InicioSucesosProcesado o alcalde de Baiona por retirarse cinco multas de aparcadoiro

Procesado o alcalde de Baiona por retirarse cinco multas de aparcadoiro

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén ordenou que se siga a causa respecto ao axente da Policía Local investigado por un delito de falsidade documental.

PUBLICADO O

O Xulgado de Instrución número 2 de Vigo, tras concluír a investigación, decretou que se continúe a tramitación do procedemento contra o alcalde de Baiona, Carlos Gómez (PSOE), por un delito continuado de prevaricación administrativa e de falsidade documental por simular supostamente ter unha licenza de estacionamento e sacarse cinco multas por aparcar nunha zona de carga e descarga.

Ademais, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén ordenou que se siga a causa respecto ao axente da Policía Local investigado por un delito de falsidade documental.

Desta forma, instou a que se lle dea traslado ao Ministerio Fiscal e, no seu caso, ás acusacións personadas, para que formulen escrito de acusación solicitando a apertura do xuízo oral ou ben o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan, excepcionalmente, solicitar a práctica de dilixencias complementarias que consideren imprescindibles para formular a acusación.

O xuíz explica que, tras as actuacións practicadas, despréndese indiciariamente que o alcalde de Baiona foi denunciado en cinco ocasións, entre o 30 de abril e o 9 de xuño de 2021, por axentes da Policía Local da localidade por estacionar un vehículo da súa titularidade “de forma indebida en zona de carga e descarga”.

Con motivo das anteriores denuncias, segundo o auto, tramitáronse os correspondentes expedientes sancionadores. O investigado, no trámite de alegacións, segundo explica o instrutor, recoñeceu ser o condutor do turismo e alegou que posuía unha licenza de aparcadoiro que o autorizaba para estacionar nesa zona, pero eses días, segundo a súa versión, deixouna colocada noutro vehículo da súa propiedade.

“A licenza de aparcadoiro achegada para xustificar o estacionamento podería carecer dos elementos esenciais de validez (número de expediente administrativo, data e prazo de expedición, etc.) e podería simular a unha real, podendo ser creada para ese trámite de alegacións, de maneira que inducise a erro sobre a súa autenticidade, e recibindo informe da Secretaría do Concello de Baiona, esta sostén que non consta ningún procedemento administrativo nin ningún tipo de expediente relativo á expedición da licenza”, subliña o xuíz no auto.

Tamén esgrime que esa licenza, “aparentemente simulada e carente de elementos necesarios para a súa validez”, sería asinada tanto polo alcalde como polo axente investigado, que naqueles momentos era o Oficial Xefe de Servizo da Policía Local, “podendo cooperar, por tanto, ambos na elaboración de dita suposta licenza”.

“TOTAL DESPREZO AO DEBER DE ABSTENCIÓN”

O xuíz afirma na resolución que todo parece indicar que, a pesar de que con carácter xeral se adoita requirir aos axentes policiais un informe de ratificación de todas as denuncias interpostas, neste caso “en ningunha das cinco denuncias se fixo, substituíndose o trámite por un informe do axente investigado”.

A Unidade de Sancións de Tráfico da Deputación de Pontevedra, tras as alegacións presentadas polo alcalde, emitiu propostas de resolución no sentido de estimar as alegacións e o arquivo do procedemento.

O instrutor conclúe que o investigado, “con total desprezo ao deber de abstención que existía, ao concorrer nel a condición de denunciado e alcalde da localidade de Baiona”, asinaría o 23 de agosto de 2021 cinco resolucións distintas “acordando estimar as súas propias alegacións e arquivar todos os procedementos sancionadores por estacionamento indebido sen imporse a el mesmo ningún tipo de sanción, séndolles tales resolucións notificadas ao seu propio domicilio en persoa, o 2 de setembro de 2021, e provocando, así, a finalización do procedemento”. O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...