, replicou ás críticas do BNG ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para asegurar que “o que é insultante é que se pretenda enganar aos galegos modificando a realidade”. Preguntado sobre as palabras de Rodil, Pazos Couñago mostrou o “máximo respecto” polos manifestantes, pero “a politización sobre sanidade é recorrente, vén moi de longo e xa a coñecen todos o galegos”. “Vaime a permitir que sorría levemente ante esas afirmacións sorpresivas do BNG que din que non existe politización da sanidade pública galega. Non hai maior factor de politización ao redor de sanidade galega que o BNG, non existe. Sería moi de agradecer que nalgún momento deixase ese ánimo partidario e preocupásese por facer algunha proposta útil”, apostila o popular cuestionado polos medios.
Lamenta que a postura do Bloque sobre sanidade pública “limítase a cando ocupa un lugar na oposición”, posto que “cando estiveron no goberno as súas actuacións foron francamente mellorables”. Asegura que durante a comisión parlamentaria sobre a construción do Álvaro Cunqueiro: “Descubrimos intención de privatizar boa parte dos investimentos sanitarios que lles correspondía facer ao longo dunha década”. Por iso, Pazos Couñago di que se senten “profundamente orgullosos” pola construción do Álvaro Cunqueiro, xa que o Bloque “nin materializou” a infraestrutura que “si construíu o goberno do PP”.