O alcalde de Nigrán, Juan González (PSdeG), cargou contra o deputado do PP José Luís Ferro por cuestionar a existencia de mortes na illa de San Simón mentres foi cárcere e campo de concentración do franquismo cando existen “miles de papeis oficiais que o proban, ademais de testemuñas”. “Cuestionar a realidade de San Simón é un insulto ás vítimas e as súas familias e un atentado contra a memoria histórica”, aseverou en declaracións difundidas aos medios o rexedor socialista e tamén historiador, que participou na elaboración do libro e documental ‘Illados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón’.
O alcalde prometeu enviar un exemplar desta publicación ao deputado autonómico do PP José Luís Ferro, que o mércores puxo en dúbida que se producisen mortes en San Simón durante o debate dunha inciativa parlamentaria sobre memoria histórica presentada polo Grupo Socialista. O parlamentario afirmou que non hai “constancia” pola “documentación que existe” de que se producisen mortes no arquipélago da ría de Vigo que usou, en primeiro lugar, o bando golpista na Guerra Civil e, a continuación, o réxime franquista.
“Que nós teñamos constancia tampouco sabemos, a día de hoxe pola documentación que existe, que houbese mortes na illa de San Simón, salvo abusos do director da prisión naquel momento, que foi pasado polo coitelo porque trataba mal aos presos”, asegurou Ferro durante a súa intervención, na que criticou a Lei de Memoria Democrática por “impor un relato oficial que pouco ten que ver co relato histórico”. Un día despois, o rexedor de Nigrán considerou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debería “tomar cartas” no asunto ante o cuestionamiento da represión no enclave que pertence ao Concello de Redondela.
“O propio feito de matar de fame é un crime contra a humanidade, así o recoñece a ONU. Como mínimo sabemos de nove asturianos fusilados (consérvanse as marcas das balas nas tapias) e foron centos os que morreron de inanición, frío ou por absoluta desatención. Está máis que documentado”, incidiu González. O alcalde remarca que existe “miles de papeis oficiais, ademais de testemuñas” sobre a realidade en San Simón entre 1936 e 1943, un período que, como lembra, foi analizado a través dunha investigación na que el mesmo participa desde 1992 e que continúa hoxe activa con entrevistas a sobreviventes e as súas familias, cos que chegou a gravarse un documental no que visitaron a illa 50 anos despois. “Non se pode permitir este negacionismo e menos dun deputado. San Simón foi un campo de concentración no que se cometeron crimes de guerra”, concluíu.
REDONDELA PODERÍA DECLARAR A FERRO “PERSOA ‘NON GRATA'”
Pola súa banda, no próximo pleno do Concello de Redondela abordarase a declaración do deputado do PPdeG, José Luís Ferro, como persoa ‘non grata’. A socialista Digna Rivas, alcaldesa deste municipio, ao que pertence San Simón, advertiu de que negar a represión franquista nese espazo, que será incluído no inventario de Lugares de Memoria Democrática polo Goberno, supón “branquear” o réxime ditatorial de Franco e “actuar como cómplice da ultradereita, boicoteando o acordo pola Memoria Democrática”.
Para Rivas, as palabras do deputado ‘popular’ por Ourense supoñen un “ataque aos valores democráticos e á convivencia política”, ademais de porse en contra dunha “verdade histórica” como foi o uso desta illa como campo de concentración do franquismo. Por iso, a rexedora avanzou que no próximo pleno da Corporación proporase a declaración de José Luís Ferro como persoa ‘non grata’ en Redondela, e lembrou que a historia de San Simón “é ben coñecida polos veciños de Redondela e a comarca”, que saben que nese espazo “miles de persoas foron encerradas inxustamente e sometidas a tortura e trato inhumano”.
De feito, subliñou que tamén é dabondo coñecida a solidariedade de moitas mulleres, que actuaban como “madriñas” dos presos, un colectivo homenaxeado polo Concello redondelano. Para Digna Rivas, “é fundamental que todas as administracións leven a cabo accións públicas dirixidas ao coñecemento da historia e ao fomento da memoria democrática”, e lamentou o “silencio” do PP de Redondela, ao que instou a pronunciarse “facendo pública a súa consideración sobre o pasado de San Simón e a súa posta en valor como Lugar de Memoria Democrática”.