InicioPolíticaRueda non comparecerá para explicar o sobrecusto de 470 millóns na construción...

Rueda non comparecerá para explicar o sobrecusto de 470 millóns na construción do Cunqueiro

A petición do BNG, que ve unha "estafa" o modelo sinalado por Contas nun informe, foi apoiada por toda a oposición.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A maioría absoluta da que goza o PP no Parlamento de Galicia tombou a petición do BNG para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecese nun pleno extraordinario para explicar o sobrecusto de 470 millóns de euros apuntado nun informe do Consello de Contas na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A Deputación Permanente do Lexislativo autonómico, órgano entre período de sesións, reuniuse este mércores a proposta do Bloque para debater a posibilidade de convocatoria dun pleno centrado no modelo escollido polo Goberno galego para a construción do hospital vigués, obxecto dun informe de Contas no que cuestiona o sistema elixido, que vincula a un incremento dos custos de 470 millóns por optar por un contrato de concerto.

A proposta da formación frontista, defendida pola deputada Montse Prado e apoiada por todos os grupos da oposición (xunto ao BNG votou a favor o PSdeG e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea) foi finalmente rexeitada pola postura do PP, cuxo portavoz, Alberto Pazos Couñago, acusou a nacionalistas de empregar de forma “espuria” o regulamento da Cámara para usar a Deputación Permanente como un “altofalante” para “xerar alamar social”.

Tras incidir en que a convocatoria dun pleno non ten carácter do “responable dos populares galegos aseverou que o informe de Contas “non sinala nin unha soa irregularidade” máis aló de “analizar” os dous modelos de financiamento da obra polos que puido optar a Xunta nun contexto, como resaltou Pazos, de crise económica que “non impediu” que se levantase “en tempo marca” un “dos mellores hospitais de Europa”.

O documento publicado a comezos deste mes de agosto polo Consello de Contas sinala que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta nun contrato de concerto (realizouse durante o mandato de Alberto Núñez Feijóo), xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído).

Na liña do manifestado a pasada semana polo presidente autonómico, Pazos Couñago defendeu que o modelo de “colaboración público-privada” elixido permitiu levar a cabo o hospital vigués nun momento de “crise económica” e trazou un paralelismo coa hipoteca de “unha familia” para adquirir unha casa.

“Calquera galego sabe que é máis barato adquirir a súa vivenda con medios propios que recorrer a créditos bancarios”, sinalou o portavoz dos populares, que, a cotinuación, engadiu que os cidadáns recorren ás hipotecas porque “priorizan ter un teito para a súa familia” antes que “eternizar” o proceso de compra.

Para Pazos, esta foi a máxima que seguiu o Goberno galego entón presidido polo actual líder do PP nacional para a construción do Álvaro Cunqueiro, inaugurado no ano 2015, o que levou a acusar de “hipócritas” a BNG e PSdeG por contemplar este modelo de colaboración público-privada para a execución do mesmo hospital durante a súa etapa na Xunta nos anos do bipartito.

No peche da súa quenda de palabra, Pazos Couñago tachou de “esperpento” aos grupos da oposición. “A estas alturas temos claro que non podemos contar con vostedes, pero polo menos non estorben”, apostilou antes de dirixirse á deputada do BNG para espetarlle que, ao seu xuízo, ten “a mesma credibilidade” cando fala sobre asuntos sanitarios “que cando afirma que está orgullosa do sistema electoral do señor (Nicolás) Maduro”.

O BNG VE UNHA “ESTAFA”

Antes, Prado incidira na importancia de que Rueda acudise á Cámara para “dar a cara” sobre a situación revelada polo Consello de Contas, que xerou ” unha alarma” entre a sociedade “que se suma á alarma pola situación da sanidade pública” en Galicia. Para a portavoz do BNG en Sanidade, a construción do Cunqueiro foi “un ruinoso negocio para as arcas públicas e un magnífico negocio para as empresas” polo emprego dun “escandaloso” modelo de financiamento no que a Xunta deberá abonar un canon por un período de 20 anos que suporá “un beneficio do 76 %” para a concesionaria.

Prado preguntouse “que empresa obtén” unha marxe de beneficio desa magnitude por un negocio, o que a levou a sentenciar que o modelo foi escollido de forma “premetidada” por razóns “políticas e ideolóxicas” por parte do PP dentro da súa lóxica “neoliberal” para que a empresa “non asumise nin un só risco” económico e estes recaesen de forma exclusiva na administración galega.

“O modelo escollido nunca tivo como obxectivo converter o Cunqueiro nun hospital punteiro ou dar cobertura ás necesidades da área sanitaria de Vigo. Foi puro e duro neoliberalismo para dar negocio ao capital”, remarcou a deputada frontista, que puxo o acento en que a redución das dimensións do hospital ou o seu aparcadoiro non supuxo unha modificación do canon a pagar pola administración, á vez que aseverou que o sobrecusto apuntado por Contas de 470 millóns permitiría “a contratación de 250 médicos de familia durante 20 anos”.

BESTEIRO: “PRIORIZAR INTERESES PRIVADOS”

Pola súa banda, o portavoz socialista no Pazo do Hórreo, José Ramón Gómez Besteiro, incidiu na súa intervención ante a Deputación Permanente que o revelado por Contas “certifica” as denuncias feitas “durante anos” polo PSdeG “a pesar de ser repetidamente desacreditados e tachados de mentireiros polo PP”.

Para o máximo responsable dos socialistas galegos, Contas “dá a razón” ao seu partido ao “demostrar” que o contrato de concesión “non só foi máis caro, senón que tampouco ofreceu ningunha vantaxe en termos de eficiencia ou calidade para a cidadanía”, polo que, como fixera antes Montse Prado, reclamou que se proceda á reversión do contrato coa empresa adxudicataria, do que restan 10 anos para a súa finalización.

“Cando o PP fala de sanidade, os especuladores freganse as mans. Se por vostedes fose, serían capaces de privatizar as Cíes”, espetou Besteiro, que asegurou que co “diñeiro malgastado” pola Xunta na construción do Cunqueiro, o Sergas “podería ter máis de 20 novos centros de saúde ou contratar 600 enfermeiras ou 450 médicos”. Así as cousas, o socialista denunciou que a xestión do PP fixo que Vigo teña “un hospital máis caro e máis pequeno” do inicialmente previsto “porque se tivese as dimensións proxectadas non habería que desviar pacientes a Povisa”. 

Tamén interveu ante a Deputación Permanente o deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea, que manifestou o seu apoio á convocatoria do pleno extraordinario como mecanismo para que o máximo responsable do Goberno autonómico “teña a oportunidade de dar explicacións” sobre o sobrecusto apuntado por Contas.

ÚLTIMAS

FOANPAS volve denunciar o atraso nas bolsas municipais de comedor: “É insustentable, cada ano igual”

A Federación Olívica de Anpas, FOANPAS, denunciou este martes, de novo, os atrasos na tramitación...

Comezan as obras no Barrio do Cura en Vigo onde se construirán 264 vivendas, o 30% de protección oficial

As obras do Barrio do Cura de Vigo comezaron este martes, supondo así o...

Abel Caballero reclama á Deputación de Pontevedra asinar o convenio de colaboración anual de 5 millóns

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou á Deputación de Pontevedra a firma do...

Unha afeccionada do Real Madrid denuncia unha agresión nas inmediacións de Balaídos antes do partido contra o Celta

Unha afeccionada do Real Madrid denunciou sufrir unha agresión nas inmediacións do Estadio Municipal de...