XORNAL DE VIGO, dentro da nosa cobertura aos conflitos da ponte de Rande e a AP-9, destacando as altas peaxes e as retencións constantes que está a sufrir a veciñanza, falamos con Félix Juncal Novas, alcalde de Bueu tras revalidar o seu cargo en 2015, que vén de concentrarse este domingo en Moaña coa veciñanza da súa comarca.
P- Á inauguración da ponte de Rande (decembro do pasado ano) non asistiu vostede nin os rexidores de Cangas, Moaña, Vilaboa, Redondela, O Porriño…
R- O tempo nos veu dando a razón ás alcaldías do Morrazo, que no seu momento decidimos non asistir, porque entendíamos que a obra non estaba rematada e en condicións de ser inaugurada. Inaugúrase algo cando está terminado. E neste caso facíase como escusa para o incremento das tarifas.
E en contra dos intereses das persoas que cruzan a ponte e o fan por necesidade, para incorporarse ao centro de traballo, aos hospitais… De forma irremediable precisan circular pola peaxe, con esas consecuencias.
P- Esta inauguración precoz poñía tamén en risco a seguridade?
R- Cando se inaugurou a ponte os carrís exteriores non estaban aínda conectados, e si que había dúbidas ata de se as medidas de seguridade estaban listas xa ou non.
P- Que opina dos últimos intentos da administración do Estado por concertar coa empresa concesionaria (Audasa) o levantamento das peaxes en caso de fortes retencións, coma as que están a acontecer nos últimos días?
R- Non saio da miña estupefacción, parécenos unha manobra de cara á galería, posto que este mes terminarán as obras, suponse, e polo tanto recuperarase a normalidade. Esta medida, por que non se tomou antes, cando se dixo fai meses? Por que se fai agora a última hora?
P- As retencións eran previsibles…
R- A cousa é que trasladouse en diferentes situacións, fai unhas semanas volvíase pedir unha reunión a Fomento, e pedíamos que levantaran as peaxes. Algo que no seu momento non foi atendido. Terán que explicar por que antes non era posible e agora si.
Entre os diferentes prazos e as esixencias de Audasa, vai quedar sen efecto e para uns días excepcionais. Segundo dixo o mesmo presidente da Xunta na inauguración da autovía do Morrazo, as obras rematarán antes que maio, posto que se comprometía a facer seguimento para elo.
O peor de todo é cando non sabes a intencionalidade do que sucede. As proclamacións da administración, son sinceras ou non? A gran interrogante é porque agora si e porque fai varios meses non foi posible. Supoño que ten que ver con quedar ben diante da cidadanía, e nunca saberemos se non era algo preparado entre a Administración e a concesionaria.
P- A situación favorece á administración do Estado?
R- O que tampouco se está a dicir é que a Administración con este tipo de concesións sobre peaxes cobra un canon, polo que tamén teñen interese en seguir mantendo este negocio, que sae dos petos dos usuarios e usuarias.
A Administración, neste caso o Estado, é tamén parte interesada, para así financiar outras infraestruturas en distintas zonas de España, algo que a outros non lles fan. A diferenza é de carácter político: os galegos e galegas aceptamos este tipo de situación. Mentres non tiñamos a forza suficiente para incidir nos órganos de goberno, seguiremos expostos.