InicioMovementos SociaisMiles de persoas paralizan o centro de Vigo nas protestas centrais de...

Miles de persoas paralizan o centro de Vigo nas protestas centrais de sindicatos: “Non vivimos só para traballar”

Un ano máis, UGT e Comisiones Obreras convocaron unha manifestación conxunta, mentres que a CIG fixo o propio por separado e media hora despois, concentrando cada unha delas a miles de persoas polas rúas da urbe olívica nun día asollado en Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Miles de persoas manifestáronse na mañá deste xoves 1 de Maio en Vigo, cidade elixida polos principais sindicatos para realizar as súas protestas centrais en Galicia deste Día Internacional dos Traballadores, onde a principal reivindicación foi a redución da xornada laboral: “Non vivimos só para traballar”. Un ano máis, UGT e Comisiones Obreras convocaron unha manifestación conxunta, mentres que a CIG fixo o propio por separado e media hora despois, concentrando cada unha delas a miles de persoas polas rúas da urbe olívica nun día asollado en Vigo.

En concreto, UGT e CC.OO. partiron minutos despois das 11.30 horas do cruzamento de Vía Norte con Urzaiz, percorrendo algo máis dun quilómetro ata a Delegación da Xunta en Vigo. Con berros de ‘mocidade con traballo, futuro garantido’‘Queremos respecto e menos decreto’, ou ‘Vaia merda de salario, gaña todo o empresario’, os manifestantes ían precedidos dunha pancarta que rezaba ‘Protexer o conquistado, gañar futuro’. Precisamente sobre o “futuro” falou ante os medios de comunicación o secretario xeral de UGT en Galicia, Cristóbal Medeiros, quen se referiu a os “retos” que teñen por diante os traballadores, como a redución da xornada laboral a 37,5 horas, aínda que sería un “pequeno paso” porque “o ideal sería menos”.

Tamén se referiu á necesidade de acabar coa sinistralidade laboral ou co problema da vivenda e a endurecer o despedimento. Con todo, puxo o foco na importancia de “defender os logros conquistados”, como o salario mínimo, a reforma laboral ou a das pensións. Todo isto debido a que “están en risco” por esas “persoas que queren acabar coa Democracia”, apuntando directamente aos aranceis do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, que “pon en perigo a situación dos traballadores”.

Na mesma liña falou a súa homóloga en CC.OO., Amelia Pérez, pondo en valor a loita para “protexer o conquistado” e avanzar cara ao futuro. “Toca xa reducir a xornada. Non vivimos só para traballar”, apostilou este xoves en Vigo, falando doutras cuestións como os “discursos belicistas”, solicitando que prime “a razón e o diálogo”. Á manifestación de UGT e CC.OO. acudiron diversos representantes socialistas, como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

MANIFESTACIÓN CIG

Minutos despois, a CIG comezou a súa protesta uns metros máis arriba, no cruzamento de Gregorio Espino con Urzaiz, camiñando a partir das 12.00 horas máis dun quilómetro e medio ata a Porta do Sol. O slogan principal da protesta dicía ‘Traballo, dereitos, soberanía. Galicia contra as guerras’ e á mesma acudiron moitos representantes políticos do BNG, como o deputado no Congreso, Néstor Rego; o portavoz nacionalista en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, ou o deputado galego, Brais Ruanova. Pola súa banda, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, non puido asistir debido a sufrir unha escordadura nun nocello.

‘Non á guerra, Galicia pola paz’‘Así, así, nin un paso atrás. Loita obreira, acción sindical’, ou ‘Gastos militares, para sanidade’ foron algunhas das consignas gritadas durante a manifestación. A reivindicación dunha redución da xornada laboral e “salarios dignos” tamén coparon as peticións deste sindicado. Ante os medios de comunicación, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lamentou o incremento do gasto militar e do belicismo “como arma para perpetuar a explotación de clase”.

Por iso, criticou as políticas da Unión Europea e do Goberno central, cun “plan de axuste” con “reformas laborais” que “cronifican a pobreza laboral”. “Todo isto combinado cunha situación en Galicia onde o PP practica unhas políticas suicidas contra o pobo galego, coa mercantilización dos servizos públicos“, criticou, acusando tamén á Xunta de “pór a disposición dos fondos de investimento” os recursos naturais e a riqueza da Comunidade “non para crear emprego e industria, senón para satisfacer os balances económicos e investimentos de quen pretende vir a Galicia a expoliar os recursos”.

Precisamente sobre este tema criticou que o pasado luns, durante o apagamento enerxético, Galicia fose unha das últimas comunidades en recuperar a luz, a pesar de fornecer a enerxía a gran parte de España, lamentando que a Xunta cedese as súas competencias ao Executivo central durante a crise. Por todo isto, a CIG convocou este xoves ata 17 manifestacións por distintas localidades de Galicia, sendo a principal en Vigo. Nelas, tamén se protestará pola guerra en Palestina e para solicitar unha redución da xornada laboral a 35 horas. Antes, a CUT tamén levou a cabo a partir das 11.00 horas en Vigo a súa propia manifestación, a pesar de que a convocatoria central da devandita organización, xunto con CGT, CNT e o Sindicato da Elevación celebrouse na Coruña a partir das 12.30 horas.

ÚLTIMAS

Remolcan unha embarcación fronte ás illas Cíes que quedou sen propulsión con 11 persoas a bordo

Salvamento Marítimo remolcou a pasada noite a embarcación de pasaxe 'Salacia', que quedou sen propulsión fronte á...

Axentes interveñen nunha pelexa entre pais tras unha discusión dos seus fillos

Axentes da Policía Local, con apoio de efectivos da Policía Nacional, interviñeron nunha pelexa...

Un acertante de ‘A Primitiva’ gana máis de 1,2 millóns de euros en Vigo

O dono dun boleto de 'La Primitiva' validado en Vigo percibirá máis de 1,2 millóns...

Detido un veciño de Nigrán tras supostamente agredir á súa parella por non facerlle a cea

Un home, de Nigrán e 44 anos de idade, foi detido na noite deste...