InicioMovementos SociaisOs traballadores de Lugove manteñen a folga e acusan a empresa de...

Os traballadores de Lugove manteñen a folga e acusan a empresa de rexeitar a negociación

Decenas de empregados da concesionaria do transporte interurbano no Baixo Miño e no Val Miñor concentráronse na estación de autobuses de Vigo e anuncian unha nova protesta para o 28 de agosto

PUBLICADO O

- Advertisement -

O conflito laboral en Lugove, concesionaria do transporte público interurbano que conecta Vigo co Baixo Miño e o Val Miñor, sumou este venres a presión política do BNG, que reclamou á Xunta de Galicia que interveña ante os problemas que afectan tanto ao persoal como ao funcionamento do servizo.

Decenas de empregados da compañía participaron nunha nova xornada de folga e concentráronse na estación de autobuses de Vigo para denunciar a “explotación laboral” que, segundo aseguran, soportan no seu día a día. A protesta foi convocada pola CIG, que acusa a empresa de manter unha posición pechada ante as demandas dos traballadores.

“A empresa en ningún momento ten intención de negociar”, denunciou o delegado sindical da CIG en Lugove, Anxo Taboada.

Entre as principais queixas do persoal figuran as xornadas cunha amplitude que pode alcanzar as 15 horas, nas que se intercalan tempos de espera entre servizos que, segundo os traballadores, non son remunerados. A representación sindical sinala ademais que estes períodos se producen en moitos casos fóra da base ou do domicilio dos empregados, “lonxe da casa ou da base, co uniforme e sen poder desprazarte”.

A CIG CIFRA NUNS 45 OS TRABALLADORES ACTUALMENTE OPERATIVOS

O cadro de persoal da concesionaria supera os 60 empregados, segundo explicou Taboada, pero as baixas existentes reducen a arredor de 45 o número de traballadores que están actualmente operativos.

Aproximadamente a metade deles participou este venres na concentración convocada na estación viguesa. A mobilización chegou a impedir a saída dalgún autobús, aínda que os convocantes aseguraron que se mantiveron os servizos mínimos establecidos para a xornada.

A CIG sostén que a compañía non prevé incrementar o persoal e interpreta que Lugove está a esperar pola renovación da concesión autonómica. Taboada asegurou que a empresa “non quere negociar” porque “lle sae a conta” e “non vai contratar máis persoal”, e considera que a súa estratexia pasa por agardar a que a Xunta aprobe un novo contrato cunha maior dotación económica.

Porén, segundo a información que o propio sindicalista asegura que lles trasladou o Goberno galego, o prego de condicións da futura concesión aínda non está pechado, polo que non se agardan cambios no contrato ata mediados do próximo ano.

Ante esta situación, o persoal ten previsto manter as mobilizacións. A seguinte xornada de folga está convocada para o venres 28 de agosto, coincidindo novamente cun día de elevada mobilidade durante o período estival.

O BNG RECLAMA Á XUNTA QUE “POÑA FIN AO CAOS”

Ás reivindicacións laborais incorporouse este venres o BNG de Vigo, que reclamou ao Executivo autonómico que “poña fin ao caos” no transporte por autobús que conecta Vigo co Val Miñor e co Baixo Miño.

A formación nacionalista pediu á Xunta que “exerza as súas responsabilidades” ante o que cualifica de “continuos incumprimentos” nun servizo que considera “esencial”. A demanda súmase á realizada esta mesma semana polo deputado do BNG no Parlamento galego Paulo Ríos.

Nun comunicado, o Bloque sostén que as incidencias que afectan aos usuarios se repiten diariamente e que “non son un problema puntual”. Segundo a formación, centos de persoas que utilizan estas liñas están a sufrir problemas recorrentes no funcionamento do transporte.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, trasladou ademais o apoio da organización aos traballadores de Lugove nesta segunda xornada de folga.

Pérez Igrexas atribuíu os problemas do servizo ao que definiu como “resultado directo do abandono e da inacción” da Xunta de Galicia. Entre as consecuencias desta situación, enumerou “incumprimentos laborais, falta de persoal, problemas de mantemento, avarías”, ademais de “cancelacións sen aviso” e “atrasos constantes”.

O BNG sitúa deste xeito a responsabilidade sobre o Goberno galego como administración competente na concesión, mentres os traballadores manteñen aberto o conflito coa empresa e reclaman melloras nas condicións laborais e na organización das xornadas.

ÚLTIMAS

Piden case 7 anos de cárcere para unha muller acusada de encerrar e maltratar o fillo adolescente da súa parella en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o mércores unha vista preliminar...

O BNG de Vigo propón subir ata un 150 % o IBI para grandes propietarios con vivendas baleiras

O BNG de Vigo propoñerá duplicar o recargo do imposto sobre bens inmobles (IBI)...

Afectados polo PIA do Ofimático de Vigo piden á Xunta que paralice a “trampa” das expropiacións

Afectados o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Ofimático e Santa Cristina de Vigo...

Roubo “sacrílego” de cálices, copones, patenas e unha xerra nunha igrexa de Nigrán

A Diocese de Tui-Vigo lamentou o roubo rexistrado o pasado mércores na igrexa de...