O foro de loita contra a pobreza e a exclusión social Os Ninguéns, a Rede de Solidariedade Popular da Comarca de Vigo e o colectivo Distopía convocaron na mañá deste xoves unha protesta cidadá diante do antigo asilo contra os desaloxos no Barrio do Cura, que se iniciaron para o derrubamento de varios inmobles, previo paso á construción dunha nova urbanización de luxo neste zona céntrica da cidade.
A protesta tiña como obxectivo denunciar “a irresponsabilidade municipal na xestión do desaloxo do Barrio do Cura, tendo en conta as situacións que se están a producir” e para “esixir realoxo inmediato” dos veciños “expulsados da contorna (asilo, Rúa Llorente, Santa Marta..)”. Tamén se enviou unha carta á concelleira de Igualdade e Politicas de Benestar, Isaura Abelairas, e ao alcalde, Abel Caballero, para trasladarlles a postura destes colectivos sobre a xestión deste conflito social, que consideran que é froito dunha “grave falta de responsabilidade social e política”.
Os convocantes leron un manifesto no que denuncian a falta de alternativas habitacionais para as persoas desaloxadas no barrio, maiormente ‘okupas’ sen recursos e sen fogar.
Entre outras demandas, esixen ao Concello que interveñan os equipos multidisciplinares e que se amplíen as prazas e o tempo de estancia no albergue municipal, especialmente nos casos de persoas enfermas, e que se melloren as condicións de acollida para facer do albergue un espazo “máis integrador”.
Entre as demandas destes colectivos tamén figura un plan de vivendas sociais en réxime de aluguer.
“Temos que denunciar e visualizar que nos últimos días se veñen facendo intervencións de desaloxos no Barrio do Cura e outros edificios industriais da zona, politicamente irresponsables e altamente crueis. Avisando dun día para outro, ou con poucos días de antelación, sen tempo para ofrecer con urxencia unha habitación, piso ou alternativa algunha ás persoas sen teito que quedan totalmente desamparadas”, critican
Os manifestantes cualifican algunhas situacións de “vergoñentos incidentes” e “crueldades inxustificables”, como o tapiado de portas e fiestras “con persoas no seu interior”. E acusan a concelleira de “desinformar” a través de varios medios locais, “xerando máis estigmatización e humillación ás persoas afectadas”.
“Os incidentes destes días pasados son un auténtico escándalo humanitario”, denuncian os convocantes da protesta, que anuncian unha mobilización diante do Concello na véspera do inicio da campaña electoral para as municipais e europeas.
https://xornaldevigo.gal/sociedade/23522-policia-sanitarios-bombeiros-e-o-alcalde-intervenen-no-caos-polo-tapiado-de-vivendas-okupadas-no-barrio-do-cura/