Home Política Caballero volvería arrasar en Vigo e é o alcalde máis valorado, segundo o CIS

Caballero volvería arrasar en Vigo e é o alcalde máis valorado, segundo o CIS

0
Caballero volvería arrasar en Vigo e é o alcalde máis valorado, segundo o CIS
Caballero presenta "a mellor lista" en Vigo con intención de manter "a unidade" e seguir sendo "referente" / EP

O alcalde socialista e candidato á reelección en Vigo, Abel Caballero, consolidaría a súa maioría absoluta e volvería arrasar nas eleccións do 28 de maio, conseguindo para a súa lista entre 18 e 21 concelleiros (agora ten 20 edís) dun total de 27, segundo o avance de resultados da enquisa preelectoral do CIS, feito público este xoves, que tamén lle outorga unha valoración de 7,11 por parte dos enquisados.

Na cidade olívica, o Centro de Investigacións Sociolóxicas realizou 815 entrevistas entre o 10 de abril e o 26 de abril, e o 51,5 % das persoas trasladou a súa intención de votar ao PSOE nas próximas eleccións municipais. O seguinte partido nese ranking é o PP, a quen prevé votar un 9,9 % dos enquisados, seguido moi de preto polo BNG, a quen votarán un 9,6 % dos preguntados; mentres que o voto a Marea queda no 6 %.

Segundo o CIS, o PSOE de Caballero obtería entre 18 e 21 edís, e unha estimación do 65,6 % do voto válido emitido; o PP tería entre 3 e 5 representantes (agora ten 4) e un 14,8 % do voto; o BNG estaría entre un e 3 concelleiros (agora hai un) e un 9 % do voto; e Marea de Vigo, que ten agora 2 edís, estaría entre mantelos e non obter ningunha representación, cun 6,3 % do voto estimado.

Entre as cuestións expostas ás persoas entrevistadas hai varias relacionadas coa situación xeral de Vigo e co nivel de satisfacción cos servizos municipais. Nese aspecto, máis do 60 % dos preguntados consideran que a situación xeral da cidade é agora mellor ou moito mellor que fai catro anos e a inmensa maioría declárase entre satisfeito e moi satisfeito cos servizos municipais que presta o Concello.

VALORACIÓN DE CANDIDATOS E OUTROS ASPECTOS

Con respecto á valoración dos líderes políticos, Abel Caballero obtén para os enquisados unha nota media de 7,11; ademais, un 78,5 % cualifica a súa xestión como alcalde no último ano entre boa e moi boa, mentres que algo máis do 16 % cualifícaa como mala ou moi mala.

Do resto de líderes políticos, o único que consegue o aprobado, á marxe do rexedor, é o concelleiro e candidato do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cunha nota de 5,03. A candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, obtén unha nota media de 4,37; mentres que a nota media de Rubén Pérez, de Podemos-Marea de Vigo, é de 4,73.