InicioPolíticaO Concello aproba a programación de "o mellor Nadal do planeta" e...

O Concello aproba a programación de “o mellor Nadal do planeta” e anuncia un “control total” dos ruídos

"imos reducir de forma importante os efectos colaterais non desexados", sostivo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou a programación da tempada de Nadal 2024-25, “a mellor do planeta”, segundo volveu a proclamar o alcalde, Abel Caballero, que reiterou que haberá “un control total da contaminación acústica”.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico avanzou que haberá 420 rúas iluminadas, 1.259 arcos ornamentais, 2.674 motivos ornamentais e 2.518 árbores iluminadas. En total, subliñou, “11 millóns e medio de luces led”. A eles sumaranse elementos escultóricos e adornos de gran tamaño en mercados, prazas, rotondas, ou cruces, 15 elementos en 3D “de máis de tres metros de altura cada un” ou o gran abeto do Nadal, co seu xogo de luces e son, na Porta do Sol.

Por outra banda, eliminarase a pista de xeo de Praza de Portugal, pero haberá unha na praza de Vialia, ademais da pista de Samil; volverá o mercadillo do Nadal ao Calvario e á Praza de Compostela, e haberá outro máis en Bouzas, ao que se sumará a gran nora, as atraccións, o carrusel, a pista de kart, o Circo de Nadal, ou o tren turístico polo centro e polas Travesas.

Igualmente, o alcalde anunciou que se elaborará un estudo de tráfico para mellorar a mobilidade e fluidez da circulación nas zonas de maior aglomeración, aínda que afirmou que o tráfico “mellorou moitísimo” o pasado Nadal. Así mesmo, mellorarase a sinalización e reforzarase a presenza policial.

“CONTROL TOTAL DA CONTAMINACIÓN ACÚSTICA”

Nas declaracións remitidas aos medios, Abel Caballero subliñou de forma insistente que haberá un “control total da contaminación acústica” e, aínda que lembrou que xa se fixeron “axustes” o pasado Nadal, sinalou que este ano se pedirá ás empresas que monten as atraccións un estudo acústico previo á montaxe de equipos “para evitar ruídos molestos ou a superación dos límites” que establece a normativa.

“Non queremos maquinarias con ruídos fortes, coidamos de forma moi notable que toda a programación e espectáculos cumpran taxativamente as normas”, proclamou.

Respecto diso, sinalou que reducirá o horario das atraccións, que non estarán permitidas en Rosalía de Castro e tampouco se permitirán atraccións ruidosas en Areal, entre Colón e a rúa Pontevedra. Igualmente, reducirase o número de casetas no Cíes Market da Alameda, para mellorar a mobilidade das persoas.

Precisamente, explicou, na Alameda (Praza de Compostela) eliminarase o escenario de actuacións musicais, limitarase o volume do fío musical e, “como é natural”, non se iluminarán as árbores catalogadas.

Dáse a circunstancia de que hai escasas semanas fíxose pública unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenou ao Concello olívico por vulnerar os dereitos dunha veciña debido aos ruídos que tivo que soportar durante dous meses no seu domicilio da zona de Areal. Ademais, a asociación de veciños Zona Centro de Vigo advertiu de que podería haber máis condenas, xa que quedaban denuncias por resolver nos tribunais.

“O MELLOR NADAL DO PLANETA”

“Este Nadal vai ser aínda máis importante que o ano pasado e imos reducir de forma importante os efectos colaterais non desexados”, repetiu Caballero, que proclamou que “Vigo seguirá tendo o mellor Nadal deste planeta”. “A partir do momento de pulsar o botón vermello e acender as luces, o Nadal de Vigo volverá dar a volta ao mundo, a través dos medios e das persoas que nos visiten”, engadiu.

Finalmente, o alcalde de Vigo puxo en valor que o seu goberno foi capaz de “recuperar o Nadal en España” xa que anteriormente había “un número moi importante de concellos que non a celebraban” e “agora todos o celebran”. “Alégrome moito de que unha tradición e cultura tan importante Vigo trasladouna, e facer disto motivo de lecer, tradición e cultura en toda España e en toda Europa e o mundo”, subliñou.

ÚLTIMAS

Stellantis Vigo volverá parar un dos seus sistemas de produción o luns e o martes

As dificultades de aprovisionamento obrigarán, unha vez máis, a suspender unha das liñas de...

Caballero reorganiza o seu goberno para gañar “eficacia” e permitir a Espinosa compatibilizar o seu cargo co de deputada

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinou este venres o decreto que reaxusta o seu...

O Goberno destina 48,8 millóns á modernización da Liña do Miño

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable ten previsto destinar, a través de dous...

Stellantis volverá a deter a producción por falta de aprovisionamento

As dificultades de aprovisionamento obrigarán, unha vez máis, a suspender unha das liñas de...