InicioPolíticaO BNG denuncia as "mentiras" do Goberno vigués sobre o reequilibrio económico...

O BNG denuncia as “mentiras” do Goberno vigués sobre o reequilibrio económico de Vitrasa

O Concello de Vigo debe recalcular o reequilibrio de Vitrasa, estimado en 12 millóns, pola revisión de tarifas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo estimou que deberá pagar 12,1 millóns de euros a Vitrasa (concesionaria do servizo de bus urbano na cidade) en concepto de reequilibrio económico da concesión pero o expediente atópase en suspenso, porque dita cantidade pode variar debido á execución dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga á administración municipal a recalcular a revisión de tarifas de bus correspondentes a 2021.

Así se desprende do expediente administrativo ao que tivo acceso o grupo municipal do BNG, cuxo portavoz, Xabier Pérez Igrexas, compareceu este luns ante os medios para explicar que o servizo de Intervención paralizou, nun informe do pasado 5 de marzo, a tramitación deste expediente de reequilibrio, alertando de que a execución da sentenza do TSXG pode afectar os cálculos da compensación que se pague a Vitrasa.

Segundo explicou, a concesionaria do bus urbano de Vigo reclamaba o pago de 30,2 millóns de euros para levar a cabo ese reequilibrio, pero os servizos municipais estimaron que debería ser de 12,1 millóns de euros (un cálculo xa recollido nun informe de outubro pasado). Por outra banda, segundo desvelou Pérez Igrexas, do expediente despréndese que o Concello solicitou informe do reequilibrio á Oficina Nacional de Avaliación o pasado 15 de decembro, a pesar de que dúas semanas antes, o concelleiro de Servizos, Javier Pardo, asegurara en rolda de prensa que dito informe xa estaba solicitado e o goberno local estaba pendente do seu resultado.

Con todo, o 4 de xaneiro, a Oficina Nacional de Avaliación respondeu o Concello rexeitando a súa solicitude, xa que non é preceptivo que informe acerca dese trámite de reequibrio. O portavoz do BNG censurou a actitude “opaca” do goberno local e do alcalde, que xa en novembro do ano pasado anunciaba que o expediente de reequilibrio estaba “moi avanzado” e instaba o comité a desconvocar a folga que se iniciaría uns días máis tarde. “Pero ata o 11 de xaneiro de 2024 non se formula informe proposta”, criticou.

Pérez Igrexas sinalou que Caballero “mentiu cando dixo que o reequilibrio era inminente” porque, ademais, agora o expediente está “en punto morto” ata que se execute a sentenza do TSXG e se recalcule a indemnización. Ademais, trasladou a súa “preocupación” porque o goberno vigués non iniciase a tramitación da modificación orzamentaria para afrontar ese pago, e iso a pesar de que o ano pasado xa sabía que tería que indemnizar a Vitrasa e, aínda así, “non aprovisiou a partida correspondente nos orzamentos”. Por outra banda, o concelleiro nacionalista advertiu da necesidade de axilizar o proceso, dado que nuns meses levantarase a suspensión das regras fiscais e o Concello pode atoparse cun “serio problema” para mobilizar recursos de remantentes.

“PROCEDER AUTORITARIO”

O portavoz do BNG tamén denunciou que o goberno vigués tardou “105 días” en darlle acceso ao expediente de reequilibrio, e fíxoo agora, despois de tres solicitudes, un recurso de reposición, unha queixa ante a Valedora do Pobo e un ultimato, coa advertencia de que acudiría aos tribunais ante unha posible responsabilidade penal.

Respecto diso, censurou o “proceder autoritario” e “opaco” do alcalde, Abel Caballero, que “non quería que se coñecese a verdade detrás da propaganda”, e advertiu de que, en todo caso, o reequilibrio económico de Vitrasa “non pode ser un cheque en branco” e o Concello debe ser firme á hora de esixir á concesionaria que cumpra os seus deberes cos seus traballadores e as condicións do prego de concesión. Finalmente, insistiu en que o BNG cre que é “o momento”, a poucos meses de que finalice a prórroga da concesión de bus urbano, de “abrir o debate” sobre a municipalización deste servizo esencial.

MODO DE ACTUAR “BOCHORNOSO E CHAFALLEIRO”

Pola súa banda, o grupo municipal do PP, que tamén tivo acceso ao expediente nas últimas horas, cualificou o modo de actuar do alcalde de “bochornoso e chafalleiro”, acusándoo de non preocuparse nunca das molestias que o conflito de Vitrasa causaba aos usuarios, senón máis ben de “ocultar” un expediente que pon de manifesto os seus “moitos enganos”.

Así, o portavoz ‘popular’, Miguel Martín, sinalou que o interventor alerta de que haberá que “recalcular” a indemnización a Vitrasa, o que atrasará os prazos; que non hai partida orzamentaria para compensar á empresa; e que, xa desde o 4 de xaneiro, o goberno municipal sabía que o informe de Facenda, esgrimido como xustificación na tramitación, non era preceptivo.

Miguel Martín subliñou tamén que “é evidente que o expediente non estaba ultimado en novembro”, tal e como asegurou publicamente Abel Caballero. “Só o dixo para que non lle boicoteasen o acto de aceso do Nadal”, constatou o edil do PP, que asegurou que este conflito sacou “a peor cara” do alcalde.

CABALLERO ACUSA AO PP E AO BNG DE QUERER UN PARO “PERMANENTE”

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este luns a súa “satisfacción” polo anuncio do comité de Vitrasa de pór fin á folga indefinida que se alongaba desde facía case catro meses, unha protesta que volveu a cualificar de “política”, instigada por PP e BNG, que querían un paro “permanente”. Nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, o rexedor olívico subliñou que era “imprescindible” pór fin á folga, porque “non defendía os intereses dos traballadores e danaba seriamente aos cidadáns de Vigo”, aínda que matizou que PP e BNG “están desgustados” porque quererían unha folga “permanente”, pensando que “danando á cidade danan ao goberno municipal”.

Abel Caballero insistiu en que a mobilización dos traballadores “non tiña sentido sindical” e “non era o que necesitaban”, e instou a empresa e comité a “seguir negociando e alcanzar un acordo definitivo de longo prazo, que proporcione un bo servizo e salarios dignos”. Así mesmo, advertiu aos traballadores da concesionaria “que se afasten de decisións políticas promovidas por PP e BNG”, que causaron “un grave dano” aos usuarios, afectados por problemas no servizo, mentres os grupos da oposición estaban “encantados”. Con todo, o rexedor non se referiu nas súas declaracións a ningún destes detalles recolleitos no expediente municipal de reequilibrio e denunciados por PP e BNG.

ÚLTIMAS

Unhas 200 persoas reclaman en Vigo “igualdade real” tras o “intento de asasinato” dunha moza queimada polo ex mozo

Unhas 200 persoas concentráronse este martes en Vigo para reclamar "igualdade real" tras o "intento de...

Anpas de Vigo critican os “anuncios propagandísticos” da Xunta para ocultar os “recortes” en educación

A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo...

Nominado ao Grammy Latino o videoclip do centenario do Celta

O videoclip do himno do centenario do Real Club Celta de Vigo composto por...

Vigo devolve un millón de euros despois de non reformar o mercado de Teis nin activar o ‘Amazon vigués’

O goberno municipal de Vigo acordou devolver algo máis dun millón de euros de...