InicioMovementos SociaisO empresario que foi ignorado polo seu galeguismo

O empresario que foi ignorado polo seu galeguismo

“O espírito galeguista de Enrique Peinador na súa empresa foi un motivo máis de intervención liquidacionista”, asegura Ricardo Gurriarán, autor dunha monografía sobre Enrique Peinador Lines, un dos grandes empresarios galegos do século XX.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Enrique Peinador Lines e Mondariz, empresa, turismo e país” é un libro de Ricardo Gurriarán no que se pescuda toda a actividad empresarial filantrópica, cultura, empresarial e política de Peinador.  GC falou co autor sobre esta figura. O aeroporto de Vigo leva agora o nome de quen foi un dos principais modernizadores da empresa galega.

Desde o Balneario de Mondariz continuou a actividade filantrópica e emprendedora do seu pai, unha actividade que o levouno a impulsar proxectos artísticos, culturais e arqueolóxicos e tamén ao mundo da política, ao Partido Galeguista. Unha militancia que o levaría ao ostracismo e que acabaría co seu fillo nun paredón franquista. Outros, moi poucos, como Díaz Pardo, recolleron a súa filosofía empresarial. De todos estes temas falamos con Ricardo Gurriarán, autor da biografía.

Que supón o proxecto de Enrique Peinador para a cultura e o mundo empresarial galego?

Neste ano que se celebra o 100 aniversario da creación das Irmandades da Fala, temos que apuntar que Enrique Peinador Lines foi un emprendedor do mundo termal que se atreveu a poñer en práctica o ideario deste movemento galeguizador, por outra banda, único e ousado da «especie empresarial» nos comezos do século XX que acometeu  tal empresa. Enrique Peinador foi quen de levar a cabo actividades a prol da difusión da nosa cultura identitaria e da lingua galega nos espazos do seu coñecido e recoñecido emporio hidrolóxico: O Balneario de Mondariz.

Ademais, difundiu parte da nosa historia e dos seus protagonistas a través de excelentes publicacións, realizou actos culturais de relevancia no seu recinto hidrotermal, desde sesións da RAG, da que era membro correspondente, ata homenaxes a persoeiros da cultura galega como Murguía, pasando por exposicións pictóricas, concertos de música, rescate de festas e tradicións populares, realización de folións e conmemoracións de variada índole relacionadas coa comarca e co país.

Puxo en valor as investigacións arqueolóxicas da zona, coa colaboración do seu xenro Isidro Parga Pondal co profesor e colega Luís Pericot, máis co SEG e Cuevillas á cabeza, e o arqueólogo Ángel del Castillo. Xunto a seu pai, puxeron en marcha un Museo arqueolóxico e etnografico no recinto mondarizano, un dos primeiros de Galicia de carácter privado.

Tamén fixeron importantes doazóns de pezas ao Museo de Pontevedra. Estableceu unha escola de música para traballadores e traballadoras do Balneario co fin de crear diferentes agrupacións musicais, a maior parte de música galega.

Tamén se anunciaba en galego nas principais revistas da contorna filogaleguista da época e exercía de mecenas de artistas e acubillaba e convidaba no seu Balneario aos máis senlleiros defensores intelectuais da nosa identidade.

Convocou un relevante concurso de estudos que redundasen no desenvolvemento de Galicia: os premios Mondariz de economía, e de arquitectura e investigación musical relacionados co país (1921). Todas elas, actividades onde as Irmandades da Fala fixeran fincapé para promover unha intervención social: modernizar e conservar.

Escultura de Peinador diante do Balneario de Mondariz / mundiario.com
Escultura de Enrique Peinador diante do Balneario de Mondariz / mundiario.com

Sendo un dos grandes innovadores do seu tempo. Como concebiu el a súa empresa?

A súa empresa, que viña de atrás cuns trazos moi peculiares da man de seu pai, viña ocupando un espazo moi interesante dentro do termalismo peninsular, non alleo ás mudanzas sociais que se viñan dando na Galicia do cambio secular.

Neste ámbito, Enrique Peinador fidelizou a clientela de notables do mundo intelectual, político e artístico, que atraera o vello Peinador, roubándoa dos «notables» centros termais centroeuropeos, como foi o caso de Emilia Pardo Bazán, principal voceira intelectual e literaria do Balneario de Mondariz.

Por efecto chamada da nobreza que ocupaba os salóns do novo edificio do Gran Hotel do Balneario (1998), foi o novo temonel Enrique (/1907) quen imantou á mediana e pequena burguesía para que viñesen ao espazo de relación e cultura que ofrecía o lugar, á parte dos efectos hidroterápicos que ofertaba, e a ocupación de ocio con novas actividades das que non se esquecía o sport, os paseos naturais e os bailes populares e os folións con música galega. Tamén introduciu a posta en valor do patrimonio artístico da zona máis as viaxes aos principais centros de interese da contorna, mediante o novo invento que revolucionou a mobilidade: o automóbil.

Enrique Peinador tamén soubo rodearse de persoeiros que, dalgún xeito, colaborasen na incorporación de Mondariz á modernidade, como foi o caso de Antonio Palacios, principal artífice da creación de espazos arquitectónicos e urbanísticos do lugar. Con Palacios deseñou o mozo Enrique a creación dun amplo polo metropolitano atractivo para o turismo, con maiúscula.

EPL, xunto a outros emprendedores vigueses, creou a Asociación para el Fomento del Turismo en Galicia (1910), da que non quedaban excluídos os viaxeiros que arribaban ao porto de Vigo, nomeadamente ingleses. Tampouco os abastados emigrantes galegos en América, antes de visitar os seus lugares de orixe.

Tamén coidou a médicos e emigrantes galegos en América, como elementos clave para difundir a súa empresa diversificada: termalismo (baños  in situ) e venta de augas minerais. En definitiva internacionalizou a súa empresa e tratou de colaborar para significar e poñer en valor a Galicia no mapamundi.

Que cres que é o que o diferencia a el doutros empresarios galegos do seu tempo?

A diferenza doutros empresarios da época, Enrique Peinador centrou o seu interese emprendedor nun marco de perspectiva de país en desenvolvemento, cunha actitude de benefactor e de emprego dos excedentes na mellora da excelencia do escenario, que non nas ganancias, de xeito exclusivo. Sempre aproveitou os rendementos económicos que lle daban as vendas das augas para manter o seu principal centro de interese: o Balneario.

Mirou pola creación e consolidación dunha área practicamente rural, como era a aldea de Mondariz, mesmo creando un novo concello: Mondariz-Balneario.

O rigor científico e a escolla da xente para levar a cabo labores fundamentais foron sinais de identidade en Enrique Peinador. Desde as análises químicas e o director médico ata o persoal cualificado de determinadas áreas de responsabilidade do seu negocio.

E como foi posible unir o concepto de galeguismo e de empresa nunha época de tantos cambios?

Enrique Peinador, na maioría dos catro réximes políticos diferentes que viviu, soubo manter os elementos diferenciais que caracterizaban o seu labor empresarial, mais non puido facer fronte ao crack do ano 1929, economicamente falando.

A empresa por el dirixida, de xeito progresivo e acelerado, pasou a mans bancarias, como case todas as marcas de negocios familiares importantes na altura: entrada de capital bancario nas famosas ampliacións de capital «de obrigado cumprimento», para logo as entidades facerse coa maioría das accións das empresas.

Logo do golpe de Estado de 1936, que deu ao traste con todo, foi liquidada a súa marca especial, mesmo a súa vida. Para os poderes políticos e económicos, non cadraban empresarios que se saísen das coordenadas marcadas, as de sempre, mais sen veleidades, como eran as do selo Peinador .

Logo, tivo problemas por iso?

Enrique foi observador de como se ía liquidando todo aquilo que caracterizara o seu labor. Seus comezos de ideais na coruñesa Cova Céltica do libreiro Carré, que sempre levara con orgullo, foron esvaecéndose co empuxe das grandes entidades financeiras, que aproveitaron a conxuntura para facerse con boa parte do tecido empresarial galego. Mais o seu afán catalizador de levar o espírito galeguista, en clave país,  á súa empresa, naquel momento case foi un motivo máis de intervención liquidacionista, ao meu parecer.

Entón, a súa experiencia non cuallou, que pasou para que a súa idea de país e de empresa non fora consumada?

«Liberado» das súas responsabilidades empresariais, foi cando Enrique dedicouse máis a fondo á política activa, participando nas grandes decisións do PG, no que militaba desde a súa creación en 1931. Tamén seu fillo homónimo tivo un compromiso político importante na Izquierda Republicana de Azaña, e como avogado progresista, cuestións estas que foron determinantes para que acabara a súa vida nun paredón de Madrid en 1940, da man dos vencedores.

E cres que hoxe hai algún modelo empresarial semellante ao de Peinador en Galicia?.Digo isto porque hai moita reticencia entre o grande empresariado a destacar o propio, máis alá de campañas comerciais. Non cres?

Tendo en conta a mudanza de escenarios e situacións, sería Isaac Díaz Pardo o empresario que máis se asemellaba a Enrique Peinador, pois foi dos poucos que tiña clara a idea de país e desenvolvemento, ligados; e de ser quen de saber e querer facer equilibrios empresariais para levar a cabo iniciativas culturais non rendibles en base ao transvase de excedentes económicos de outras áreas que xeraban beneficios. Desgraciadamente o seu ideario non foi herdado polos que agora comandan a que era a súa empresa.

Cales serían as chaves, segundo ti, que as grandes empresas galegas debían aproveitar da experiencia de Peinador?

Paseniño, desde hai uns anos, se veñen incorporando algunhas empresas a labores básicas de imaxe corporativa, uso interno da nosa lingua en convenios, etiquetaxe de produtos, información externa…

Neste labor xoga un papel fundamental o traballo desinteresado que ven desenvolvendo o Foro Enrique Peinador, con Xosé González Martínez e o seu equipo, cos que son colaborador habitual, quen foron os que me encargaron esta biografía, por ser Enrique Peinador referente esencial de galeguidade e modernidade no tecido empresarial galego de outrora, e imaxe e icona a seguir.

Aínda que os tempos son difíciles para este reto, máis o foron noutras épocas… Convido á xente a ler o libro para descubrir a un personaxe que, sen lugar a dúbidas, fixo país.

ÚLTIMAS

40 axentes homenaxean a un compañeiro da Garda Civil que estivo un ano nun hospital tras un atropelo

Preto de 40 axentes da Garda Civil e numeroso persoal do Hospital Vithas...

Juan Carlos I chega de novo a Peinador para regatear en Saxenxo

Tal e como se esperaba, o rei emérito Juan Carlos I aterrou este mércores...

O PP critica que Caballero non explicase as súas “chapuzas e irregularidades” tras un ano do concerto de Guns N’Roses

O PP de Vigo lamentou que pasase xa un ano do concerto do grupo Guns N'Roses...

Arquivan a causa contra o chofer do autobús accidentado en Cerdedo-Cotobade onde faleceu un rapaz de Nigrán en 2022

O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra ditou o sobresemento da causa contra...