O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este luns que o alcalde, Abel Caballero, ocultou “intencionadamente” a perda dunha subvención de 120.000 euros procedente de Fondos Next Generation da UE para a reforma do parque infantil de Camilo José Cela, e lembrou que hai meses alertaron desa situación, ao incumprirse os prazos de execución da obra por parte da administración local.
Segundo sinalou o portavoz do grupo ‘popular’, Miguel Martín, o alcalde anunciou hai uns días a adxudicación desta obra, e “presumiu” de que o Goberno de España, mediante fondos da UE, achegaría eses 120.000 euros, do total de 350.000 euros de custo previsto. E fíxoo, recalcou Miguel Martín, a pesar de que “sabía perfectamente” que a cidade “se quedou sen ese diñeiro por mor da súa incompetencia”.
O portavoz do PP lembrou que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) tramitou esa axuda dentro dun convenio co Ministerio de Sanidade, pero a data límite para executar a obra era o 31 de decembro do ano pasado. Por iso, a FEMP requiriu ao Concello que devolva eses 120.000 euros.
“De feito, no expediente administrativo do novo parque Camilo José Cela figura un informe do xefe de área de investimentos do Concello onde se recoñece a perda da subvención tras recibir un correo da FEMP, a entidade que tramitou a axuda, informando o incumprimento das bases e instando á súa devolución. Circunstancia da que se informou á Xunta de Goberno Local, que acordou asumir a totalidade do financiamento do proxecto con cargo aos orzamentos municipais”, incidiu o concelleiro do PP.
O portavoz ‘popular’ insistiu en que o alcalde “ocultou” esta información para non ter que dar a razón ao PP, que avisou fai cinco meses de que “isto ía pasar”. Por iso, esixiu a Caballero “unha rectificación” e que “diga a verdade aos vigueses”. Finalmente, Miguel Martín apuntou que a reforma do parque infantil do Berbés está “na mesma situación”, porque a axuda para esa obra, tamén de 120.000 euros, pediuse de forma paralela á de Camilo José Cela. “É exactamente o mesmo caso, e tamén haberá que devolver a subvención concedida”, apostilou.