InicioOpiniónAlonso Montero: O intelectual que uniu beiras e memoria

Alonso Montero: O intelectual que uniu beiras e memoria

Lois Pérez Leira. Activista

PUBLICADO O

- Advertisement -

O falecemento de Xesús Alonso Montero deixa un baleiro incalculable na cultura galega, pero para os que compartimos con el décadas de faladoiros, a súa partida é, sobre todo, a perda dunha voz lúcida que sabía conectar a historia co afecto. ​O primeiro encontro: Un Vigo que espertaba.

​Coñecín a Alonso Montero meses despois da morte de Franco, no meu primeiro retorno a Vigo. O escenario foi o auditorio de Caixa Vigo, nunha conferencia sobre a situación da lingua galega. Eu chegaba co carné do histórico xornal arxentino de esquerda Propósitos e a experiencia fresca de haber entrevistado en Carabanchel a un Marcelino Camacho recén saído de prisión.

​Grazas á xestión de Carlos Núñez, do Partido Comunista de Vigo, logrei sentarme co que xa era o máximo referente intelectual dos comunistas locais. Reunímonos nun piso discreto da rúa Urzaiz. Alí, entre a clandestinidade que aínda se respiraba, descubrín a un home que gardaba un cariño inmenso pola Arxentina. Non era para menos: a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires editáralle a súa obra fundamental, “O porvir da lingua galega” (1968). Ese libro foi o que cimentou a súa autoridade moral para falar da nosa lingua como unha ferramenta viva de liberación social.

​Bos Aires: Machado e unha anécdota profética

​A nosa relación sempre tivo un pé no Río da Prata. Alonso era un viaxeiro incansable que acudía á Federación a iluminarnos coa súa palabra. Recordo especialmente a súa conferencia sobre Antonio Machado no Teatro San Martín, onde demostrou por que era un dos maiores expertos na relación entre os poetas e o compromiso político.

​Ao día seguinte, trasladámonos aos xardíns de Palermo xunto a figuras inesquecibles como Francisco Lores e Arturo Cuadrado para inaugurar un busto de bronce do poeta sevillano. Foi un acto solemne, rodeado de autoridades, pero o humor galego sempre atopaba o seu resquicio. Murmureille a Lores ao oído: “Espero que non rouben o busto para vender o bronce”. O meu pesimismo resultou ser profecía: a peza durou apenas unha semana antes de desaparecer.

​O refuxio de Teis: A historia nun bar

​Co meu retorno definitivo a Galicia, o vínculo fíxose regular. Uníanos o mapa sentimental da Arxentina e unha longa lista de amigos comúns.
​As nosas citas trasladáronse a un bar de Teis. Alí, lonxe dos focos e a solemnidade das cátedras, pasabamos horas debullando a historia. Alonso era un comunista consecuente e un intelectual brillante que posuía o don da palabra, capaz de cautivar tanto na Real Academia Galega como na mesa dun café de barrio.

​A súa perda é inmensa. Quédanos a súa obra titánica —eses centos de prólogos e ensaios que son o andamiaxe da nosa cultura—, pero a algúns quédanos tamén o eco daquelas tardes en Teis, onde a historia de Galicia e a Arxentina se fundían na súa voz inconfundible.

ÚLTIMAS

A hostalería carga contra a taxa turística de Vigo: “Non hai masificación e pode prexudicar a economía local”

A Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra (Feprotur) lamentou que a taxa...

A Audiencia condena a case 17 anos de prisión o home que prendeu lume á súa exparella en Vigo

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 16 anos, 11 meses...

Caballero garantiza a auga a Baiona un día despois de dicir que podía cortarlla: “É porque a Xunta non fai nada”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que garante a subministración de...

Un coche sae da vía na VG-20 de Vigo e provoca retencións ao quedar no medio da calzada

A autovía VG-20 de Vigo volveu rexistrar un novo accidente na tarde deste martes,...