InicioMedio Ambiente e PatrimonioAs especies pirófitas ocupan máis do 80% do terreo natural do Morrazo

As especies pirófitas ocupan máis do 80% do terreo natural do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo alerta do "exceso de combustible" no territorio, que está detrás, entre outros factores, da gravidade de incendios coma o de Moaña.

PUBLICADO O

A abundancia de eucaliptos e piñeiros que, segundo a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ocupan máis do 80 por cento do terreo natural na comarca, e aos que se suma a presenza de acacia, xunto coa gran altura da matogueira, contribuíron á gravidade do incendio ocorrido esta semana en Moaña. “É o problema de sempre, o exceso de combustible de especies pirófitas”, afirmou o portavoz deste colectivo ambiental, Cándido Martínez.

“Houbo conatos no Morrazo durante o verán, pero este foi o peor”, engadiu, en alusión á vintena de hectáreas calcinadas. “Pero puido haber desgrazas”, advertiu Martínez sobre as consecuencias do lume, que obrigaron a decretar o nivel 2 de emerxencia debido á proximidade das vivendas, aínda que finalmente “non ardeu ningunha casa nin houbo feridos”.

Ademais da “polvoreira” no que se converteron os montes do Morrazo e ante unha seca que “se prevé duradeira”, Cándido Martínez criticou non só a “mala planificación” forestal, senón tamén a nivel urbanístico, co arboledo “encima das casas”. “Menos mal que non pasou á parte superior do corredor do Morrazo”, precisou o portavoz da Plataforma, rememorando un devastador incendio forestal que, en 2006, se orixinou no municipio veciño de Vilaboa e alcanzou as parroquias moañesas de Meira e Domaio.

A esta cadea de circunstancias engádese que “non hai silvicultura, nin clareo nas plantacións e a rede de faixas de defensa contra incendios están sen rozar”, avisou Cándido Martínez. Todo isto, máis o “monocultivo” de pirófitas, formou un “caldo de cultivo” propicio para o lume.

Martínez destacou que agora o labor das brigadas terrestres resulta fundamental para apagar os incendios, previamente “aplacados” polos medios aéreos. A base de “regar” a superficie afectada evitaríase o rebrote das chamas a través dos rescoldos que se aloxan na “densa capa de follaxe” de piñeiros e eucaliptos acumulada no terreo que “gardan a calor”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...