Tradicións que non deben morrer: queiman en Bueu ao paxaro de mal agoiro

Que mellor forma de rematar o entroido.

Queima do paxaro/ Concello de Bueu

O Concello de Bueu celebrou este domingo, 10 de marzo, un dos eventos máis agardados do Entroido, o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, no que participaron máis dunha vintena de grupos.

Así, tras o desfile e a posterior queima do paxaro na Banda do Río (o cal foi elaborado polo ilustrador local Marc Taeger), o xurado foi o encargado de anunciar os premios: na categoría das comparsas de Bueu o 1º premio, dotado con 100 € foi para “Asociación As Faltriqueiras” e o 2º, de 50 € para “Os do Pinsel”; nas agrupacións de máis de quince compoñentes, “Viaxeiros no tempo” fíxose co primeiro posto de 250 €, “El oeste de los Monpitunis” co 2º de 175 € e “Locos años 20” co 3º de 100 €, e das agrupacións de entre tres e quince compoñentes, “Medusas do Morrazo” foi o primeiro clasificado, cunha dotación de 100 € e o segundo “Vimos de Beluso” con 80 € .

Así mesmo, houbo premios para a categoría de parellas, resultando gañadores Delfina Martínez Carballo para o primeiro premio de 100 € e “Tribu Africana Zulú”, a segunda, con 80 €.

Finalmente, na categoría individual, José Martínez Nogueira fíxose co primeiro e único premio de 80 €. Ademais, e ao igual que o pasado ano, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar.

Queima do paxaro/ Concello de Bueu

Concretamente, destinaranse 350 euros ás comparsas de Bueu que formaron parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participaron no desfile do Enterriño da Sardiña e teñen máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participaron no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean conformadas por máis de quince persoas.

O xurado estivo composto por Manuela Millán Otero, en representación do Concello de Bueu, Adrián Ferrer Reboiras, concelleiro do BNG, Julio Villanueva, voceiro de ACB- SON, Mercedes del Pilar Otero, edil do PP, Ana Ave, presidenta da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) e Pablo Portela, presidente da Asociación Veciñal A Morada de Meiro.

A tarde deste domingo culminou cunha homenaxe a Silvino Dopazo “O Cimarrón”, na que se lle fixo entrega dunha figura do faro de Ons á familia. O broche de ouro puxérono as comparsas cunha actuación musical e festiva na Praza Massó.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here