Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo (1) vimos denunciando as obras de ‘recuperación dunar’ en Samil que, baixo este título burlón, de feito está a alongar o paseo extendéndoo até a praia da Fonte, urbanizando a zona protexida de Protección de Ordenación Litoral (POL), destruíndo os restos das grandes dunas litoral que alí había, ocupando espazos e poñendo novas barreiras a unha verdadera recuperación dese espazo público de alto valor ambiental e paisaxístico, dun tipo dos que apenas restan e que tanto precisamos. De feito, moito temo que, alén os suculentos 4M€ gastados (e xa toda xente sabemos como funciona este sistema que hai medio século ‘nos demos entre todos’), o obxectivo final é separar definitivamente a praia do resto do campo dunar que mal que ven, aínda se conserva, para dispor das 5 Ha de terrenos públicos POL para novas concesións, apropiacións e privatizacións.
A burla da ‘recuperació dunar’ de Samil rolda lo criminal -xa veremos-, mais de seguro entra no esperpéntico. Como dicía o vello chiste austriaco que resumía as calamidades sufridas polo seu exército na PGM, a situación é grave mais non seria. Toda a obra é un sinsentido ambiental. Empezando por un proxecto de ‘recuperación dunar’ que ocupa centos de páxinas e especifica prezos e detalles mínimos das obras, mais non inclue un triste parágrafo sobre os ventos locais, nin unha medición das granulometrías das areas ou dos perfis de praia. Logo se explica que as ‘dunas recuperadas’ teñan por baixo acometidas para rego artificial, ou que este mesmo inverno esas ‘dunas recuperadas’ foran erosionadas polas enxurradas que as propias obras causaron (con verquidos de lamas que finalmente acabaron sobre a praia e a ría), e que requeriron actuacións de urxencia non previstas no proxecto (e seus debidos incrementos orzamentais?) para ocultar a desfeita. Ríndose-nos na cara.
Mais, de certo, toda a obra é un engano, falisificando o obxectivo e xustificación principal do proxecto, que era a destrución de 450 metros lineais de paseo, o retranqueo vintacinco metros de 250, e a non reconstrución dos 200 metros restantes, gañando deste xeito uns 5.000 m2 para a praia de Samil. O feito está a vista: o paseo foi retranqueado, mais tamén reconstruído na súa totalidade e aínda estendido sobre as dunas da zona POL, remexendo os sedimentos eólicos que alí se conservaban, alterando xeomorfoloxías e escorrentías, e criando novas barreiras para impedir que as dunas recuperen seu sítio de modo natural. E a explicación oficial? Puro delirio: que os 200 de paseo non reconstruídos estaban ‘enterrados polas areas’, e por iso non os viamos. Por tanto, o que din é que desenterraron e destruíron uns 200 metros de paseo baixo as areas e que eses son os que non volveron reconstruír. É literal. Están a dicir que gastaron 4 M€ para recuperar unhas dunas que, sen que ninguén as axudara, de seu enterraron case que 200 metros de paseo en Samil, e que o proxecto retirou esas dunas que ocultaban os supostos 200 metros de ‘paseo enterrado’ para o eles voltar a reconstruír o paseo máis arriba e así ‘recuperar as dunas’ de Samil no espazo liberado. É ridículo, mais non é un chiste e non nos fai ningunha gracia. É un absoluto fraude ambiental, e tal vez criminal -xa veremos-. Arestora o que queremos e pedimos é a eliminación dos paseos pola zona POL para permitir una verdadeira e natural recuperación dunar; e un novo plan para Samil; e un tratamento ambiental de verdade para o litoral da ría. E xa veremos.
O de Samil non é un ‘caso illado’. É un paso máis na crecente conxestión urbanística da cidade e do litoral, e o masivo fraude ambiental liderado por unhas adminsitracións coa colaboración activa ou pasiva doutras, con graves repercusións para a saúde da ría e para nós mesmos, persoas e sociedade.
Hai apenas un mes presentouse públicamente o proxecto de ‘Recuperación ambiental de la playa de O Vao y su entorno’. Asinan ese proxecto un enxeñeiro de camiños e unha arquitecta, de feito os mesmos que asinaran o proxecto de ‘recuperación Samil’, e conforme as mesmas prácticas e usos. Por suposto ningún dos dous é un proxecto ambiental, de recuperación nin rexeneración. Son proxectos de enxeñería e arquitectura, de urbanización e reurbanización. Cando menos, que chamen as cousas polo seu nome e se deixen de burlas.
Estamos fartos de ver como empresas e administracións tratan o ‘ambiental’ como unha mera apariencia, palabreria para cubrir o expediente, cando non usan como xustificación das maiores desfeitas. Outro proxecto no litoral (1), este promovido por Naturgy, pretende soterrar un tendido eléctrico polo Espazo Natural de A Ramallosa e inclue un ‘Estudio Bionómico’ redactado por unha IA e presentado sen sequera correxir, cun resultado tan vergoñento que non pasaría a mínima revision nunha escola primaria. Disque, os asinantes humanos da empresa de Valladolid encargada po ‘Estudo’, unha enxeñeira agrónoma, unha doutora en Bioloxía e un xeógrafo e doutor en Patrimonio, nin sequera coñecen a zona e nin se decataron ou non lles importou que a IA lera ‘Cabo Home’ e traducira do inglés ‘Cabo Fogar’, xunto a outros moitos erros do estilo. O proxecto está arestora en exposición pública e, chegando esta vez a tempo, denunciarémolo, mais o dramático é como chegamos a este nivel de degradación, porque este é o nivel.
Hai estudos que amosan que as paisaxes manifestan, e seica repercuten, na calidade da vida social. Os espazos onde vivimos importan e moito, mais do que adoitamos pensar, pois seus efectos non son meramente estéticos e van alén mesmo da saúde física. Unha paisaxe degradada resulta sempre producto de prácticas sociais degradantes, insolidarias, inxustas. A ruína do entorno é sempre unha perda de benestar público, dos bens comúns, e en consecuencia require e provoca a degradación das prácticas sociais. Non é posível contaminar sen marxinalizar e empobrecer á parte da sociedade que vive e se move nese espazo. E ao final, acabamos todos perdendo.
Conservo a foto que acompaña este artigo desde neno. Pertencía a un album de cromos do meu avó que eu gostaba moito ver e que gardei ao morrer el. A foto, tirada dende o peirao de Panxón, debe ser de finais dos 60 ou principios dos 70, e a miña memoria persoal xa non lembra ese Panxón, mais esas eran as dunas de Gaifar que hoxe dan nome a unha rúa. Na competición por ter o chalet ou o apartamento en primera liña, destruímos aquelo que nos era mais prezado, e hoxe collemos avións para desfrutar deses paisaxes, convertidos en privilexios para os ricos, a xeito de reservas índias, cada vez máis escasas, ameazadas e saturadas. A inquedanza social e a nostalxia medran, mais a memoria non recorda aquilo que foi perdido e non identificamos a orixe do malestar.
Na Punta de Samil podemos recuperar un precioso lugar onde que as dunas remontantes chegaban até os 30 metros sobre o nivel do mar. As borrascas do sur e suroeste seguen a meter as areas sobre o piñeiro e o espazo segue sendo público. Aínda estamos a tempo.