O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dirixiu unha carta ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, na que lle insta a seguir mantendo os investimentos na cidade, ao redor duns 5 millóns de euros anuais en convenios, e a manter o cofinanciamento da reforma do estadio de Balaídos, ademais de actuar nos viarios que son competencia provincial.
Así o trasladou o rexedor nunhas declaracións gravadas e remitidas aos medios, nas que expresou a “vontade do Concello de seguir mantendo unha relación fluída e en favor dos intereses de Vigo e do conxunto da provincia”. O alcalde expón na misiva a súa confianza en que se manteña “o sistema de apoio á cidade de Vigo” por parte da Deputación, tal e como rexeu “nos últimos 8 anos”, con Carmela Silva de presidenta da institución provincial.
Respecto diso, sinalou que o Concello tiña convenios asinados coa Deputación de maneira que esta transfería anualmente á administración local uns 5 millóns de euros, que logo o Concello investía. “Confiamos en que isto siga adiante, porque foi un cambio histórico na Deputación. Con Louzán de presidente non dedicaba nin un céntimo”, apostilou o alcalde.
“PRÉSA” PARA COMPLETAR A REFORMA DE BALAÍDOS
Por outra banda, tamén insta a Luís López a manter o sistema de cofinanciamento da reforma do estadio municipal Abanca Balaídos, “a icona deportiva máis importante de Galicia”. Segundo lembrou, resta a bancada de Gol para completar esa reforma e instou á Deputación a pagar a metade dos 10 ou 11 millóns que custará. “Eu teño moita présa en iniciar esa reforma (…) quero encargar o proxecto construtivo e ínstolle a que poña os recursos para cofinanciar a obra nos orzamentos do ano que vén”, incidiu. Finalmente, subliñou que, ata agora, a Deputación tamén asumía investimentos en viarios da súa titularidade, como a Estrada Porto Beade, e pediu manter eses investimentos.
IR “AO CHOQUE POLÍTICO”
Con todo, Abel Caballero sinalou que escoitou “algunhas cousas” que lle gustan “pouco”, e que son “contrarias á cidade”, de maneira que “empeza a volver a antiga época en que desde a Deputación marxinábase a Vigo”. Nese sentido, e tras constatar que “detrás do presidente da Deputación está Alfonso Rueda”, que lle ten “tirria” a Vigo, advertiu de que a súa man está tendida “pero se hai que ir ao choque político vaise”.