A historia de Vigo forxouse sobre o esforzo dunha clase traballadora diversa, onde as mulleres non só foron acompañantes, senón un sector obreiro determinante e sumamente activo. Durante os últimos dous séculos, a identidade da cidade estivo indisolublemente ligada ao mar e á industria, coas mulleres ocupando espazos clave como as redeiras, que con precisión sostiñan a infraestrutura pesqueira, ou as pescantinas nos mercados. Porén, foi nas fábricas de conserva onde se concentrou a maior forza laboral feminina, converténdose no corazón da produción local. Xa no século pasado, esta presenza obreira estendeuse con forza á industria da loza, coa fábrica Álvarez como o gran emblema onde miles de traballadoras demostraron a súa capacidade de organización e resistencia.
Coa chegada da Segunda República, a participación da muller deu un salto cualitativo, pasando da fábrica á acción política directa. Integráronse masivamente nos sindicatos, especialmente na UGT, onde o sindicato da conserva se erixiu como un dos núcleos máis dinámicos e combativos da época. Aquelas mulleres practicaron un feminismo de clase; non entendían a súa emancipación de forma illada, senón como unha loita compartida cos seus compañeiros para transformar de raíz unha sociedade desigual. Crían na forza da unión obreira para conquistar dereitos que hoxe consideramos básicos, pero que entón custaban persecución e sacrificio.
Ese avance foi truncado polo inicio do xenocidio e a represión en Galicia, que en Vigo golpeou con especial dureza a quen se atreveu a organizar a clase traballadora. Moitas obreiras foron represaliadas, encarceradas ou despedidas dos seus postos polo simple feito de seren “roxas” e defender a xustiza social. Foi o comezo do que Celso Emilio Ferreiro chamou a “longa noite de pedra”, un período de silencio forzado onde a memoria destas heroínas intentou ser borrada. Este 8 de marzo é un acto de xustiza para recordar nomes que o tempo non debe ocultar, como o de Urania Mella e, de forma moi especial, o de Flora de Dios Rodríguez. Como dirixente do sindicato da conserva, Flora foi unha daquelas mulleres consideradas “perigosas” pola súa capacidade de liderado, o que a levou a sufrir anos de cativerio en Saturrarán, o cárcere onde se recluía ás presas políticas máis comprometidas.
Hoxe reivindicamos a Flora e a tantas outras traballadoras anónimas que, a pesar do cárcere e o esquecemento, mantiveron intacta a súa dignidade. Elas demostraron que o sector obreiro feminino foi unha peza indispensable na conquista das liberdades que hoxe gozamos. Nombralas é recoñecer que a historia de Vigo tamén se escribiu nos obradoiros de loza, nas mesas de empaque da conserva e nas celas de Saturrarán, onde mulleres como a miña avoa mantiveron viva a esperanza dunha sociedade máis xusta para todos, o socialismo.
