InicioOpiniónRetroceder as praias ou recuar a Administración

Retroceder as praias ou recuar a Administración

Oscar Pazos, Xeólogo. Membro dos grupos do litoral e medio mariño de EGAV e ADEGA.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O que está a acontecer este inverno na costa da ría de Vigo non é ninguna sorpresa, e tampouco ten causas extraordinarias, se cadra este ano nótase un pouquiño máis, mais esa precisamente é a tendencia, que o retroceso da costa e a erosión do litoral aumenten ano a ano. Os padróns son ben coñecidos e están estudados a partir dos rexistros de décadas. Non hai misterio, o nivel do mar está a aumentar e o litoral móvese costa arriba. A partires dos rexistros medios mensuais dos mareógrafos do Porto de Vigo entre 1943 e 2018, a NOAA estima a subida en 2,05 mm por ano (+/-0.38, 95%), por riba da media mundial de 1,8 mm por ano. Cálculos máis afinados realizados por investigadoras do IEO para o período de 1943 a 2010 resultaban nunha subida media anual de 2,43 mm en Vigo, que considerando os axustes isostáticos (PGR-Post Glacial Rebound) serían 2,68 mm por ano. En se ben o ascenso do nivel do mar se modula en períodos de aproximadamente unha década e, portanto, se precisa tempo para fixar a taxa a longo prazo, disque o aumento do nivel do mar estaría a acelerarse, puidéndose superar en Vigo os 3 mm cada ano.

Porén, tan importante como a taxa media é a variabilidade do proceso. A miúdo son os extremos os que chaman a nosa atención, no entanto ignoramos as mudanzas de fondo. E resulta que no estudo comparativo do EIO para os portos de Santander, A Coruña e Vigo, Vigo non só aparece coa maior taxa media de subida, tamém ten a máxima variabilidade, é dicir, os eventos máis extremos. Un exemplo: se ben as mareas vivas equinocciais acadan en Vigo un rango por volta dos catro metros, o rango mareal máximo da serie foi de 653 mm, é dicir, que nese período de 1943 a 2010 a diferencia de altura entre as mareas extremas máis alta e mais baixa foi de 6,53 metros. Esta variabilidade é un contributo da atmósfera, das baixas e altas presións, dos temporais e das cheas dos ríos que reforzan ou amortecen os efectos das mareas empurrando a auga contra a costa. Así pois, a ría de Vigo non apenas rexistra unha das maiores taxas de aumento do nivel do mar na península, este aumento ten lugar nun ambiente con eventos máis extremos.

As consecuencias da subida do nivel do mar e o retroceso da costa non collen por sorpresa a ninguén, e as solucións son ben evidentes para calquera. En 2024 a Dirección General de Carreteras incluira xa a PO-11 entre Pontevedra e Marín para avaliar o risco de anegamento no marco do Plan Nacional de Adaptación al Cambio Climático. Esta estrada foi construída como dique de contención apara o recheo de ENCE, e dende a sua construción, en pleno franquismo, ven sendo periódicamente inundada, cada vez con maior frecuencia. Este febreiro a última e máis grave inudación rexistrada tivo a estrada cortada cinco dias nada menos, e a solución dada polo ministerio é subila de cota para mantela operativa. Non hai outra. E do mesmo modo, se queremos conservar as praias debemos permitir que retrocedan sobre a costa elevándose conforme o nivel do mar ascende. Mais para isto non parece haber plan do ministerio nin doutras administracións públicas; e tamén non hai outra.

A diferencia das estradas, que podemos elevar e reconstruir en vertical, mesmo sobre pilotes, as praias deben manter un equilibrio dinámico coas ondas, coas correntes litorais, cos ventos e coa topografía do fondo mariño. Por iso as praias non suben chanzos, e se tras delas construimos muros, ficarán simplemente inundadas pola suba do mar e convertidas en fondos mariños, que é o que está a ocurrir baixo o paseo de Panxón, no entando a praia retorcede sobre o río Muiños, onde aínda ten sitio pàra facelo. Non é apenas un problema de ‘erosión’, senón de espazo. O mesmo está a suceder baixo o paseo de Samil, e vai ocurrir en toda a beiramar se non deixamos espazo ás praias retorceder. Por tanto, hai que elexir: ou temos praias na beiramar ou temos muros, paseos, estradas e urbanizacións en primeira liña. Se queremos praias eses obstáculos deben ser expopiados e derrubados. Non é un problema económico. Non houvo nen hai problema para expropiar a propiedade privada -ou enaxenar a pública-, para facer esas autoestradas, rúas, portos, hoteis ou centros comerciais que rechean e limitan a beiramar. Por que non se pode facer o mesmo para conservar as nosas praias? Ou é que non se quere? Ou será que uns poucos non queren? Que estamos a protexer, as piscinas privadas? No 2008, o ministerio presentou un proxecto para derrubar e retranquear o paseo de Samil un cento de metros na totalidade do areal. Xusto fixérase cargo do ministerio Elena Espinosa, que hoxe é concelleira de Medio Ambiente no Concello de Vigo. En 2025, a obra finalmente executada polo ministerio xunto ao concello botou para atrás uns míseros 25 metros o treito de 285 metros de paseo, incumplindo mesmo os obxectivos do proxecto de retranquear 400 metros. Que mudou de 2008 para 2025? Non retrocede a praia, recuan as administracións, e perdemos a beiramar.  

García, M. J., Tel, E., and Molinero, J. 2012. Sea-level variations on the north and northwest coasts of Spain.  Journal of Marine Science, 69: 720–727.

https://doi.org/10.1093/icesjms/fss058

Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible. 2024. Plan de prevención y respuesta ante el cambio climático. Transportes adjudica por 4 millones de euros la evaluación de la resiliencia de las carreteras ante el riesgo de inundaciones. 29/11/2024.

https://www.transportes.gob.es/ministerio/comunicacion/sala-prensa/vie-29112024-1250

NOAA. 2025. Relative Sea Level Trend. 200-041 Vigo, Spain.

https://tidesandcurrents.noaa.gov/sltrends/sltrends_station.shtml?id=200-041

Ocampo. E. 2008. El Gobierno apuesta por ampliar el arenal de Samil a 100 metros y abrir Toralla a peatones. Faro de Vigo. 25/05/2008

https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2008/05/25/gobierno-apuesta-ampliar-arenal-samil-18033211.html

ÚLTIMAS

GKN Driveline Vigo rebaixa a 50 os afectados polo ERE, pero a CIG convoca unha folga de sete días

A auxiliar de automoción GKN Driveline Vigo reduciu de 75 a 50 o número...

Sanidade inspecciona o servizo de Dermatoloxía de Povisa tras as denuncias por falta de especialistas

A Consellería de Sanidade realizou unha visita de inspección ao servizo de Dermatoloxía do...

O PP de Vigo esixe a dimisión de Patricia Rodríguez polo “caos” na Policía Local e a frota coa ITV caducada

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, denunciou o "desgoberno" e o "caos...

Detido un home por tentar cravarlle un coitelo ao seu compañeiro de piso

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 51 anos de...