InicioMovementos SociaisSobredo lembra os seus 'mártires', tres veciños asasinados pola Garda Civil na...

Sobredo lembra os seus ‘mártires’, tres veciños asasinados pola Garda Civil na loita contra os foros

O acto terá lugar o 28 de novembro, cando se cumpren 99 anos daquel día en que perderon a vida a tiros da Garda Civil Cándida Rodríguez, Xoaquín Estévez e Venancio González durante unha concentración de labregos e labregas que se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagaba rendas de foros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un ano máis, a veciñanza do lugar de Sobredo (Guillarei – Tui) volve homenaxear a Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui); Xoaquín Estévez, de Soutelo (Salceda); e Venancio González, de Budiño (Salceda), que foron asasinados cando a Garda Civil disolveu a tiros unha concentración de labregos e labregas que se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagaba rendas de foros.

Da man do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, a homenaxe a estas tres persoas, que hoxe seguen sendo símbolo de loita contra as inxustizas, terá lugar o 28 de novembro, cando se cumpren 99 anos daquel día en que perderon a vida.

“Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia”, sinala o Instituto nun comunicado. 

Unha delas, Cándida Rodríguez, representa o “papel protagonista da muller nas loitas sociais de comezos do século XX”, e, segundo o Instituto, “dá testemuñado o seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión exercida nesa altura”.

PROGRAMA

O acto de homenaxe terá lugar ao pe do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista. Coa recuperación da memoria dos feitos, dende 1986, e a reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións culturais e comunidades de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.

Neste ano 2021, no domingo 28 de novembro, os actos desenvolveranse de acordo ao seguinte programa: concentración ás 11,00 horas na Carballeira de Sobredo, desprazamento ata o monumento ás 11,30 horas, presentación do acto por parte do IEAMSO e intervencións da poeta Marta Dacosta e o biólogo e ecoloxista Ramón Varela ás 12,00; e ofrenda floral no monumento ás 13,30 horas. A clausura do acto correrá a cargo do grupo de gaitas ‘Folieiros’.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e presume de xestión: “Se hoxe houbese eleccións subiriamos 2 concelleiros e gañariamos a Deputación”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presumiu este martes de liderado municipal, e vaticinou:...

Abel Caballero acende “as luces de Nadal de todo o planeta”: Vigo estreará o seu espectáculo o 15 de novembro

A iluminación do Nadal de Vigo acenderase o próximo 15 de novembro, segundo desvelou...

O TSXG dá a razón ao Concello de Vigo no caso do concerto de Guns N’ Roses e evítalle pagar 1,5 millóns á promotora

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado polo Concello...

Caballero carga contra Rueda polo ‘non’ á Facultade de Medicina en Vigo: “Defende un privilexio feudal”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu arremeter este luns contra o presidente da...