A antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, en Vigo, hoxe en abandono formal, porén habitada por decenas de persoas sen fogar, converteuse nun espello da desigualdade urbana. O predio, pensado para o tránsito e a espera de viaxeiros, acolle agora unha existencia detida que revela a faciana máis crúa da crise habitacional en Vigo.
A antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, en Vigo, convertida hoxe nun espazo oficialmente abandonado porén habitado de feito, exemplifica con crueza o fenómeno da infravivenda urbana, a ocupación de lugares degradados e sen condicións mínimas de habitabilidade por parte de persoas que carecen doutra alternativa. O que para a cidade é un edificio en desuso convértese para outros no único teito posíbel, fráxil e insuficiente, mais imprescindíbel para sobrevivir.
No amplo interior da vella terminal, deseñado noutro tempo para o tránsito de viaxeiros e autobuses, ergueuse unha nova xeografía da exclusión. Entre columnas e estruturas metálicas aparecen recantos delimitados con caixas, lonas e mobles improvisados que substitúen o concepto de fogar. O teitume industrial ofrece unha protección mínima fronte á choiva e o vento. Onde antes había movemento e destino, agora hai inmobilidade e resistencia.
Nos exteriores a escena repítese. Colchóns apoiados contra valados, cadeiras, mantas e pequenos obxectos compoñen unha paisaxe que fala da precariedade máis extrema. Unhas dúascentas persoas viven na rúa en Vigo mentres o albergue municipal apenas dispón de trinta e oito prazas cun sistema rotatorio que obriga a abandonar o centro tras poucos días. Para quen se atopa nesa situación a elección é cruel, permanecer nun espazo degradado pero estábel ou recorrer a un refuxio institucional efémero que obriga a comezar de novo cada dúas semanas.
A vella estación converteuse nun espello incómodo para a cidade, porque revela a faciana agochada dunha urbe próspera, aquela que se ergue sobre baleiros físicos e sociais. Mentres a Xunta de Galicia, propietaria do inmoble, aposta por valar o recinto en nome da seguridade, o Concello de Vigo reclama a reversión dos terreos para destinalos a novos usos, entre eles unha zona verde, unha escola infantil ou unha residencia de maiores. Ningún destes proxectos contempla a presenza das persoas que xa habitan alí, como se o seu uso actual non formase parte da realidade urbana.
Ese silencio institucional non é casual. Responde á vontade de expulsar aos pobres e borrar o problema da exclusión mediante a planificación urbanística, como se chegase con demoler valados para eliminar a pobreza. Mais cada derrubo sen alternativa habitacional real perpetúa o ciclo da vulnerabilidade e fai máis profunda a ferida social.
O contexto económico agrava o fenómeno. Vigo é unha das cidades galegas con prezos de alugueiro máis elevados e a falta de vivenda social, combinada con traballos precarios e prestacións insuficientes, deixan fóra do mercado a centos de persoas e familias. A infravivenda é a consecuencia directa dun sistema residencial desequilibrado e non é unha anécdota marxinal. As políticas de vivenda deben ir máis aló da resposta asistencial e garantir un parque público de alugueiro estábel, con mecanismos de acompañamento e modelos de acollida máis flexíbeis que non expulsen periodicamente a quen precisa tempo e apoio para reconstruír a súa vida. O modelo de rotación é funcional para as estatísticas porén destrutivo para as persoas.
A infravivenda na estación de autobuses e noutros lugares de Vigo, non son un problema arquitectónico, senón un síntoma urbano e moral. Representan a incapacidade das cidades contemporáneas para integrar a quen queda fóra do sistema produtivo e residencial. Nesas fendas urbanas e nos espazos intersticiais reaparece o humano na súa forma máis desprotexida e obriga a reconsiderar o sentido do dereito á cidade.
A futura transformación deste lugar, sexa en parque, equipamento social ou nova infraestrutura, non pode limitarse a unha intervención física. A verdadeira rexeneración pasa por recoñecer e incluír ás persoas que agora o habitan, garantindo que o proceso de recuperación non implique o seu borrado social. A antiga estación é máis que un edificio en ruínas, é un símbolo da fractura habitacional contemporánea, unha lembranza de que a desatención pública, o mercado inmobiliario desbocado e a precariedade estrutural conflúen no mesmo espazo.
Cada caixa e cada manta que ocupan aquel recinto son unha denuncia silenciosa dun dereito incumprido, o acceso a unha vivenda digna. Cando a cidade decida finalmente o destino dese lugar debería lembrar que non existe urbanismo xusto sen xustiza social. Os espazos baleiros non están verdadeiramente baleiros porque conteñen as historias invisíbeis de quen, sen outro lugar onde ir, fixeron da vella estación o seu fogar provisional e o seu acto último de resistencia.
