InicioPolíticaXabier P. Igrexas: “O BNG téndelle a man a todas as viguesas...

Xabier P. Igrexas: “O BNG téndelle a man a todas as viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis”

Xabier P. Igrexas (Vigo, 38 anos) é o candidato do BNG á Alcaldía, despois de catro anos como único concelleiro nacionalista após lograr recupera a representación no Concello e nos que desenvolveu máis de 850 iniciativas e propostas. Dende moi novo vinculado ao movemento veciñal, reivindícase como unha persoa comprometida ea piques de rematar a campaña electoral móstrase confiado en que o Bloque será a grande sorpresa nas eleccións municipais do 28 de maio na maior cidade galega.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Que sensacións lle está deixando esta campaña electoral?

Moi positivas. Estamos vendo, a pé de rúa, no contacto directo, o que sinalan todas as enquisas. Que a onda de simpatía cara ao BNG de Vigo non deixa de medrar e que somos á forza á alza na cidade. Estou moi agradecido do agarimo e da ilusión que percibo e me transmite a xente, e que onte se volveu manifestar nun mitin espectacular cun Auditorio Mar de Vigo ateigado. Hai moitas gañas de abrir un tempo novo en Vigo e son cada vez máis as persoas que ollan para o BNG como a alternativa que o pode facer posíbel.

Chaman a revolucionar a mobilidade en Vigo. En que consiste?

En devolverlle a cidade ás persoas por acima dos coches. En dar alternativas para que as viguesas e vigueses deixen de estar obrigadas a usar o seu coche particular, nunha cidade na que hai 1,5 vehículos por cada 2 habitantes e na que se producen cada día 300 mil desprazamentos en coche. E iso pasa por potenciar o transporte colectivo e a intermodalidade. Cun servizo de bus urbano que este á altura da maior cidade galega, cun novo mapa de liñas que conecte de verdade todo o territorio, con moitas máis frecuencias e mellores horarios, con servizo de luns a domingo, e non só en horario laboral, e tamén con máis buses nocturnos. E cremos que é estratéxico dotar Vigo dunha grande Liña Cero, que una Navia até Teis, vertebrando os tres centros da cidade (o PAU de Navia, Travesas e o centro), cun sistema de transporte articulado, que pode ser tranvía, trolebús ou metro lixeiro. Unha liña que se converta na verdadeira espiña dorsal da mobilidade, facendo deses 8 quilómetros un eixo intermodal, con frecuencias cada 7 minutos.

Temos que apostar tamén por reiniciar o proceso de democratización do espazo público, que impulsou o BNG coas peonalizacións do Calvario, do Casco Vello ou da praza de independencia, e promover a mobilidade en bicicleta e VMP. Para dar alternativas ao coche en lugar de multar con até 400 euros de sanción, como pretende o actual Goberno municipal, a quen non se poida permitir comprar un novo coche eléctrico ou híbrido, impoñendo un modelo de Zonas de Baixas Emisións que é unha moi mala copia de Madrid Central. O repto non é que haxa menos coches de combustión e máis eléctricos nunhas poucas zonas perimetradas. O que temos que lograr é reducir o uso do coche privado en toda a cidade cun novo modelo de mobilidade.

A que se refire cando falan de facer unha cidade máis habitábel?

A unha cidade que se conciba como moito máis que un espazo ou un territorio, que comprenda que somos sobre todo unha comunidade social. E iso ten que traducirse tamén no modelo urbano, poñendo as persoas no centro. Ese Vigo máis habitábel ten que principiar por garantir o primeiro dereito da cidadanía que é, precisamente, o de poder habitar a propia cidade, cunha enérxica política municipal que facilite o acceso social á vivenda. En Vigo temos 18.500 vivendas baleiras e, ao tempo, son cada vez máis as familias traballadoras e a mocidade que, literalmente, non se poden permitir o luxo de vivir na súa propia cidade. Nos últimos 5 anos os prezos alugueiros en Vigo aumentaron por volta dun 50%, e xa custan de media por acima dos 700 euros mensuais. Por iso o compromiso firme do BNG é o de dotar a cidade dun grande parque público de vivenda protexida e social, despregando no inmediato un plan de choque que permita dispoñibilizar en alugueiro a prezos asequíbeis como mínimo 300 vivendas antes de que finalice este ano 2023. E temos que frear, en seco, a ameaza ultraespeculativa dos pisos turísticos que xa duplican a oferta de alugueiro residencial.

Ese Vigo máis habitábel supón tamén poñer fin ao total abandono que padecen os nosos barrios e parroquias, entendendo que a cidade non acaba no centro, e que hai que atender as necesidades das viguesas e vigueses nos 110 quilómetros cadrados que ten Vigo. E desde logo sabendo que o futuro só pode ser verde, poñendo fin ao arboricidio permanente, reconciliando a cidade co seu litoral e os seus montes, facendo do Lagares o seu pulmón azul e sendo referentes na defensa do benestar animal.

No seu programa apostan porque a cidade volva ser vangarda cultural. En que propostas concretas se materializa esa idea?

Fronte as políticas dos últimos anos que desertizaron a cultura en Vigo, baleirando os museos e facendo desaparecer máis dunha vintena de programas culturais, a tarefa é que o Concello deixe de ser un obstáculo para se converter nun grande potenciador e dinamizador da cultura, apoiando e estimulando o enorme talento creativo que latexa na cidade. Para o BNG a cultura é unha necesidade social e un dereito. Un elemento estratéxico, porque non hai mellor maneira de humanizar a cidade que levando a cultura á xente, a todos os barrios e parroquias. Por iso queremos converter unha antiga e abandonada fábrica de pinturas, que é propiedade municipal desde hai 20 anos, na Fábrica Cultural de Teis, nun espazo público para a creación cultural. Queremos recuperar o emblemático Teatro-Cine Fraga para o converter no grande Teatro Municipal da cidade, desde o que alentar a enorme potencia que as artes escénicas teñen en Vigo. Imos poñer en marcha a rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias, que o BNG xa encetamos facendo realidade en 2011 a Neira Vilas no Calvario. E dotaremos a cidade dunha programación cultural estábel, variada, descentralizada e desde o orgullo da nosa tradición e que contribúa a normalizar e facer gañar espazo e uso social ao noso idioma.

É posible recuperar o peso industrial que perdeu a cidade nos últimos anos?

É absolutamente estratéxico facelo. O futuro de Vigo non pasa nin polo monocultivo de luces de nadal, nin polo Xacobeo. Temos que blindar o futuro industrial garantindo a continuidade de actividades chave como a automoción, o naval ou a pesca. Pero hai que aproveitar as potencialidades que temos como cidade universitaria para nos converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións. Na capital galega do futuro. Hai que crear oportunidades, sobre todo para que a mocidade deixe de ter que escoller entre paro, precariedade ou emigración. E por iso o BNG queremos multiplicar por catro as políticas municipais de emprego, destinando nos próximos catro anos 20 millóns de euros para reverter unha situación de emerxencia laboral, cando temos 4200 empregos menos dos que había antes da pandemia, pero, o que é máis preocupante, cando se teñen destruído preto de 7 mil postos de traballo na industria nos últimos 3 anos.

Que papel cre que debe xogar Vigo en Galicia? Cambiaría a relación coa Xunta?

Non queremos un Vigo empequenecido e amurallado, enfrontado con todos, por todo, todo o tempo. Reducido a unha especie de cidade-estado medieval para maior gloria dun ego imperial.Queremos e merecemos un Vigo que asuma o papel que lle corresponde como maior cidade de Galiza, liderando a súa realidade metropolitana, actuando como polo dinamizador da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Sendo o como motor de todo un País. Acabando co enfrontamento permanente e estéril que ten de refén a cidade, pero esixindo con firmeza a fin do abandono que padecemos da Xunta do Partido Popular e do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos. Porque nisto o seu comportamento é o mesmo: dicirlle non a Vigo. Como demostraron cada ano rexeitando as emendas do BNG aos orzamentos coas que demandabamos un maior investimento da Xunta e do Goberno español na maior cidade do noso País. O seu non supuxo negarlle a Vigo máis de 600 millóns de euros de investimentos nos últimos 4 anos. Por iso é fundamental que Vigo sexa o motor robusto e potente do cambio galego que leve a Ana Pontón á presidencia da Xunta e tamén para aumentar o peso de Galiza no Congreso, cun grupo parlamentar do BNG a partir das vindeiras eleccións xerais.

En caso de ser alcalde, cal sería a súa primeira medida?

Impulsar un novo Regulamento de Participación Cidadá. Pode parecer unha decisión sorprendente pero responde a unha reflexión moi profunda. Teño a certeza, o absoluto convencemento, de que as transformacións que precisa Vigo teñen que empurrarse desde abaixo, coa forza da xente. Porque as mudanzas que fixeron avanzar a cidade sempre tiveron como denominador común a suma de vontades compartida. E porque facer cidade debe ser unha tarefa de todas e de todos. Por iso temos que poñer fin a este autoritarismo asfixiante, de quen non entende que democracia é moito máis que votar cada catro anos, de quen teimou en impoñer o “aquí mando yo y solo yo”. Un novo Regulamento de Participación Cidadá que permita despregar instrumentos tan importantes como uns orzamentos participativos. Para que a decisión sobre que facemos co diñeiro de todas e de todos non as tomen uns poucos para logo deixar sen gastar, como sucedeu nos últimos 4 anos, 436 millóns de euros do orzamento municipal, ao tempo que se desatendían as necesidades reais das viguesas e dos vigueses e se insistía no abandono dos barrios e das parroquias. Un novo regulamento que permita avanzar cara a unha mellor democracia a nivel local, facendo que os consellos sectoriais deixen de ser organismos ornamentais, para se configurar como espazos de participación efectivo e o que é máis importante: espazos de codecisión, de poder popular. E para descentralizar a administración municipal a través do Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia, para impedir que nunca máis, ningún goberno, por ampla que sexa a súa maioría, poida gobernar só para o distrito electoral 1, a zona centro, virándolle as costas ao resto da cidade.

Con que expectativas encara o BNG as eleccións deste domingo?

O BNG imos a por todas, con toda a ambición e sen límites. Estou seguro de que o BNG imos ser a grande sorpresa este domingo en Vigo. Na confianza de que temos un proxecto sólido, aberto e en positivo. De que temos a capacidade, a solvencia, a experiencia e as persoas para volver poñer en marcha a cidade e acabar con esta inercia paralizante que nos está deixando atrás.

Hai quenestes días pretende desmobilizar dicindo que nada se pode facer, que o resultado está escrito, pero o BNG dicimos que o voto das viguesas si que vale, que non poden permitir que decidan por elas. E dicimos algo moi importante: que si hai alternativa. Que merecemos avanzar cara a un Vigo máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda cultural e que exerza o papel que nos corresponde como maior cidade galega: o de sermos motor de todo un País. E iso está na man das viguesas e dos vigueses este domingo, porque co seu voto van trazar o rumbo da cidade nos vindeiros anos, escollendo entre quen só pode ofrecer máis do mesmo ou levarmos, xuntas e xuntos, Vigo máis alá.

Por iso tendémoslle a man a todas as viguesas e vigueses que non se conforman, as que saben que Vigo merece máis, moito máis. As que soñan cun Vigo diferente nunha nova Galiza. Ás 32 mil viguesas e vigueses que nas eleccións galegas de 2020 colleron a papeleta do BNG, á mocidade que non renuncia a ter futuro e a quen antes apoiou a outras opcións que lles defraudaron, para se sumar á alternativa aberta e en positivo coa que o BNG queremos abrir un tempo novo na cidade.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...